Donas de si.

O ALUMNADO DE 3º, 4º e 2º ESO A DO IES MARTAGUISELA GOZOU DO CONCERTO POÉTICO DE CINTA ADHESIVA, O PASADO DÍA 16 DE MAIO, "Cinta Adhesiva, o resto do ceo, no Martaguisela"

Cinta Adhesiva é imaxe e palabra nun mesmo escenario. É a poesía de Silvia Penas Estévez que resoa nos ritmos de Jesús Andrés Tejada e que se reflicte en figuras que se mesturan coa voz silenciadora, envolvente e volcánica dun recital de versos encetados, recitados para calar soberbias.

A viaxe que propón Cinta Adhesiva por medio dos sentidos, atravesa vereas onde agroman artes que se confunden entre si e por iso dunha canción sae unha película e desta un verso e destoutra unha lenda. E así, coa cadencia dun follear de versos, tecen un libro en directo para deleite de calquera que disposto a oír e ler.

Silvia e Jesús deixaron a súa pegada nos corredores do IES Martaguisela o martes 16 de maio. Pisaron as súas baldosas para expor o seu alento no salón de actos, onde acolleron con voces, luces e sombras o alumnado de 3º ESO, 4º ESO e mais 2ºESO A. Fixeron partícipe do acto a parte do alumnado, que nalgún momento repetiu os versos berrados con paixón por Silvia e aplaudiron a escena das bancadas cheas de rapazada disposta a ver poesía.

A actuación de Cinta Adhesiva enmarcouse nos actos en conmemoración do Día das Letras Galegas dende unha ollada igualitaria e por iso, no momento dos saúdos, houbo palabras de lembranzas para esas nais que deron voces para moitos 17 de maios e algunha que outra protesta. Porque Silvia e Jesús, Cinta Adhesiva, son parte desas voces que axudan a curar as dores das protestas e incluso convidan a se queixar e versar e visionar o que o ouvido non ve.

Deixámosvos máis fotografías de diferentes momentos do concerto-obradoiro de Cinta Adhesiva.

O ALUMNADO DA ESO E 1º BAC PARTICIPOU NO PROXECTO DE CREACIÓN DE XOGOS DE MESA “CARTAS CIENTÍFICAS”

 

Dentro do marco do Plan Proxecta Donas de si organizouse unha actividade cuxo obxectivo principal é a creación de dous xogos de mesa que permitan, dunha maneira lúdica, a visibilización de mulleres científicas. É un proxecto interdisciplinar no que participan os departamentos de Matemáticas, Bioloxía e Xeoloxía, Filosofía e Física e Química con diferentes niveis educativos, concretamente, con 1º, 2º, 3º e 4º da ESO e 1º de BAC.

Nas cartas que o alumnado está a crear as mulleres científicas e as súas investigacións son as protagonistas e baséanse nas dinámicas de dous xogos moi coñecidos: Virus e Ciudadelas. Para levar a cabo esta actividade, en primeiro lugar o alumnado investigou sobre a biografía e logros máis relevantes das científicas que lle foron asignadas. Unha vez recadada toda a información necesaria, crearon as cartas.

Nas vindeiras semanas, imprimiranse as cartas e plastificaranse. Ambos os xogos quedarán como recurso do centro e á disposición de todo aquel que o queira usar nas súas clases, titorías, gardas, etc.

A continuación, móstranse a modo exemplo, algunhas das cartas creadas.

Exemplos de cartas realizadas polo alumnado de 1º e 2º ESO para o xogo baseado en Virus

Exemplos de cartas realizadas polo alumnado de 3º, 4º ESO e 1º BAC para o xogo baseado en Ciudadelas.

Deixámosvos algunha fotografía do encontro e do visionado do documental.

 

O IES MARTAGUISELA RECIBIU A VISITA DE MÓNICA VÁZQUEZ LOPO DA ASOCIACIÓN GALEGA DE PRODUTORAS INDEPENDENTES (AGAPI)

O mércores, día 29 de marzo, o alumnado de 4º ESO e 1º BAC participou nunha charla coloquio con Mónica Vázquez Lopo da Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) sobre o importante papel das mulleres nunha industria creativa como é a audiovisual nas que, máis aló do papel vertebrador do seu traballo, son moitas as produtoras executivas que lideran as principais empresas en Galicia, sendo así unha excepción no panorama estatal que cómpre destacar e recoñecer.

