Equipo de dinamización lingüística

Aí vén o maio!

AÍ VÉN O MAIO!!

 

 

A VÉSPERA DO 1 DE MAIO

O serán do 30 de abril comeza unha das celebracións galegas máis antigas, así como tamén do norte de Portugal e de Irlanda, curiosamente sobre todo do condado de Mayo, gaélico Maigh Eo, na provincia de Connacht. Estamos a referirnos a un conxunto de ritos que se realizan ao redor da festividade do Maio, mais que aínda que frecuentemente se relaciona co Beltaine, a festa celta de benvida á primavera, trátase dunha celebración máis antiga e estendida por Europa, pero que se conserva especialmente viva na área atlántica europea.

 

MOLLOS DE FLORES AMARELAS

Unha tradición moi presente na costa occidental galega, e tamén en varios países de Europa, é a de colocar un mollo de flores amarelas, xestas no caso galego, nas entradas e fiestras para nos protexer dos maos agoiros e desgrazas que poidan causar, por exemplo, as bruxas galegas ou as cailleachs irlandesas. De feito hoxe en día continúa tan viva esta tradición que incluso se chegan a dispoñer estes ramallos de xestas nas portas dos coches, incluída a traseira, porque habelas, hainas e non vaia ser que até nos enfeiticen o coche.

Ramallo de xesta nunha entrada

 

Historia animada dunha cailleach

 

Alén diso, esta noite tamén se comeza a traballar de xeito comunitario na construción dos maios, estruturas de madeira recubertas de moreas de fiúncho e enfeitadas con grilandas de flores, colares de bugallos e tamén de ovos cocidos e lirios salvaxes. 

M

 

Mais en Galicia tamén temos maios humanos! Coma este de Portomarín:

Unha vez preparadas e erguidas estas estruturas sáese cantar os maios, tradicionalmente eran os mozos novos os que ían en grupo cantarlles romances ás mozas, aínda que tamén se conservan cantigas dirixidas á Virxe de data máis recente.

 

FOGUEIRAS

Na noite do 30 de abril os druídas, os sacerdotes da relixión céltica, acendían a fogueira do Beltaine no outeiro de Tara (Meath, Irlanda) e deste rito antergo pervive o costume galego, e tamén asturiano, das lumieiras desta data. A xente xuntábase nas leiras e terras de cultivo e prendían fogueiras, con elas acendíanse un pequenos fachos cos que percorrían os campos co fin de bendicilose asegurar unha boa colleita futura. De feito na zona compostelá do Val da Maía pervive a tradición do lumepán, que como moitos dos costumes precristiáns foi case varrido, e que consiste en iluminar (lume) os cereais (pan) para protexelos das enfermidades e mais das inclemencias do tempo e tamén para favorecer e agradecer a fertilidade da terra. E con que material se realizan estas fogueiras? Pois con toxos e xestas, ambos os dous arbustos portadores de flores amarelas, para logo ir percorrendo as leiras con fachos pequenos nese ritual de protección e todo adobiado, como non podía ser doutro xeito ao tratarse dunha celebración, de bailes e cantos.

Mira pan, mira pan

a larada que che fago

dame cada gran coma un bogallo,

e cada pé coma un carballo.

(Urdilde, Rois)


Ilustración de Castel 

 

1 DE MAIO

A ÁRBORE DO MAIO

Outra das tradicións aínda conservadas no noroeste da Península Ibérica (e en datas variadas en Portugal, no Brasil, na Bretaña francesa, Suíza ou incluso en Rusia)é a da árbore do maio, que consiste noutra reunión grupal da rapazada a noite do 30 de abril, neste caso para cortar a árbore máis alta da contorna, limpala da cortiza e colocala no medio da praza da vila. Na parte superior da estrutura colocan unhas fitas de cores e algunhas florespara despois bailar na mañá do 1 de maio ao redor do devandito tronco agarrados de cadansúa fita creando unha trenza de cores. Ritual similar a este é o May Pole, documentado xa nos inicios da Idade Media na zona xermánica, de onde pasou ao arquipélago británico e que posteriormente se estenderá a Irlanda.

 

MALLUZOS DE FLORES

Na mañá do 1 de maio outro dos costumes de diversos puntos da xeografía galega, como por exemplo na zona dos Riós (Ourense), en Quiroga (Lugo) ou en Cambados (Pontevedra), era que os nenos e nenas portasen malluzos de flores que vendían ou trocaban por larpeiradas. Tamén en Xixón (Asturias) se documenta este rito, mais no canto de malluzos de flores o que elaboran son grilandas de flores, moi similares ás das celebracións do 1 de maio en Irlanda.

