Skip to Content

ACTUACIÓN DA AULA DE TEATRO NA MOSTRA DE TEATRO EM-BRIÓN

A Aula de teatro participou na Mostra de teatro Em-Brión pechando este festival que contou coa participación de Tuéjele Teatro, do IES Fernando Blanco de Cee e do Teatro das Maniotas do IES de Brión, anfitrións desta mostra.

Moitas grazas pola acollida!

FINALISTAS NO XIV CONCURSO INCUBADORA DE SONDAXES E EXPERIMENTOS

Anxo Amigo, Martiño Amigo, Sabela Noya, Dalmiro Núñez e Brais Suárez, co seu traballo "Emociónate connosco" de 1º ESO, Tiago Costa, Antía González, Mario Sánchez e Antón Taboada de 2º ESO, co traballo "Focos de atención" e María Blanco, Mateo Mata e Montserrat Mayo de 4º ESO, con "A pantera negra", todos finalistas no XIV Concurso Incubadora de Sondaxes e Experimentos de SGAPEIO.

Defenderán o seus traballos na facultade de matemáticas o vindeiro 7 de xuño, para elixir aos gañadores da Fase autonómica do concurso. 

Parabéns e moita sorte!

TALLER DE RADIO PARA O ALUMNADO

Dentro do programa Radio na Biblio no que este ano participa o noso centro, o alumnado interesado participou nunha formación impartida por Cristina Vilas.

Aprenderon a técnica necesaria para manexar o control dun programa de radio.

No bloque de Radio escolar da nosa web podedes escoitar os podcast que se realizaron durante o presente curso.

RETINA, proxecto de Alfabetización e creación Audiovisual

Na seguinte ligazón tedes o novo proxecto RETINA de Alfabetización y Creación Audiovisual do Ministerio de Educación, Formación Profesional y Deportes no que o noso compañeiro Sergio Clavero creou os materiais e a guía didáctica para introducir esta linguaxe nos procesos de ensino e aprendizaxe.
Son dous documentos, un que expón o contexto e a filosofía e unha guía didáctica para iniciarse.

Parabéns polo traballo!


CHARLA DO CEIDA

O alumnado de 4º ESO de bioloxía e o alumnado de 4º ESO PDC asistiron esta semana a unha charla do CEIDA de preparación para a saída que farán a vindeira semana ao Parque Natural Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán.

Esta actividade está financiada pola ANPA do IES de Cacheiras en colaboración coa Deputación da Coruña.

SERGIO REY, I PREMIO ESCOLAR INTERNACIONAL DE LIVRO DE CORDEL

O I Premio Escolar Internacional de Livros de Cordel, que organizan os institutos Marco do Camballón, de Vila de Cruces, e Rochael de Medeiros de Recife, de Brasil, ten como gañador a Sergio Rey Dalama, alumno de 1º ESO do noso centro.

Sergio presentou ao concurso un poema sobre o fútbol, Um dragão Campeão. Este certame escolar ten como obxectivo valorar a poesía popular, vincular a tradición do cordel á historia de Brasil e de Galicia e, por outra banda, modernizar o libro de cordel e a oralidade en lingua galego-portuguesa, ademais de fomentar relacións entre escolares de Galicia e de Brasil.

18 DE MAIO. DÍA INTERNACIONAL DOS MUSEOS

O 18 de maio celébrase o Día Internacional dos Museos. Desde o IES de Cacheiras queremos parabenizar a un dos nosos favoritos: o Museo do Pobo Galego. Con el levamos xa dous cursos colaborando no seu programa MICE Petís, o que posibilitou que parte do noso alumnado elaborase dúas curtametraxes etnográficas nas que reflexionaron, interpretaron e comprenderon mellor o mundo e o pobo ao que pertencen.

Esta colaboración ensino-museo procura obxectivos comúns: unha educación de calidade, inclusiva e equitativa que mellora e enriquece a vida da rapazada con novas experiencias e coñecementos. O MPG é un organismo vivo que a través da reflexión sobre a tradición axudounos a pensarnos desde o hoxe, empregando, ademais, ferramentas innovadoras e diferentes.

Xa temos ganas da MICE Petís do curso que vén!

FESTIVAL INTERCENTROS

O pasado luns, día 13, a Aula de teatro participou no Festival Intercentros, representando no Teatro Principal de Santiago a obra Á luz das candeas.

Despois da longa xira e nunha semana con moitos exames, só puido asistir a metade da compañía, que substituiu ao alumnado ausente e conseguiu levar adiante a obra nunha mostra do compañeirismo e apoio mutuo, que caracteriza a este grupo de teatro.

Parabéns!

17 DE MAIO. Día contra a Homofobia,Transfobia e Bifobia

O 17 de maio celébrase o Día contra a Homofobia,Transfobia e Bifobia e por iso o equipo da biblioteca seleccionou unhas recomendacións lectoras moi interesantes que podes atopar nos expositores da biblioteca.

RECOMENDACIÓNS LECTORAS DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Co motivo do Día das letras galegas, o Equipo da biblioteca recoméndache estas lecturas tanto de Luísa Villalta, a autora homenaxeada este ano, como doutros autores homenaxeados en outros anos.

Distribuir contido


by Dr. Radut