FacebookSíguenos en YouTube

Benvida. Curso 2018/2019

Benvid@s un curso máis a este portal do IES Maximino Romero de Lema. Un saúdo a todas as persoas membros da Comunidade Educativa: profesorado, familias e alumnado. Comezamos un novo curso con todo o que iso conleva: novas inquedanzas, novos proxectos, novos retos... Pasou un curso que estivo pleno de actividade cultural e formativa e que resultou ser do máis enriquecedor. Marcou un antes e un despois dentro da historia do noso Centro. O Proxecto “Feminino Plural” co seu apartado “Ao son delas” fixo posible que nos visitasen Sés, Guadi Galego, Habelas Hainas ou As Tanxugueiras que xunto con iniciativas como o supermural de Joseba Muruzábal, “Regreso á Foliada II”, fixo do curso 17-18, un curso inesquecíbel. Sabemos que todo iso non pasou desapercibido en toda a zona e fixo que durante os meses que durou o proxecto fósemos unha referencia comarcal. Pero non podemos quedarnos aí e sabemos que aínda podemos marcarnos novas metas. Coa axuda de todos: Centro, Anpa, Asociacións locais, Concello... que sempre colaboraron neste tipo de iniciativas, podemos seguir mellorando, se cabe, aínda un pouco máis.

Todo iso redundará na formación dos nosos alumnos e alumnas e fará que sexa unha educación máis inclusiva, igualitaria, integradora e o máis diversa posible.

Por último desexarvos un feliz curso 18-19 e moita forza.

O Equipo Directivo.