Skip to Content

Artigos

"GALEGOS", (Patente de corso), Arturo Pérez Reverte

“GALEGOS”

 

Teño na casa un antigo álbum de Castelao: corenta e nove láminas en folio, cada unha coa súa lenda. “Nós”, chámase. Os debuxos son de fai case un século: viñetas da vida galega campesiña e mariñeira, nacidas coma consecuencia das folgas da época, as matanzas de labregos e o caciquismo. Imaxes e textos tan pesimistas e terribles que, en palabras do autor, queiman coma un raio de sol a través dunha lupa. De vez en cando bótolle unha ollada a ese álbum, pola fermosura das súas imaxes e polo conmovedor sentido dos seus textos. A lámina nº 9 mostra unha pobre aldeá que carga cun cadaleito rotulado “Lei”, mentres di: “Canto pesa e como fede!”. Na número 16, un rapaz pobre dille a outro: “O que sinto eu é que algún que maltratou a miña nai morra denantes de que eu chegue a home”. E na número 37, un labrego comenta, falando dos seus fillos: “Téñoche un tan listo que ten quince anos e xa non cre en Deus”. Hai outras láminas irónicas e terribles, incluída unha que me remove por dentro cada vez que a miro: “Eu non quería morrer alá; sabe miña mai?” Nela, diante dunha pobre muller resignada, debaixo dun crucifixo e unha mesa con menciñas, un consumido emigrante agoniza.

 

Galegos. Agora, coa historia do Prestige, volvín sentar a follear as páxinas de Nós. Xa non é, por suposto, aquela Galicia na que o pobre vello daba o seu fillo para Cuba e o neto para Melilla, e logo perdía a mísera casoupa por non poder parar os impostos. Porén, quedan ecos. Aínda que ese ángulo de España é moderno e olla ao futuro, aínda garda desgraciados aires do que, tendo cambiado, nunca chegou a cambiar de todo: o lastre do caciquismo, a inxustiza e o esquecemento. Pensei moito niso estes días, vendo aos galegos na tele, oíndoos falar na radio coa amarga e sabia gravidade de que o ten todo moi claro. Conscientes, dende os tempos de Castelao e dende moito antes, de que “as sardiñas volverían se os Gobernos quixesen”; pero os Gobernos ou non queren, ou ata o de agora importáronlles as sardiñas un carallo. Velaí que, cando o inimigo asomou fronte á Costa da Morte en forma de mancha de fuel, os galegos, en vez de mirar a Madrid e chorar cruzados de brazos, agardando solucións ou milagres, saíron a pelexar, estoicos, que non resignados –só algúns políticos idiotas confunden  unha cousa coa outra, sabendo dende o comezo que o ían facer, coma sempre, sós. Con silencios, dignidade e coraxe. A disputarlle á vida esa dura loita na que son expertos dende fai séculos, deixando a pel nas praias e no mar. Logo, veu a fermosa solidariedade doutros lugares e xentes de España; e ao cabo, a lenta e torpe reacción oficial. Pero iso foi despois. Ao comezo, cando se botaron á loita, os galegos nin pedían, nin agardaban. Tan só contaban cos seus pobres medios. E cos seus collóns.

 

É a lección admirable desta traxedia: a extrema dignidade galega, mesmo no caos do comezo, cando a incompetencia oficial e a desesperanza. Non queremos esmolas, senón axuda, repetían. Que as marquesas do Rastrillo metan os xoguetes de Reis onde lles caiban, e que quede claro que os cartos recadados por estes ou aqueles é para pagar as súas bandeiriñas, e non cousa nosa. Aquí non fai falta caridade, porque temos mans e cabeza. O que necesitamos son medios técnicos e vergonza por parte da Xunta, do Goberno e da puta que os pariu. E oíndoos, véndoos organizarse e actuar cos seus barcos e os trebellos, froito do enxeño, e por riba ir a Francia a explicarlles aos gavachos que a marea negra non había que agardala na costa, senón ir ao seu encontro con decisión e combatela no medio do mar, estremecinme de admiración e fachenda, confirmando nas súas palabras, nos seus rostros curtidos e duros, na firmeza das mulleres que chapuzaban na lama das praias, que terían pelexado igual aínda que estivesen sós, porque o estiveron sempre, e están afeitos.

 

Así que, a partir de agora, máis vale que os Gobernos se preocupen das sardiñas. As cousas cambiaron dende aquel “En Galiza non se pide nada. Emígrase”, de Castelao. Moito ollo. A nova lenda véñena de gañar a pulso, dándolle exemplo a toda España, e é outra: “En Galicia non se pide nada. Lóitase”.

“Patente de corso”, Arturo Pérez-Reverte



by Dr. Radut