PUBLICIDADE SEXISTA NOS DÍAS PREVIOS AO NADAL

O ALUMNADO DE 2º E 3º ESO REFLEXIONOU SOBRE A PUBLICIDADE SEXISTA NOS DÍAS PREVIOS AO NADAL

 Pareceunos moi importante abordar o tema do sexismo na publicidade a raíz da cantidade de anuncios publicitarios que nos abordan nestas semanas previas ás vacacións de Nadal e, tamén, a partir das últimas noticias que anuncian que Consumo e os principais fabricantes firmaron un acordo publicitario para evitar que as novas campañas prohiban a sexualización dos xoguetes.

Desde a Titoría dalgúns cursos (como 2º e 3º de ESO) traballamos estes contidos para fomentar unha actitude crítica ante este tipo de anuncios por parte do noso alumnado.

 Por exemplo, en 2º de ESO B dedicamos entre unha e dúas sesións e introducimos o tema mediante a proxección das fotografías de JeongMee Yoon recollidas baixo o nome de “Pink and blue project”. Esta fotógrafa chinesa decatouse de que a maior parte dos xoguetes, roupa e complementos da súa filla eran de cor rosa.

 A partir da visualización de distintas imaxes o noso alumnado reflexionou sobre a súa propia situación e, despois, abordamos outras cuestións, como se existe algunha diferenza entre a roupa entre os bebés dependendo do seu sexo, e tamén analizamos algúns catálogos de xoguetes para que reflexionasen acerca do perigo de continuar con estes estereotipos e, polo tanto, das súas repercusións.

 A partir das aportacións de todo o alumnado elaboramos na pizarra unha listaxe de xoguetes asignados socialmente ás “nenas” e noutra columna aqueles destinados aos “nenos”. Na primeira columna figuraron as bonecas, a cociña de xoguete, casa de bonecas, xogos de maquillaxe..., mentres que na outra columna figuraban distintos tipos de veículos (coches, helicópteros...), pistolas, xogos científicos, etc. A partir desta comparativa reflexionamos sobre as consecuencias que poden derivar na vida adulta esta diferenciación entre nenos e nenas que, nun primeiro momento, non parecía tan perigosa. Chegamos á conclusión de que os xoguetes poden dar lugar a comportamentos reais, así se ás rapazas só lles entregamos bonecas e xogos baseados na importancia da aparencia física, pensarán que soamente as valoramos polo seu aspecto físico, pola súa función como coidadora; mentres que, os rapaces cos xogos calificados como “de nenos” tenderán a actitudes máis violentas e non desenvolverán a súa capacidade afectiva.

 Por último, para poñer fin a este tema, comentamos aqueles rasgos considerados socialmente como “masculinos” e “femininos” e a súa relación cos distintos xoguetes anteriormente analizados.

 A semana previa ao Nadal no grupo de 3º da ESO A tamén analizamos e falamos sobre o sexismo que existe na publicidade, especialmente na que se refire aos xoguetes infantís. Comezamos lendo un artigo sobre a fotógrafa JeongMee e o seu proxecto The Pink & Blue Project. A continuación, proxectamos un vídeo sobre a nova lei en España segundo a cal se prohibe a publicidade sexista.

 A raíz do texto e do vídeo xurdiu un debate moi interesante sobre como a publicidade afecta, ou non, nos gustos e intereses das persoas. Un dos puntos do debate que máis nos fixo reflexionar e co que houbo diferentes opinións foi o seguinte: se non existisen estímulos externos con roles de xénero claramente marcados, os nenos e nenas escollerían por igual un coche que unha boneca? A publicidade dende pequenos afecta de maneira subconciente nas nosas decisións futuras?

 Todas estas actividades foron moi enriquecedoras, xa que nos levaron a debater e afondar nesta temática tan necesaria entre a mocidade.

 Deixámosvos algunhas fotografías

 

Powered by Drupal - Design by artinet