Orientación

orientaline

Programa interactivo para a orientación do alumnado 2017-18, consultao e informate!! Departamento orientación

Pincha na ligazón

Carlos Callón, activista polos dereitos das persoas LGTBI

Hai uns días tivemos a sorte de contar en RadioEmbrión con Carlos Callón, escritor, profesor e activista galego tal e como el mesmo se define. Nesta ocasión reflexionou cun marabilloso grupo de alumnas sobre a situación das persoas LGTBI no ensino público galego. A discriminación -evidente ou soterrada- que aínda existe, os prexuízos cara o alumnado e o profesorado non heterosexual, os avances acadados nos últimos anos...Inés, Alba, Clara, Cristina e Andrea preguntaron e fixeron reflexións interesantísimas con Carlos, e creo que todas quedamos coa sensación de que o programa (que podedes escoitar aquí) fíxose curto e teriamos falado e preguntado moitísimo máis!

Ademais deste programa organizado directamente polo departamento de orientación, gravouse outro igual de interesante dende o Equipo de Normalización Lingüística. Foi tan apaixoante a conversa con Carlos sobre a nosa lingua que a gravación quedou moi longa e houbo que cortala en dúas partes para subila á web. Aquí tedes a primeira entrega. E, de novo, é un orgullo contar con alumnas como Alba, Leda e Laura, que participan na entrevista.

Moitísimas grazas a Carlos e a estes dous EQUIPAZOS de alumnas <3

Sesión informativa ABAU 2017

Aquí tedes a presentación que se utilizou na sesión informativa para 2º de bacharelato do 25 de abril. Lembrade, porén, que a información oficial é a que se atopa publicada na web da Comisión Interuniversitaria de Galicia.

Para calquera dúbida, o horario de atención ao alumnado da orientadora é en todos os recreos. Para as familias pregamos que solicitedes cita.

Orientación Académica e Profesional: Grao en Dereito

Unha nova entrega na nosa serie de programas en colaboración con Radio emBRIÓN sobre distintas titulacións. Neste caso, a avogada Sara Duro Santos contounos a súa experiencia como estudante de Dereito na USC e como avogada laboralista. Os programas de intercambio entre universidades, os estudos de Master e Posgrao, as distintas especialidades dentro do mundo do dereito...unha longa e interesante charla que tedes aquí, para non perdela!

Orientación Académica e Profesional: Grao en Administración e Dirección de Empresas

A antiga alumna do noso centro Eva Villar estivo con nós para falarnos da súa carreira académica e profesional no campo da Administración de Empresas. Aquí tedes o enlace para escoitala, foi unha charla do máis interesante. Moitas grazas a Eva e ás alumnas e alumnos que a entrevistaron.

Orientación Académica e Profesional: Grao en Xornalismo

Seguimos coa nosa serie de programas sobre distintas titulacións en colaboración con Radio emBrión. Nesta ocasión o xornalista da CRTVG Ángel Suanzes acompañounos para darnos a súa particular visión sobre a carreira e a profesión. Grazas coma sempre ao alumnado que nos acompañou na entrevista, e grazas tamén a Ángel por visitar o noso IES.

Aquí tedes o enlace ao programa.

Orientación Académica e Profesional: O Ciclo Formativo de Grao Superior "Son Para Audiovisuais e Espectáculos"

Con este programa comezamos un pequeno proxecto de colaboración de Radio emBrión -co profesor Agustín á fronte- e o Departamento de Orientación, para achegarvos testimonios de primeira man de persoas que cursaron diversas titulacións tanto de FP como universitarias.

Comezamos esta semana co Ciclo Formativo de Grao Superior "Son para audiovisuais e espectáculos". Manuel Duro Santos veu á radio a contarnos a súa experiencia, tanto no propio ciclo como posteriormente. Entrevistárono Alba Suárez e Ángel Miranda, que cursan a materia de Imaxe e Son de 2º de Bacharelato. Agracdecémoslles aos tres a súa presenza, e tamén ao profesor Xabier Lorenzo a súa colaboración na preparación da entrevista.

Aquí tedes o enlace para escoitar o programa.

Notas de Corte e oferta de prazas 2016-2017

Parece que a incertidume sobre o acceso á universidade para este curso vaise despexando (non sen tempo!). A Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) vén de publicar as notas de corte para este curso, e parece que o exame de acceso vai ser tan parecido á Selectividade que non se vai diferenciar dela en prácticamente nada.

Como comentaremos nas sesións informativas nos grupos de bacharelato, a nota de corte é só un dato orientativo que nos indica a nota da última persoa que entrou nesa titulación o ano anterior. Non quere dicir que esa sea a nota coa que se vai acceder este ano porque iso depende da demanda, aínda que en xeral non adoita haber moita variación dun curso para outro.

