FacebookSíguenos en YouTube

A GAITA, UN INSTRUMENTO MUNDIAL

O gaiteiro, e profesor deste centro, Alberto Coya achegounos neste obradoiro o carácter mundial da gaita, un dos instrumentos musicais propios da nosa cultura, quizais o máis recoñecido, pero que tamén está presente, con distintos nomes, na música popular de moitos outros lugares da Península Ibérica (Asturias, Castela, Euskadi, Navarra, Aragón ...), de Europa (Francia, Irlanda, Escocia, Portugal, ...) e do resto do mundo (norte de África, Oriente Medio, …).

Mediante unha exposición moi ben documentada, Alberto Coya realizou unha detallada descrición da gaita e dos tipos de gaita de cada zona, seguida por un repaso da historia deste instrumento:  a súa orixe, etimoloxía, iconografía e a evolución histórica desde a súa orixe, probablemente en Mesopotamia, ata a actualidade.

Por último, presentou unha mostra de gaitas de distintos lugares (galega, asturiana, irlandesa, escocesa) e distintos tipos, incluso dúas gaitas electrónicas, explicando as súas características e interpretando unha peza con cada unha delas coas que puidemos comprobar as distintas tonalidades que producen e as diferentes maneiras de executar este instrumento, así como tamén as súas semellanzas e o seu carácter universal.

Foi todo un privilexio asistir a esta exposición da man dun dos mellores gaiteiros do país e do mundo e poder compartir os seus coñecementos e a súa paixón pola gaita.  Sen dúbida, unha actividade imprescindible para o coñecemento e a valoración da nosa cultura.