Skip to Content

25 DE NOVEMBRO: EN LOITA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Versión para impresoraVersión para impresora

Manifesto 25N redactado por Natalia Lema, Carmen Martínez e Eva Soto de 2º de Bacharelato para ler no Auditorio Municipal, no acto colectivo de todos os centros do concello, e máis no vestíbulo do centro no segundo recreo.

Performance en memoria das 52 vítimas da violencia machista no que vai de 2019, a cargo do alumnado de 2º ESO, realizada no vestíbulo do centro no segundo recreo.

Manifesto 25 N


De negro. Hoxe, como cada 25 de novembro, vestimos de negro. Hoxe xuntámonos, de negro (tódolos centros educativos de Vilagarcía) para denunciar a violencia que sufrimos mulleres e nenas en todo o mundo. E para berrar claro e moi alto a nosa liberdade.

As estatísticas a nivel mundial son estremecedoras (nenas sen dereito á educación, mulleres queimadas, mutiladas, asasinadas, obrigadas a casar, a prostituirse…). No estado español increméntase o número de violacións,  de asasinatos de mulleres por parte de exparellas ou parellas, de secuestros para o negocio da prostitución, etc..
Nun estado que se di democrático e que celebra con pompa os aniversarios da súa Constitución,  esas cifras producen vergoña.  Queremos berrar que non é democrático ningún lugar onde a xustiza sexa patriarcal, onde exista fenda salarial entre homes e mulleres e, sobre todo, onde decisións como  a de iniciar e romper  unha relación ou pasear e divertirse de noite, ou dispoñer e decidir sobre o propio corpo sexan privilexios duns e non DEREITOS de todas e todos.

Por iso queremos unir o noso berro ao das mulleres que nos precederon, todas as nosas avoas,  todas  as científicas ignoradas, as filósofas, as artistas, as escritoras silenciadas, as bruxas queimadas, as amas de casa invisibles,  ao de todas as mulleres insultadas, explotadas, prostituidas, maltratadas ou  asasinadas.

Aínda que o patriarcado se empeñe en dividirnos e educarnos para ser rivais, todas debemos unirnos nesta loita, como irmás e amigas e animar para que se sumen ás nosas rivindicacións os nosos amigos e compañeiros. Quen quere quedar fóra da loita polo que é simplemente  XUSTO?

En tódalas épocas históricas alguén soñou con cambiar o mundo. As utopías parecen imposibles mentres o son. Nós queremos un mundo de liberdade, de cooperación, de axuda e coidados mutuos, non este mundo de competitividade e rivalidade no que as mulleres temos que denunciar, aprender a desconfiar, aprender a protexernos. Como di a a nosa poeta Ana Romaní  “Non queremos un sitio, queremos outro lugar”.

Por iso (desde este auditorio e)  subliñándoo en NEGRO, berramos a nosa dignidade.

Por mundo EN IGUALDADE E sen VIOLENCIAS.

                                                                                          Natalia Lema Álvarez
                                                                                  Carmen Martínez Caramés
                                                                                                Eva Soto Dorado

                                                                                                            2º Bach



story | by Dr. Radut