O noso alumnado asistiu ao visionado dun documental ELAS, PRODUTORAS EXECUTIVAS, cun alto valor simbólico que pode ser referente na creación da identidade das mozas e mozos galegos con exemplos de mulleres poderosas e empresarias que son fundamentais no noso audiovisual. Ao remataren o visionado do documental abriuse un espazo de debate feminista para contribuír na capacidade de reflexión e análise entre a mocidade.

O sector audiovisual vive un momento esplendoroso a nivel creativo, mais aínda seguen sendo pouco visibles as mulleres que desempeñan labores tan importantes e necesarias tanto na produción executiva como na dirección.

Mónica Vázquez faloulles dos numerosos e exitosos filmes dirixidos por mulleres galegas como son: A estación violenta de Anxos Fazáns, Esquece Monelos e O corpo aberto de Ángeles Huerta, Arima de Jaione Camborda, A illa das mentiras de Paula Cons, Nación de Margarita Ledo, Valentina de Chelo Loureiro, entre outros.

Este encontro encádrase dentro dos Plan Proxecta Por 365 días de respecto e igualdade e Donas de si que estamos a levar a cabo no noso IES.

Deixámosvos algunha fotografía do encontro e do visionado do documental.

O ALUMNADO DO IES MARTAGUISELA CELEBRA O 14 DE FEBREIRO REDACTANDO CARTAS DE DESAMOR A SAN VALENTÍN

 Cartas para San Valentín contra os mitos do amor romántico:

En relación ao Día de San Valentín, o Departamento de Normalización Lingüística propuxo a actividade “Cartas de desamor a San Valentín”. Este proxecto permitiunos traballar os mitos do amor romántico na materia de Afondamento de Lingua Castelá de 2º de ESO, posto que, en primeiro lugar, reflexionamos sobre os perigos de mitos como o “a media laranxa e a alma xemelga” ou como o de que “os celos son un signo de amor”, entre outros. A parte central da actividade consistiu en elaborar unha carta destinada a San Valentín para convencelo de que un amor saudable debe medrar libre destes mitos románticos. O noso alumnado soubo proporlle a San Valentín outras formas de amor baseadas no respecto, na confianza e na liberdade individual.  

Todos estes traballos foron expostos na entrada do centro educativo.

Deixámosvos algunhas fotografías dos traballos e da exposición (fai clic aquí ou na imaxe).

 

O ALUMNADO DE 3º ESO DO IES MARTAGUISELA REFLEXIONOU SOBRE O SEXISMO LINGÜÍSTICO

Aproveitamos a exposición trimestral do alumnado de 3º de ESO para introducir contidos relacionados co sexismo lingüístico. No quinto tema da materia de Lingua Castelá e Literatura dedicado ao estudo das linguas peninsulares, así como á historia da lingua castelá, reservamos un apartado ao estudo do sexismo lingüístico para introducir este concepto e, ademais, poñer exemplos e reflexionar sobre posibles solucións que podemos aplicar nas nosas redaccións e, en xeral, no noso día a día.

Este contido foi exposto por alumnado de 3º A e 3º B, mentras que en 3ºC foi a profesora quen introduciu o tema e o alumnado participou coas súas aportacións. Partimos da guía de Intermón Oxfam contra o sexismo lingüístico (aquí) e centrámonos nos cinco bloques expostos na guía coas posibles solucións. Deixamos no seguinte cadro algúns exemplos: 

Bloque

Exemplo de linguaxe sexista

Solucións non sexistas

1: Uso do masculino xenérico

“Os profesores puxeron deberes aos alumnos”

“O profesorado puxo deberes aos alumnos e ás alumnas”

2: Mulleres como apéndices dos homes.

