O IES MARTAGUISELA RECIBIU A VISITA DE MÓNICA VÁZQUEZ LOPO DA ASOCIACIÓN GALEGA DE PRODUTORAS INDEPENDENTES (AGAPI)

O mércores, día 29 de marzo, o alumnado de 4º ESO e 1º BAC participou nunha charla coloquio con Mónica Vázquez Lopo da Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) sobre o importante papel das mulleres nunha industria creativa como é a audiovisual nas que, máis aló do papel vertebrador do seu traballo, son moitas as produtoras executivas que lideran as principais empresas en Galicia, sendo así unha excepción no panorama estatal que cómpre destacar e recoñecer.

O noso alumnado asistiu ao visionado dun documental ELAS, PRODUTORAS EXECUTIVAS, cun alto valor simbólico que pode ser referente na creación da identidade das mozas e mozos galegos con exemplos de mulleres poderosas e empresarias que son fundamentais no noso audiovisual. Ao remataren o visionado do documental abriuse un espazo de debate feminista para contribuír na capacidade de reflexión e análise entre a mocidade.

O sector audiovisual vive un momento esplendoroso a nivel creativo, mais aínda seguen sendo pouco visibles as mulleres que desempeñan labores tan importantes e necesarias tanto na produción executiva como na dirección.

Mónica Vázquez faloulles dos numerosos e exitosos filmes dirixidos por mulleres galegas como son: A estación violenta de Anxos Fazáns, Esquece Monelos e O corpo aberto de Ángeles Huerta, Arima de Jaione Camborda, A illa das mentiras de Paula Cons, Nación de Margarita Ledo, Valentina de Chelo Loureiro, entre outros.

Este encontro encádrase dentro dos Plan Proxecta Por 365 días de respecto e igualdade e Donas de si que estamos a levar a cabo no noso IES.

Deixámosvos algunha fotografía do encontro e do visionado do documental.

Powered by Drupal - Design by artinet