O ALUMNADO DE 3º, 4º e 2º ESO A DO IES MARTAGUISELA GOZOU DO CONCERTO POÉTICO DE CINTA ADHESIVA, O PASADO DÍA 16 DE MAIO, "Cinta Adhesiva, o resto do ceo, no Martaguisela"

Cinta Adhesiva é imaxe e palabra nun mesmo escenario. É a poesía de Silvia Penas Estévez que resoa nos ritmos de Jesús Andrés Tejada e que se reflicte en figuras que se mesturan coa voz silenciadora, envolvente e volcánica dun recital de versos encetados, recitados para calar soberbias.

A viaxe que propón Cinta Adhesiva por medio dos sentidos, atravesa vereas onde agroman artes que se confunden entre si e por iso dunha canción sae unha película e desta un verso e destoutra unha lenda. E así, coa cadencia dun follear de versos, tecen un libro en directo para deleite de calquera que disposto a oír e ler.

Silvia e Jesús deixaron a súa pegada nos corredores do IES Martaguisela o martes 16 de maio. Pisaron as súas baldosas para expor o seu alento no salón de actos, onde acolleron con voces, luces e sombras o alumnado de 3º ESO, 4º ESO e mais 2ºESO A. Fixeron partícipe do acto a parte do alumnado, que nalgún momento repetiu os versos berrados con paixón por Silvia e aplaudiron a escena das bancadas cheas de rapazada disposta a ver poesía.

A actuación de Cinta Adhesiva enmarcouse nos actos en conmemoración do Día das Letras Galegas dende unha ollada igualitaria e por iso, no momento dos saúdos, houbo palabras de lembranzas para esas nais que deron voces para moitos 17 de maios e algunha que outra protesta. Porque Silvia e Jesús, Cinta Adhesiva, son parte desas voces que axudan a curar as dores das protestas e incluso convidan a se queixar e versar e visionar o que o ouvido non ve.

Deixámosvos máis fotografías de diferentes momentos do concerto-obradoiro de Cinta Adhesiva.

Powered by Drupal - Design by artinet