“Os traballadores e as súas esposas”

“A plantilla e os seus acompañantes”

3: Tratamentos

“A señorita García”

“A señora García”

4: Profesións e cargos

“Raquel Martínez, avogado”

“Raquel Martínez, avogada”

5: Usos de profesións de forma despectiva

“Os médicos están no descanso”

“As limpadoras fixeron ben o seu traballo”

“Os médicos e as médicas están no descanso”

“O equipo de limpeza fizo moi ben o seu traballo”

Ademais de traballar cos exemplos presentes na guía reflexionamos sobre outros usos sexistas da linguaxe, como os duais aparentes (palabras cuxo significado cambia dependendo do sexo al que designen; non é o mesmo zorro que zorra, nin gobernante e gobernanta) e os substantivos que non teñen correspondencia para o outro sexo (como caballerosidade ou primeira dama). A partir dos exemplos anteriores e doutros, como a diferenza entre coñazo e cojonudo, decatámonos de que os termos femininos acostuman facer referencia a significados negativos, fronte aos masculinos que teñen connotacións positivas.

Deste modo, tratamos de facer que o noso alumnado fose consciente da importancia que ten o feito de escoller as palabras que empregamos con moito coidado, xa que a lingua en si non é sexista, senón que somos os/as falantes os/as que facemos un uso sexista da mesma.

NO IES MARTAGUISELA ELABORAMOS APUNTAMENTOS INCLUSIVOS

 NO IES MARTAGUISELA ELABORAMOS APUNTAMENTOS INCLUSIVOS

No IES Martaguisela consideramos importante a introdución de referentes mediante a elaboración de traballos de investigación ou a creación de murais sobre mulleres destacadas, posto que para que a coeducación exista de verdade é preciso mudar a situación e lograr que a muller estea ao mesmo nivel que o home e, polo tanto, tratamos que crear materiais baseados na perspectiva de xénero e que teña en conta non só a mirada masculina, que foi e é a predominante, senón tamén a visión da outra metade da poboación. A continuación poñemos algúns exemplos de modificacións ou adaptación que realizamos nos apuntamentos que veñen sendo habituais en Secundaria e no Bacharelato, tratando de garantir a coeducación en todos os sentidos.

Estes son algúns exemplos realizados no primeiro trimestre:

En Lingua Galega de 1º de ESO traballáron as linguas da Península Ibérica coa canción “Terra”, de Tanxugueiras; e a sinonimia, coa canción “O marco”, d’A Banda da Balbina. Ademais, para estudar o acento diacrítico e as linguas peninsulares non oficiais empregamos a Hydn, por medio dunha entrevista e mais dunha canción en galenglish; mentres que na unidade 3 abordamos o estudo do texto xornalístico e o cine cun artigo e o tráiler de Negro púrpura, de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva.

Na materia de Bioloxía e Xeoloxía de 1º da ESO na primeira avaliación traballaron a Lynn Margulis. De entre os moitos achegamentos científicos desta investigadora, como a Hipótese Gaia ou a clasificación dos seres vivos nos reinos actuais, tratamos no tema da célula a súa Teoría endosimbiótica. Esta teoría baséase en que as células eucariotas evolucionaron a partir das procariotas, a partir dunha simbiose de varias células procariotas. Pensa que orgánulos de dobre membrana como o núcleo celular, as mitocondrias ou os cloroplastos foron nalgún momento células procariotas independentes.

Cando en 2º de ESO na materia de Lingua Castelá e Literatura falamos da mitoloxía grecorromana fixemos unha mención para que o alumnado reflexionase sobre a brutalidade exercida por parte de deuses, como Zeus ou Apolo, cara ás outras deusas ou mulleres. Do mesmo xeito, tamén tivemos en conta a visión tan negativa e manipulada que se adoita facer de deusas como Hera, sempre caracterizada como unha muller celosa e vingativa, ou mesmo do conflito xerado entre Hera, Afrodita e Atenea (deusas que loitan por acadar o título á “máis fermosa”).

Nalgún dos desdobres da materia de Lingua Galega de 2º de ESO empregamos o vídeo “Historia da lingua guapa” para traballar a historia da lingua e o xénero do substantivo; e os contos de Paula Carballeira e mais de Bea Campos para traballar o conto de tradición oral. No segundo tema do trimestre botamos man da canción “Lisístrata”, de Fillas de Cassandra, para traballar a entrevista e mais a conxugación verbal, alén do 25 N; e tamén dous documentais para traballar a comprensión oral e o 25 N: “Mariscadoras galegas” e “Mulleres de sal”.

