O CLUB DE LECTURA COÑECE A TONECHO DE REBORDECHAO

Ola de novo! Xa deixaramos dito que pronto estariamos aquí de novo para contarvos, de primeira man, como nos foi coa primeira lectura que realizamos dentro do club do noso insti. O libro seleccionado, como xa sabedes, foi “Tonecho de Rebordechao”.
En primeiro lugar, decidimos en cantas partes dividiriamos o libro para ir lendo sen presa, para despois reunirnos todo o grupo e comentar distintas cousas da lectura feita ata ese día.
O libro, en xeral, gustounos a todas. A quen máis, foi a Iolanda, que lle pareceu que era moi real e moi bonito. A quen menos foi a Kris, xa que lle pareceu todo demasiado “bonito”. Ela preferiríao con máis intriga, con máis terror!!!
As reunións faciámolas na biblioteca, durante a hora de titoría e pasámolo moi ben. Todas comentabamos algo do libro: os personaxes, as opinións de cada unha … O personaxe que menos nos gustou en xeral foi Remixio, xa que era moi egoísta. O que máis foi o propio Tonecho, o protagonista, pola súa bondade.
Sentímonos identificadas coa historia, xa que a aldea, os costumes e os personaxes eran máis ou menos iguais ao ambiente no que nós vivimos.
Supoñemos que non tardaredes en volver a saber de nós. Agora intentaremos poñernos en contacto co autor do libro para intercambiar opinións con el, e despois comezar de novo co segundo libro. Agora toca un de misterio, como lle gustan a Kris!