Skip to Content

“CANTAMOS O MAIO”: UN RECORRIDO POLA TRADICIÓN

Versión para impresoraVersión para impresora

“Cantamos  o Maio”: un recorrido pola tradición no I.E.S. “Miguel A. Glez. Estévez”, O Carril

Hoxe, xoves 30 de abril, e seguindo os mandados da tradición, os alumnos de 1º da ESO celebraron na Biblioteca un festival lúdico- musical, no que tamén tivo cabida un audiovisual que percorreu a nosa tradición do Maio, dende tempos pretéritos, pasando pola pegada celta e romana, así como a cristianización dos rituais,  xa en plena Idade Media.

     (Clic na imaxe para ampliar)

VER GALERÍA DE FOTOS

Comezou o acto na 2ª hora da mañá coa intervención do profesor de Lingua Galega e coordinador do EDLG, X. Ramón Brea quen, axudándose dun audiovisual, lle explicou ao alumnado diferentes aspectos sobre as orixes e a tradición dos Maios en Galicia.

Asemade, houbo unha audición do poema de Curros, “Aí vén o maio” musicado polo cantautor Luís Emilio Batallán. Logo, deu comezo a actividade central do acto, coa interpretación das coplas do Maio, axudados da percusión dos tradicionais paus, e confeccionadas polos rapaces e rapazas de 1º da ESO que foron dirixidos polos profesores de Lingua Galega, Miguel Barros, Tareixa Escariz e Pilar Conde. Da parte musical e do ensaio das coplas ocupouse o Departamento de Música, a cargo de Susana Suárez.

Tamén contamos cunha recreación artística dun maio tradicional feito polo alumnado das clases de Plástica e que foi dirixido polas profesoras Maica Fernández e Águeda Lojo que aportaron moito entusiasmo para lograr unha peza chea de colorido. Da parte vídeo-fotográfica encargouse o noso director, Manuel Rodríguez e o acto resultou moi atractivo, tanto artística coma culturalmente.
Para rematar celebrouse un concurso entre os participantes con preguntas sobre a tradición dos Maios e con agasallos para os acertantes.

Mañá é o 1º de maio e non hai actividade docente, pero xa estades todos avisados que antes de que se poña o sol hai que cortar os ramos de xesta e colocalos nas casas e en tódolos lugares que queremos preservar dos meigallos, sen esquecerse dos coches.

                    “Aí vén o maio

                   de flores cuberto...

                   puxéronse á porta

                   cantándome os nenos;

                   e os puchos furados

                   pra min estendendo,

                   pedíronme crocas

                   dos meus castiñeiros”.

                                                         X. Ramón Brea Rei (EDLG)



story | by Dr. Radut