No estudo da Literatura Castelá en 3º de ESO comezamos coa literatura do periodo medieval, polo que tratamos de forma crítica aqueles textos máis afastados do noso contexto e abordamos o estudo desta época tendo en conta a situación das mulleres. Así, comentamos a situación de violencia de xénero presente nalgunhas jarchas e comentamos un exemplo do Conde Lucanor onde queda de manifesto a opresión que sufrían as mulleres por parte dos homes (pais, maridos...), concretamente o conto XXXV: “Lo que sucedió a un mancebo que casó con una muchacha muy rebelde”. En xeral, puidemos reflexionar sobre a dura realidade á que se tiñan que enfrontar aquelas mulleres que non seguían o camiño establecido. Alén disto, tamén introducimos algunhas composicións de escritoras da época, como o caso de Florencia Pinar.

Algúns grupos de 3º de ESO na materia de Lingua Galega e Literatura traballaron a tradición oral mediante “A lavandeira da noite”, lenda e canción de Noa con Carlos Núñez; e tamén “Nunha aldea”, de Catuxa Salom, para o estudo da tradición oral, as palabras cultas e as patrimoniais. No segundo tema, dedicado á lírica galego-portuguesa, falamos das soldadeiras mediante “Selfie de Balteira”, de Emma Pedreira; e reflexionamos sobre a muller nos séculos XVI e XVII con María Solinha, de Ignacio Vilar, filme e artigo xornalístico.

En 4º ESO na materia de Lingua Galega e Literatura, concretamente nas primeiras unidades didácticas nas que tratamos a xeración das Irmandades e o Grupo Nós, onde tradicionalmente se estudan figuras como Castelao, Vicente Risco e Otero Pedrayo introducimos información sobre o labor de moitas mulleres que foron silenciadas ao longo da historia, xa que apenas se coñecía a súa vinculación coas Irmandades da Fala, onde destacaron mulleres como Concepción González, Jacinta Landa ou Concepción Josefa Teresa González Varela, Elvira Bao Maceiras, María Miramontes, Mercedes Vieito Bouza, Amalia Álvarez Gallego.

 

 

Relacionadas co Seminario de Estudos Galegos podemos salientar o labor de mulleres como Carmen Sierra Domínguez, Luisa Cuesta Gutiérrez, María del Carmen Corredoira Ruiz de Baro, Sara Leirós Fernández, María Pura del Rosario Lorenzana Prado, Josefa Iglesias Vilarelle, Ángela Santamarina Alducín, María de la Encarnación Fraga Padín, Emilia Álvarez Álvarez, entre outras.

 

No que se refire ao traballo feminino dentro do Partido Galeguista destacamos mulleres como Micaela Chao Maciñeira, Daría González García, Emilia Docet Ríos, María Antonina Sanjurjo Aranaz, Dolores e Rosa Cancelo Puga, Inmaculada Concepción Lamas Barreiro, Maria Elvira Fernandez López, Teresa Laurentina Nicolás Esperante, Carmen Fraga Rodríguez ou María Pereira Rial e mesmo Celia Bouzas Barreiro e Mercedes do Campo, que chegaron a ser a presidenta e secretaria do Partido Galeguista de Ourense respectivamente.

 

Por último, tamén no xornal A Nosa Terra, estudamos a presenza feminina, xa que foi importante o labor de Filomena Dato e Francisca Herrera Garrido, Carmen Prieto Rouco, Herminia Fariña Cobián, Corona González Estévez, entre outras.

Toda esta información foi posible grazas ao traballo de Aurora Mauro coa publicación da súa obra Irmandiñas publicado por Edicións Laiovento en 2020.

Na materia de Deseño en 2º de Bacharelato engadíron nomes de mulleres importantes neste eido, como é o caso de Paula Scher, Leta Sobierajski, JIng Zhang, Marta Cerdá Alimbau, María Diamantes e Reka Arce.

 

PUBLICIDADE SEXISTA NOS DÍAS PREVIOS AO NADAL

O ALUMNADO DE 2º E 3º ESO REFLEXIONOU SOBRE A PUBLICIDADE SEXISTA NOS DÍAS PREVIOS AO NADAL

 Pareceunos moi importante abordar o tema do sexismo na publicidade a raíz da cantidade de anuncios publicitarios que nos abordan nestas semanas previas ás vacacións de Nadal e, tamén, a partir das últimas noticias que anuncian que Consumo e os principais fabricantes firmaron un acordo publicitario para evitar que as novas campañas prohiban a sexualización dos xoguetes.

