Punto Laranxa contra o acoso escolar

 Está dispoñible na web do centro o Punto Laranxa contra o acoso escolar. Picando na icona que o identifica, na marxe esquerda da páxina, accédese a un formulario onde comunicar ao centro calquera situación que se considere constitutiva de acoso escolar ou ciberacoso. Así mesmo existe un Punto Laranxa contra o acoso escolar no corredor do centro, a carón da sala do profesorado.

Tanto o Punto Laranxa físico como o virtual son revisados a diario polo Equipo Directivo do centro, a Coordinadora de Benestar e Convivencia e a Xefa do Departamento de Orientación. Son estas persoas as que deben estudar as comunicacións, clarificar os feitos que nelas se denuncien e decidiren se existen indicios suficientes como para a apertura dun protocolo de acoso escolar.

 

 

Acreditación competencias dixitais alumnado 4ºESO

Resolución do 28 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, dita as instrucións para a acreditación das competencias dixitais do alumnado.

Así, o alumnado matriculado en 4º de ESO no presente curso que obteña o título de graduado en educación secundaria obrigatoria recibirá o certificado que acredite o nivel de iniciación.

O alumnado matriculado en 4º de educación secundaria obrigatoria poderá presentarse a unha proba específica co obxectivo de acreditar os coñecementos, habilidades e actitudes propias do nivel intermedio.

A proba será en formato online. Constará dunha batería de 60 preguntas (12 por área de competencia) a contestar nun tempo máximo de 90 minutos. Realizarase no mes de maio no centro educativo. Para superala deberase responder correctamente a un 70% do total de preguntas, sendo necesario ademais obter un mínimo do 60% de respostas correctas en cada unha das cinco áreas.

O prazo de solicitude e inscrición nas probas específicas remata o 15 de marzo. A participación nas probas ten carácter voluntario. A certificación en competencias dixitais do alumnado terá unha validez de cinco anos.

Solicitude inscrición (entregar en administración).

Máis información competencias dixitais.

Demo da proba de acreditación. 

Recollida de lixo mariño en Santa Cruz

Setenta e cinco alumnas e alumnos de 1º ESO participaron na mañá do mércores 28 de febreiro nunha actividade de recollida de lixo mariño na praia de Santa Cruz. En algo menos dunha hora de recollida, apañamos sesenta quilos de plásticos e outro lixo. O detalle dos materiais retirados pode consultarse no arquivo que se adxunta con esta noticia

Para a actividade o alumnado dividiuse en dous grupos. Mentres un dos grupos, acompañado de persoal do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), recollía e clasificaba o lixo, o outro grupo realizou unha camiñada entre Santa Cruz e Bastigueiro, ao longo da contorna da ría. 

O día anterior, Ángel Prieto, un dos divulgadores medioambientais que traballa no CEIDA, impartiu nos grupos de 1º un obradoiro sobre a necesidade de reducir o consumo de plásticos. Ángel explicou ao alumnado as consecuencias medioambientais do vertido incontrolado de plásticos e a necesidade de impulsar plans para a redución do seu uso e a súa reciclaxe. A actividade estivo organizada polo Departamento de Educación Física, dentro do Plan de Actividades Físicas e Hábitos Saudables. 

Recollida de lixo mariño de Félix Longueira Fafián

Proceso de ADMISIÓN ordinario - Curso 2024/2025

Para todo o alumnado que entra por primeira vez no sistema educativo ou para aqueles alumnos/as que desexan cambiar de centro escolar sempre que haxa prazas dispoñibles. alumnado, procedente dos centros de primaria adscritos, con reserva de praza admitida NON terá que presentar solicitude de admisión.

POSTOS ESCOLARES OFERTADOS 2024/2025  

1º ESO à  32 postos + 12 postos aneae*

2º ESO à  3 postos  

3º ESO à    9 postos

4º ESO à    22 postos  

* Reservadas para atender a escolarización de alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. No caso de non adxudicarse a este alumnado, asignaríanse ao resto no procedemento de admisión ordinario, ou de ser o caso, na adxudicación subsidiaria.

CALENDARIO ADMISIÓN 2024/2025 

Reserva de praza                                                                  Do 15 xaneiro ao 5 de febreiro

Listaxes de reserva                                                                22 de febreiro

Publicación de vacantes                                                      Antes do 1 de marzo

Presentación de solicitudes de admisión                       Do 1 ao 20 de marzo 

Presentación de documentación xustificativa                 Do 21 de marzo ao 3 de abril

Listaxes provisionais de admitidos e non admitidos      25 de abril

Listaxes definitivas                                                               15 de maio

Formalización de matrícula                                                Do 23 de xuño ao 7 de xullo  

 

SOLICITUDE ADMISIÓN 2024/2025

A consellería de Educación pon á disposición das familias unha ferramenta informática, a aplicación admisionalumnado , que posibilita que os proxenitores cubran a solicitude na aplicación (premendo no menú da mesma en Solicitudes > Admisión > Crear), marquen os criterios do baremo que, chegado o caso, queiran que se lles valore, e poidan presentala de forma presencial no centro, ou por vía electrónica a través da propia aplicación. 

Lembramos, que o alumnado, procedente dos centros de primaria adscritos, con reserva de praza admitida NON terá que presentar solicitude de admisión.

(Ver manual para as familias solicitude admisión)

As familias poderán consultar o estado de tramitación da solicitude nas distintas fases do procedemento utilizando o código que xera a aplicación ao cumprimentar a solicitude, xunto co DNI do proxenitor ou proxenitora asinante.

