Para acceder ás ensinanzas de idiomas será requisito ter dezaseis anos cumpridos no ano en que se comecen os estudos. Poderán acceder, así mesmo, as persoas maiores de catorce anos para seguir as ensinanzas dun idioma distinto do cursado na educación secundaria obrigatoria como primeira lingua estranxeira.
O título de bacharel deberá habilitar para acceder directamente aos estudos de idiomas de nivel intermedio B1 da primeira lingua estranxeira cursada no bacharelato.
Poderase acceder, igualmente, a calquera nivel e curso, sempre que a persoa aspirante acredite os coñecementos precisos, ben através de probas de clasificación que organicen as escolas oficiais de idiomas ou ben a través da validación dos títulos ou certificados recollidos na normativa que para o efecto estableza a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
Así mesmo, no caso dos cursos para a actualización de coñecementos de idiomas e para a formación do profesorado, colectivos profesionais e público en xeral, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria determinará, en cada caso, os requisitos e o procedemento para o acceso e a matrícula, e poderá delegar esta responsabilidade nas escolas oficiais de idiomas.
Admisión:
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria deberá establecer as normas de admisión e matrícula, así como as condicións dos traslados de centro.
Renuncia á matrícula:
Significa perder a condición de alumno no curso no que se estea matriculado, de xeito que non corre convocatoria o primeiro ano, pero si, se se solicita varias veces para o mesmo curso.
Pódese facer directamente avisando na secretaría ou enviando un email ó correo da EOI, solicitando e xustificando a renuncia.