Desde a Titoría dalgúns cursos (como 2º e 3º de ESO) traballamos estes contidos para fomentar unha actitude crítica ante este tipo de anuncios por parte do noso alumnado.

 Por exemplo, en 2º de ESO B dedicamos entre unha e dúas sesións e introducimos o tema mediante a proxección das fotografías de JeongMee Yoon recollidas baixo o nome de “Pink and blue project”. Esta fotógrafa chinesa decatouse de que a maior parte dos xoguetes, roupa e complementos da súa filla eran de cor rosa.

 A partir da visualización de distintas imaxes o noso alumnado reflexionou sobre a súa propia situación e, despois, abordamos outras cuestións, como se existe algunha diferenza entre a roupa entre os bebés dependendo do seu sexo, e tamén analizamos algúns catálogos de xoguetes para que reflexionasen acerca do perigo de continuar con estes estereotipos e, polo tanto, das súas repercusións.

 A partir das aportacións de todo o alumnado elaboramos na pizarra unha listaxe de xoguetes asignados socialmente ás “nenas” e noutra columna aqueles destinados aos “nenos”. Na primeira columna figuraron as bonecas, a cociña de xoguete, casa de bonecas, xogos de maquillaxe..., mentres que na outra columna figuraban distintos tipos de veículos (coches, helicópteros...), pistolas, xogos científicos, etc. A partir desta comparativa reflexionamos sobre as consecuencias que poden derivar na vida adulta esta diferenciación entre nenos e nenas que, nun primeiro momento, non parecía tan perigosa. Chegamos á conclusión de que os xoguetes poden dar lugar a comportamentos reais, así se ás rapazas só lles entregamos bonecas e xogos baseados na importancia da aparencia física, pensarán que soamente as valoramos polo seu aspecto físico, pola súa función como coidadora; mentres que, os rapaces cos xogos calificados como “de nenos” tenderán a actitudes máis violentas e non desenvolverán a súa capacidade afectiva.

 Por último, para poñer fin a este tema, comentamos aqueles rasgos considerados socialmente como “masculinos” e “femininos” e a súa relación cos distintos xoguetes anteriormente analizados.

 A semana previa ao Nadal no grupo de 3º da ESO A tamén analizamos e falamos sobre o sexismo que existe na publicidade, especialmente na que se refire aos xoguetes infantís. Comezamos lendo un artigo sobre a fotógrafa JeongMee e o seu proxecto The Pink & Blue Project. A continuación, proxectamos un vídeo sobre a nova lei en España segundo a cal se prohibe a publicidade sexista.

 A raíz do texto e do vídeo xurdiu un debate moi interesante sobre como a publicidade afecta, ou non, nos gustos e intereses das persoas. Un dos puntos do debate que máis nos fixo reflexionar e co que houbo diferentes opinións foi o seguinte: se non existisen estímulos externos con roles de xénero claramente marcados, os nenos e nenas escollerían por igual un coche que unha boneca? A publicidade dende pequenos afecta de maneira subconciente nas nosas decisións futuras?

 Todas estas actividades foron moi enriquecedoras, xa que nos levaron a debater e afondar nesta temática tan necesaria entre a mocidade.

 Deixámosvos algunhas fotografías

 

O ALUMNADO DO IES MARTAGUISELA TRABALLA CREANDO REFERENTES FEMININOS

O ALUMNADO DO IES MARTAGUISELA TRABALLA CREANDO REFERENTES FEMININOS


Dentro do Plan Proxecta Donas de si, seguimos a traballar na posta en valor de mulleres importantes ao longo da historia, así desde finais do mes de novembro levamos a cabo a creación e exposición de carteis para dar a coñecer a mulleres relevantes en diversos eidos e colocámolos na porta da biblioteca do centro.

Esta idea, iniciada polo profesor Ramón Iglesias Míguez, foi seguida por compañeiros e compañeiras doutros departamentos que tamén elaboraron carteis para dar visibilidade a distintas mulleres.

Nestes primeiros meses recordamos a contribución das seguintes mulleres: Marilar Aleixandre, María Casares e Annie Ernaux.


A continuación deixámosvos os carteis que colgamos con algunha información relevante destes referentes femininos.