25 de novembro, Día Mundial contra a Violencia de Xénero.

O pasado venres conmemorouse o Día Mundial contra a Violencia de Xénero. No noso IES foron varias as iniciativas que se levaron a cabo para berrar, con máis forza se cabe que nos outros 364 días do ano, o noso rexeitamento a tódalas formas de violencia que sofren as mulleres e as nenas polo feito de selo.

Neste vídeo podedes ver o fantástico traballo do alumnado de 1º de Bacharelato da materia de Volume, feito coa colaboración do de Educación Plástica, Visual e Audiovisual de 4º de ESO.

Ao longo de todo o corredor da entrada temos carteis de cor morada no cal toda a comunidade educativa pode expresar os seus sentimentos, pensamentos, etc, sobre o machismo e a violencia de xénero.

No segundo recreo todo o alumnado, o profesorado e persoal non docente xuntámonos no patio para celebrar un pequeno acto de reflexión e de rexeitamento da violencia machista. Andrea Raña de 1º de ESO e María Gramunt de 1º de Bacharelato leron dous poemas relacionados co tema:

Ao longo de toda a mañá estívose proxectando no corredor que leva á sala de profesorado este audiovisual realizado polo alumnado de Educación Plástica, Visual e Audiovisual

E como non, tamén Radio emBrión quixo facer un programa especial. Nel participou Pilar Martínez, psicóloga dos Servizos Sociais do Concello de Brión, que charlou sobre violencia de xénero con Alba Gil de 2º de Bacharelato, Sara Molinos de 1º de ESO, Xosé Lois de 1º de Bacharelato e Manuel Fernández de 1º de ESO.

Nas semanas previas a esta data dende o Concello nos presentaron, nos distintos niveis da ESO, o Plan de Igualdade municipal. Tamén nas titorías se traballou no fomento da igualdade de xénero e o rexeitamento da violencia. Porque o 25 de novembro é unha data un pouco máis sinalada, pero no IES de Brión cremos en 365 días de respecto e igualdade.

DI K NON

O pasado martes 8 de novembro tivemos a visita dun grupo de persoas internas do centro penitenciario de Teixeiro  acompañadas de varios técnicos. O motivo da súa visita era contarnos, a través dunha representación teatral primeiro e logo a través do seu testemuño, as consecuencias que pode ter o consumo de drogas.

diknon_1


A actividade estaba prevista para 4º de ESO e 1º de Bacharelato mais cara o final da mesma incorporouse tamén 2º. Na aula de usos múltiples non collía ninguén máis e sen embargo o silencio era total. Todos, o alumnado e o profesorado que estabamos alí, estabamos impactados. (NOMES) son persoas coma nós, veñen de familias traballadoras como as nosas, estudaban nun IES coma o noso. Só que nun momento determinado non foron quen de dicir que non. A maneira, tan humana pero tan crúa ao mesmo tempo, de describir a súa experiencia creo que non se nos esquecerá en moito tempo.
O inicio en drogas mal chamadas “brandas”. As amizades que parecen tan sólidas e que cando tes problemas desaparecen. A necesidade de encaixar no grupo. Todas esas cousas que tantas veces repetimos nas charlas de orientación, en primeira persoa.
Como orientadora, e Ana como vicedirectora, non podemos estar máis contentas co resultado da actividade. E non só por parte das persoas internas que viñeron. Todas as alumnas e alumnos que alí estiveron tiveron un comportamento exemplar, fixeron preguntas do máis pertinente e cun grao de reflexión e de sensibilidade que, de verdade, fai sentir a unha moi orgullosa de traballar aquí.


E isto foi só a primeira parte. O martes 15 1º de Bacharelato participou nunha visita á Unidade Terapéutica Educativa de Teixeiro, na que están internas as persoas que viñeron ao Instituto. Lamentablemente, por motivos de seguridade, o número de persoas que poden participar é moi limitado. Gustaríanos moitísimo que todo o alumnado que estivo na representación puidera vir pero non é posible. Desa visita non haberá reportaxe fotográfica xa que as cámaras e móbiles están prohibidos, pero estou segura de que nas nosas cabeciñas traeremos moitas imaxes difíciles de esquecer.
Deixámosvos algunhas imaxes:


Para os que non participastes na actividade, e para os que si pero queredes coñecer máis da vida e o día a día das persoas internas na UTE, grabamos un programa especial en Radio emBRIÓN. Non o perdades, está cheo de curiosidades e de reflexións moi interesantes destas persoas marabillosas que levaron un cachiño dos nosos corazóns a Teixeiro.

radio_emBrion

https://radiodoiesdebrion.wordpress.com/2016/11/12/o-carcere-de-teixeiro-na-radio/

Distribuir contido