Articles

Manipulación a través da publicidade

En 3º da ESO traballouse preferentemente sobre as técnicas publicitarias e o impacto que estas teñen nos consumidores.

 

Como se pode ver neste exemplo a cargo de Artai Massó e Carlos Sánchez, pedíase ao alumnado que, na súa contorna próxima, identificase situacións de publicidade abusiva ou enganosa. Neste tipo de estratexias publicitarias, trátase de xogar co prezo ou a dispoñibilidade dun produto para estimular os impulsos de compra dos consumidores. Quen non picou algunha vez?

Historia da publicidade

En 4º da ESO o alumnado o traballo do alumnado orientouse sobre todo á evolución dos carteis publicitarios, en especial no eido da industria, o ocio e a poítico, que o alumnado plasmou en forma de presentacións. Como exemplos, traemos aquí dúas presentacións: por un lado a de Alba Lolo e Lucía Castro e por outro a de Martín Pérez. 

Na primeira delas pode observarse a evolución do cartelismo desde finais do século XIX até os nosos días: de carteis moi abigarrados pasamos a deseños moito máis simples, que procuran un forte impacto visual coa máxima economía de medios. Na segunda trabállanse algúns cartelistas famosos de finais do XIX, como Toulouse Lautrec, a outros máis recentes, como Fons Hickmann. Trátase case sempre de exemplos vinculados ao cine, onde o cartelismo segue a ter na actualidade unha forte presenza.

 Con esta temática buscábase a continuidade entre a materia de Valores Éticos e a de Xeografía e Historia. Esta última en 4º da ESO corresponde por completo á arte e historia da Idade Contemporánea. A propaganda, como forma de difusión de novos hábitos culturais e de consumo, ten un papel moi relevante na vida contemporánea. 

 

Exposición de carteis publicitarios

Xustos de tempo estamos a ultimar a exposición de carteis publicitarios realizados polo alumnado de Valores Éticos. Poderase ver no espazo expositivo (as redes) da primeira planta do centro até finais de xuño.

Con Carlos Fernández, profesor do departamento de Lingua Castelá, o alumnado de 2º da ESO está elaborando carteis publicitarios sobre as normas de convivencia do centro. Había que escoller unha norma e publicitala cun eslogan e un deseño chamativos. Os famosos partes –os apercibimentos escritos– son o terror do noso alumnado!

Con Cruz Faci, de Xeografía e Historia, o alumnado de 4º da ESO tiña maior liberdade. O alumnado podía publicitar calquera cuestión relacionada cos Dereitos Humanos ou un produto inventado. De momento temos unha campaña sobre os dereitos da comunidade LGTBI, unha empresa de gofres, o Pocket Phone e as deportivas Point, que destacan pola súa comodidade. Tal vez no futuro sexan os produtos estrela da túa tenda!

Linguaxe publicitaria

Da man do profesor Carlos Fernández, o alumnado de Valores Éticos de 1º e 2º da ESO estivo traballando sobre os tipos e destinatarios da publicidade, así como sobre a linguaxe que a publicidade emprega para crear necesidades de consumo e convecernos da bondade dos produtos cos que traballa.A parte máis curiosa do traballo foi aquela en que o alumnado analizou publicidade histórica, como o anuncio das bonecas de Famosa ou dos bolígrafos Bic. Ambos son un bo exemplo de como a música dun anuncio pode axudar a completar un anuncio. Que non coñece aquilo de “Las muñecas de famosa / se dirijen al portal” ou esoutro de “Bic naranja, escribe fino”.

Publicidade sexista, racista ou violenta - 2º ESO B

Ao cargo do profesor Félix Longueira Fafián, o alumnado de Valores Éticos de 2º ESO B recompilou por grupos anuncios publicitarios con contidos sexistas, racistas ou violentos contra as persoas e animais. Como podedes supoñer, non foi difícil atopar anuncios nestas coordenadas. 

Un dos grupos analizou a publicidade de automóbiles, case sempre dirixida a varóns de clase media e alta. Outro dos grupos analizou a publicidade de cosméticos, que neste caso diríxise case sempre cara mulleres. Ademais de ideais de beleza, en ambos campos da publicidade, transmítense ideas asociadas á masculinidade (liderado, status social, agresividade) e a feminidade (delicadeza, brandura, preocupación obsesiva pola imaxe corporal).

Houbo tamén traballos sobre os anuncios de apostas deportivas e xogos en liña ou sobre os youtubers. Mais sen dúbida a marca que máis xogo deu foi a de desodorantes Axe, pola hipersexualización constante dos seus anuncios e o rol pasivo que neles xoga a muller. Velaí deixamos, como mostra, a presentación que elaboraron Alba e Aitana. 

 

Obradoiro: Programa Cores, 23 de marzo de 2017

O 23 de marzo estiveron connosco Ana, Héctor e María, técnicos de consumo da Escola Galega de Consumo. Impartiron ao alumnado de Valores Éticos do centro o Obradoiro do Programa Cores. Foron preto de 200 rapazas e rapaces os que asistiron ás oito sesións do obradoiro ao longo da mañá!

No obradoiro falouse de consumo responsábel e publicidade. Analizáronse as estratexias que a publicidade utiliza para crear necesidades de consumo, a relación entre xénero e publicidade ou casos de publicidade enganosa.

Foi un obradoiro moi participativo, no que o alumnado tivo a oportunidade de despregar os seus coñecementos sobre publicidade que foron adquirindo na materia de Valores Éticos.

Presentación do programa

A principios de curso xuntámonos o profesorado de Valores Éticos do centro (Carlos Fernández, Verónica Túñez, Cruz Faci e Félix Longueira) e acordamos realizar un proxecto conxunto para todo o alumnado da materia. Revisamos os programas que ofrecía o Plan Proxecta e decidímonos polo programa Galicons. Neste programa trabállanse cuestións relativas aos hábitos de consumo, con especial incidencia en cuestións como o consumo responsábel ou a publicidade. Pensamos que había unha clara relación entre os valores éticos que asumen as sociedades democráticos e os hábitos de consumo e que para o noso alumnado había ser interesante ligar ambos aspectos.O programa púxose en marcha nas aulas á volta das vacacións de Nadal. Neste blogue iremos debullando as actividades e proxectos en que o noso alumnado vai traballando. De momento, no arquivo que se adxunta deixamos o programa didáctico do noso proxecto.