MITOS DO AMOR ROMÁNTICO (1/12/22)

O ALUMNADO DE 3º ESO TRABALLOU SOBRE OS MITOS DO AMOR ROMÁNTICO

Durante o primeiro trimestre, e dentro do Plan Proxecta Donas de si, o alumnado de 3º ESO realizou un traballo de investigación sobre os diferentes mitos do “amor romántico” e posteriormente expúxollo oralmente ao resto de compañeiros e compañeiras.

Aproveitamos a exposición trimestral que realizan na materia de Lingua Castelá e Literatura para desmontar estes mitos e que sexan conscientes dos prexuízos que comportan e dos perigos que pode supoñer para eles basearse neles para establecer unha relación amorosa.

Dedicamos unha sesión para reflexionar sobre o que é o amor romántico, así como os distintos mitos que o sustentan. Servímonos dun fragmento da charla que realiza Marina Marroquí para o proxecto #AprendemosJuntos de BBVA e, a partir del, a clase comentou algúns aspectos que lle pareceron interesantes.


Os mitos do amor romántico cos que traballamos foron os seguintes:

  1. A media laranxa e a alma xemelga.
  2. O amor pode con todo e perdóao todo.
  3. O amor doe.
  4. Os polos opostos atráense.
  5. O príncipe azul ou a princesa.
  6. O amor eterno.
  7. O primeiro amor márcate de por vida.
  8. Os celos son un signo de amor.
  9. O amor e o namoramento son o mesmo.
  10. O cambio por amor.
  11. O amor é posesión e exclusividade. 

Os puntos que se abordaron en todos os traballos foron :

  • Explicación do mito en cuestión.
  • Exemplificación do mito mediante refráns, crenzas populares, series, libros, películas, letras de cancións...
  • Reflexión sobre os perigos que conleva o mito nunha relación amorosa.
  • Solucións para loitar contra este mito.

Todo isto foi apoiado con imaxes e/ou ilustracións exemplificadoras.

Grazas a este traballo, o alumnado puido coñecer os diferentes mitos e, ademais, foron os propios compañeiros os que achegaron exemplos tirados da súa realidade: desde letras de cancións ou libros ata series e curtametraxes.

 

Análise de “El malquerer” de Rosalía

Os luns 14 e 21 de novembro desde a materia de Afondamento de Lingua Castelá aproveitamos as letras das distintas cancións de conforman o disco “El malquerer” de Rosalía para analizalas e abordar a temática relacionada co 25N.

O alumnado buscou información sobre as letras, tendo en conta distintos aspectos: recursos literarios, referencias artísticas, relacións entre a letra de Rosalía e a historia da literatura, etc. Servímonos da unidade didáctica creada por Cristian Olivé para levar a cabo a nosa propia versión.


Nas cancións da artista catalá resúmense perfectamente as distintas etapas polas que pasa unha muller que está sufrindo violencia de xénero: desde o "Augurio" (primeira canción do disco) de que algo malo vai pasar e o "Celos" (terceira canción), ata a liberación da muller cando esta toma o "Poder" (última canción do disco).

 

Todas estas actividades foron moi enriquecedoras, xa que nos levaron a debater e afondar nesta temática tan necesaria entre a mocidade.

 

 

Deixámosvos algunhas fotografías.

O ALUMNADO DO IES MARTAGUISELA CELEBRA O DÍA DAS ESCRITORAS

 

 

Dentro das actividades do Plan Proxecta Donas de si e coincidindo coa conmemoración oficial do Día das Escritoras (o 17 de outubro), o alumnado de 2º de ESO  realizou un traballo de investigación durante tres semanas coa materia de Afondamento de Lingua Castelá que lles permitiu coñecer a distintas escritoras e, deste xeito, ser conscientes da importancia de figuras como María Moliner, Sofía Casanova ou Concepción Arenal, entre outras.

Neste proxecto tamén participou parte do alumnado de 1º de ESO, polo que puidemos abordar a un maior número de escritoras de distintas épocas e para público moi variado. Podédesvos achegar á biblioteca do noso centro para coñecer a estas mulleres fundamentais na historia da literatura e da lingua.

Como ben di o título da exposición: “elas tamén contan”, contaron e contarán.
 
Deixámosvos fotografías do traballo do alumnado.

 

Powered by Drupal - Design by artinet