Responder ó comentario

NO IES MARTAGUISELA ELABORAMOS APUNTAMENTOS INCLUSIVOS

 NO IES MARTAGUISELA ELABORAMOS APUNTAMENTOS INCLUSIVOS

No IES Martaguisela consideramos importante a introdución de referentes mediante a elaboración de traballos de investigación ou a creación de murais sobre mulleres destacadas, posto que para que a coeducación exista de verdade é preciso mudar a situación e lograr que a muller estea ao mesmo nivel que o home e, polo tanto, tratamos que crear materiais baseados na perspectiva de xénero e que teña en conta non só a mirada masculina, que foi e é a predominante, senón tamén a visión da outra metade da poboación. A continuación poñemos algúns exemplos de modificacións ou adaptación que realizamos nos apuntamentos que veñen sendo habituais en Secundaria e no Bacharelato, tratando de garantir a coeducación en todos os sentidos.

Estes son algúns exemplos realizados no primeiro trimestre:

En Lingua Galega de 1º de ESO traballáron as linguas da Península Ibérica coa canción “Terra”, de Tanxugueiras; e a sinonimia, coa canción “O marco”, d’A Banda da Balbina. Ademais, para estudar o acento diacrítico e as linguas peninsulares non oficiais empregamos a Hydn, por medio dunha entrevista e mais dunha canción en galenglish; mentres que na unidade 3 abordamos o estudo do texto xornalístico e o cine cun artigo e o tráiler de Negro púrpura, de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva.

Na materia de Bioloxía e Xeoloxía de 1º da ESO na primeira avaliación traballaron a Lynn Margulis. De entre os moitos achegamentos científicos desta investigadora, como a Hipótese Gaia ou a clasificación dos seres vivos nos reinos actuais, tratamos no tema da célula a súa Teoría endosimbiótica. Esta teoría baséase en que as células eucariotas evolucionaron a partir das procariotas, a partir dunha simbiose de varias células procariotas. Pensa que orgánulos de dobre membrana como o núcleo celular, as mitocondrias ou os cloroplastos foron nalgún momento células procariotas independentes.

Cando en 2º de ESO na materia de Lingua Castelá e Literatura falamos da mitoloxía grecorromana fixemos unha mención para que o alumnado reflexionase sobre a brutalidade exercida por parte de deuses, como Zeus ou Apolo, cara ás outras deusas ou mulleres. Do mesmo xeito, tamén tivemos en conta a visión tan negativa e manipulada que se adoita facer de deusas como Hera, sempre caracterizada como unha muller celosa e vingativa, ou mesmo do conflito xerado entre Hera, Afrodita e Atenea (deusas que loitan por acadar o título á “máis fermosa”).

Nalgún dos desdobres da materia de Lingua Galega de 2º de ESO empregamos o vídeo “Historia da lingua guapa” para traballar a historia da lingua e o xénero do substantivo; e os contos de Paula Carballeira e mais de Bea Campos para traballar o conto de tradición oral. No segundo tema do trimestre botamos man da canción “Lisístrata”, de Fillas de Cassandra, para traballar a entrevista e mais a conxugación verbal, alén do 25 N; e tamén dous documentais para traballar a comprensión oral e o 25 N: “Mariscadoras galegas” e “Mulleres de sal”.

No estudo da Literatura Castelá en 3º de ESO comezamos coa literatura do periodo medieval, polo que tratamos de forma crítica aqueles textos máis afastados do noso contexto e abordamos o estudo desta época tendo en conta a situación das mulleres. Así, comentamos a situación de violencia de xénero presente nalgunhas jarchas e comentamos un exemplo do Conde Lucanor onde queda de manifesto a opresión que sufrían as mulleres por parte dos homes (pais, maridos...), concretamente o conto XXXV: “Lo que sucedió a un mancebo que casó con una muchacha muy rebelde”. En xeral, puidemos reflexionar sobre a dura realidade á que se tiñan que enfrontar aquelas mulleres que non seguían o camiño establecido. Alén disto, tamén introducimos algunhas composicións de escritoras da época, como o caso de Florencia Pinar.

Algúns grupos de 3º de ESO na materia de Lingua Galega e Literatura traballaron a tradición oral mediante “A lavandeira da noite”, lenda e canción de Noa con Carlos Núñez; e tamén “Nunha aldea”, de Catuxa Salom, para o estudo da tradición oral, as palabras cultas e as patrimoniais. No segundo tema, dedicado á lírica galego-portuguesa, falamos das soldadeiras mediante “Selfie de Balteira”, de Emma Pedreira; e reflexionamos sobre a muller nos séculos XVI e XVII con María Solinha, de Ignacio Vilar, filme e artigo xornalístico.

En 4º ESO na materia de Lingua Galega e Literatura, concretamente nas primeiras unidades didácticas nas que tratamos a xeración das Irmandades e o Grupo Nós, onde tradicionalmente se estudan figuras como Castelao, Vicente Risco e Otero Pedrayo introducimos información sobre o labor de moitas mulleres que foron silenciadas ao longo da historia, xa que apenas se coñecía a súa vinculación coas Irmandades da Fala, onde destacaron mulleres como Concepción González, Jacinta Landa ou Concepción Josefa Teresa González Varela, Elvira Bao Maceiras, María Miramontes, Mercedes Vieito Bouza, Amalia Álvarez Gallego.

 

 

Relacionadas co Seminario de Estudos Galegos podemos salientar o labor de mulleres como Carmen Sierra Domínguez, Luisa Cuesta Gutiérrez, María del Carmen Corredoira Ruiz de Baro, Sara Leirós Fernández, María Pura del Rosario Lorenzana Prado, Josefa Iglesias Vilarelle, Ángela Santamarina Alducín, María de la Encarnación Fraga Padín, Emilia Álvarez Álvarez, entre outras.

 

No que se refire ao traballo feminino dentro do Partido Galeguista destacamos mulleres como Micaela Chao Maciñeira, Daría González García, Emilia Docet Ríos, María Antonina Sanjurjo Aranaz, Dolores e Rosa Cancelo Puga, Inmaculada Concepción Lamas Barreiro, Maria Elvira Fernandez López, Teresa Laurentina Nicolás Esperante, Carmen Fraga Rodríguez ou María Pereira Rial e mesmo Celia Bouzas Barreiro e Mercedes do Campo, que chegaron a ser a presidenta e secretaria do Partido Galeguista de Ourense respectivamente.

 

Por último, tamén no xornal A Nosa Terra, estudamos a presenza feminina, xa que foi importante o labor de Filomena Dato e Francisca Herrera Garrido, Carmen Prieto Rouco, Herminia Fariña Cobián, Corona González Estévez, entre outras.

Toda esta información foi posible grazas ao traballo de Aurora Mauro coa publicación da súa obra Irmandiñas publicado por Edicións Laiovento en 2020.

Na materia de Deseño en 2º de Bacharelato engadíron nomes de mulleres importantes neste eido, como é o caso de Paula Scher, Leta Sobierajski, JIng Zhang, Marta Cerdá Alimbau, María Diamantes e Reka Arce.

 

Responder

Powered by Drupal - Design by artinet