RESERVA DE PRAZA - Curso 2024/2025

Todas as solicitudes de reserva de praza (procedentes de alumnado dos centros de primaria adscritos, así como o alumnado de 4º de ESO do noso centro que solicitou reserva para 1º de bacharelato no IES Monelos) foron admitidas ao ser as prazas suficientes. Este alumnado non terá que presentar solicitude de admisión.

-> A listaxe pódese consultar presencialmente no taboleiro de anuncios do centro.

-> Igualmente de xeito telemático a través da aplicación Admisión alumnado empregando a Chave 365 ou certificado dixital.

A reserva adquire carácter vinculante. Este alumnado se presenta solicitude de admisión noutro centro deberá comunicar a renuncia á reserva no centro de adscrición antes do inicio do prazo de presentación de solicitudes de admisión.

En todos os casos, o alumnado de educación secundaria obrigatoria e bacharelato deberá formalizar a matrícula do 23 de xuño ao 7 de xullo.

A Coruña, 22 de febreiro de 2024.

CONCURSO "DEBUXANDO CIENTÍFICAS"

DEPARTAMENTO DE BIOLOXÍA E XEOLOXÍA

Rematou o concurso de debuxos sobre Científicas, concurso para conmemorar o "11 FEBREIRO: Día Internacional da muller e da Nena na Ciencia".

OS DEBUXOS ESTARÁ EXPOSTOS NO 1º ANDAR  DO EDIFICIO PRINCIPAL .                             

                      Debuxos premiados  

                                                                                                                      1º CICLO: Dora Noemí Yañac Anchari (1º ESO B)                 2º CICLO: Valeria Medina Silva (4º ESO C)

                                                                      

Entroido 2024

Rematados os mandatos do Meco, o venres 9 febreiro chegou a xornada Celebración do Entroido no instituto, organizada pola EDLG e a Coordinación de Convivencia..

Foi unha mañá chea de ledicia e celebración. No concurso de grupos participaron 16 dos 17 cursos, moitos con coreografía e escenificación incluídas e todos con ideas e disfraces estupendos.

Moito traballo en equipo no que o alumnado demostrou que se pode convivir en armonía, traballando en grupo, escoitándose, chegando a acordos, incluíndo e obtendo resultados. 

Moitas grazas ao profesorado e persoal non docente pola colaboración que fixo posible esta celebración.

Tamén moitas grazas ao alumnado que participou no xurado, na presentación dos grupos e na colocación do mobiliario ao principio e recollendo ao final.

Os gañadores do concurso foron:

                                          

                                

No seguinte enlace hai un video co resume do concurso:

 

https://youtu.be/BC6ETgmPZdY

Semana Branca do 6-13 xaneiro 2024.

50 alumnos e alumnas de 3º ESO foron do 6 ao 13 de xaneiro a Andorra, á estación de esquí de Soldeu El Tarter. Alí disfrutaron do ski e do balneario de Caldea. A actividade foi organizada polo departamento de Educación física.

RESERVA DE PRAZA - Curso 2024/2025

O prazo de presentación de solicitudes de reserva de praza para o alumnado que cambia de etapa educativa e desexa continuar estudos no centro de adscrición curso 2023-2024 será desde o 15 de xaneiro ata o 5 de febreiro.

A solicitude preferiblemente cubrirase na aplicación admisionalumnado (premendo no menú da mesma en Solicitudes > Reserva > Crear) e presentarase en sede electrónica ou, de xeito manual, no centro de orixe do alumnado:

Alumnado dos CEIPs María Pita e Ramón de la Sagra que cambia de 6º de EP a 1º de ESO pode reservar praza para o noso centro presentando a solicitude nos mesmos.

Alumnado do noso centro que cambia de 4º de ESO a 1º de Bacharelato poder reservar praza para o IES Monelos presentando a solicitude no noso centro.

 A publicación das listaxes de prazas asignadas mediante reserva de praza (ou se é necesario presentar solicitude de admisión no caso de non haber prazas suficientes) farase no taboleiro de anuncios dos centros de orixe e de destino antes do  23 de febreiro.

alumnado que continúa estudos no centro onde está matriculado ten garantida a súa permanencia nel e, polo tanto, non precisa dun novo procedemento de admisión (nin solicitude de reserva).

En todos os casos, o alumnado de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato deberá formalizar a matrícula do 23 de xuño ao 7 de xullo.

>> Mais información na propia aplicación de admisionalumnado (normativa relacionada, manual de uso da aplicación para as familias, modelos solicitudes, consulta de listaxes de admitidos).

Xornada de portas abertas para responsables do alumnado de 6º Educación Primaria

O IES Ramón Otero Pedrayo convoca unha xornada de portas abertas para as persoas responsables de alumnado de 6º de Primaria, a fin de que poidan coñecer o centro. Á xornada poderá acudir calquera nai, pai ou responsable legal dun/dunha alumno/a de 6º de Primaria, aínda que non pertenza a ningún dos centros adscritos de primaria.

A xornada celebrarase o luns 22 de xaneiro, a partir das 19:30h. Na xornada estarán presentes o Director, o Xefe de Estudos e outro profesorado do centro.

Por razón de control do aforo, rógase que confirmen a súa asistencia cubrindo o formulario nesta ligazón.

Picando na ligazón da imaxe, poden acceder a unha breve presentación sobre algúns aspectos de organización e funcionamento do centro.

Distribuir contido