 

 

 

COPLAS DOS MAIOS

E, por último, non podía faltar a parte musical desta festa: as coplas dos maios. Estas composicións, que dan a benvida á tan ansiada primavera e aos manxares que ela nos depara, habitualmente eran interpretadas por un neno ou nena (solista) colocado debaixo do maio ao que asistían varios compañeiros marcando o ritmo con paus e dando voltas en círculo. Estes actuaban a xeito de coro repetindo a copla despois de que o solista a cante.

E lembrade:



Chegou xa o maio

cantando ós amores

namorando ás nenas

vestido de flores.

(Copla tradicional)



Gozade desta festa e non esquezades poñer unha ramalliña de xesta na entrada ou fiestra porque nunca se sabe!

TROBANDO QUE É XERUNDIO

Co gallo do Día Internacional da Poesía, desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro levamos a cabo a actividade que denominamos Trobando que é xerundio! co alumnado de 3º ESO.

Aproveitando que durante os trimestres anteriores estudamos a lírica medieval, puxémonos na pel de trobadores e de xograres de tal maneira que foron eles e elas quen compuxeron as cantigas ao tempo que contamos cun grupo de intérpretes que deron voz ás composicións. E velaquí o resultado. 

Felicidades, unha vez máis, aos grupos de 3º ESO polo seu compromiso coa materia e coa actividade. 

Nova sobre "20 segundos" no Atlántico.

Nas páxinas do Xornal Escolar do periódico Atlántico, saiu publicado o noso proxecto. As fotos que aparecen na reportaxe, representan ao alumnado dos primeiros grupos- clase que desenvolveron a tarefa.

Parabéns a todos e a todas!

Carteis "20 segundos" para ilustrar.

DEBUXANDO AS MANS ENXABONÁNDOSE, como fai Leyre

E ILUSTRANDO OS POEMAS, como fai Xiana...

ELABORAREDES FERMOSOS CARTEIS PARA COLOCAR NUN LUGAR ONDE LAVEDES AS MANS.

Lembrade!!!

O recitado do poema mentres vos lavades durará... 20 segundos!

Nos arquivos adxuntos atoparedes exemplos de carteis para ilustrar. Ánimo!

Selecciona o poema que máis che inspire e crea o teu cartel. 

Os carteis de “20 segundos” xa viaxan por Baiona.

Que lustrosas nos quedan as mans mentres recitamos!

Xa sabemos que os nosos carteis están en moitos sitios de Baiona. Esperemos que moita xente goce con esta actividade.

Deixamos un enlace da nova, que inclúe un vídeo no que podemos escoitar a Brais cun fermoso recitado.

https://www.farodevigo.es/comarcas/2021/03/18/vinte-segundos-poesia-lavar-as-43393867.html

 

Parabéns dende o CFR de Vigo para " 20 segundos".

Dende o Centro de Formación e Recursos de Vigo envian fotos con carteis de " 20 segundos" colocados nos baños, e moitos aloumiños para o alumnado implicado no proxecto, contestando a súa carta.


 

Bo día,
 
Fíxonos moita ilusión recibir os carteis coa marabillosa escolma que fixestes das "vosas" poetisas e poeta de referencia. Xa as temos colocadas nos aseos do CFR e... vouvos contar un pequeno segredo: como puxemos dous poemas en cada un, agora lavamos as mans durante ....40 segundos!! porque non podemos deixar ningún sen ler.
Non me queda máis que darvos os parabéns por a xenial idea que tivestes e, por suposto, por as excelentes ilustracións que fixestes que tal parecen realizadas por artistas.
NORABOA !!!
Apertas e..... bicos de mel
 
Carmen Vaz
Asesora de Organización Escolar e Diversidade
CFR de Vigo.
 
PD. A que non sabedes que escritor se despedía sempre dos nenos e das nenas con.... bicos de mel??
 
 
Que fermosas verbas as da asesora!
Enviamos dende aqui, os seus aloumiños a todos e a todas aos que xa participaron no proxecto e aos que aínda o van facer.
                        Seguiremos subindo exemplos de carteis. 
Agora... a intentar descubrir  o nome desa persoa de "bicos de mel". Sorte!

 

Versos aseados. Proxecto 20 segundos.

        Xa temos algúns dos carteis nos baños do colexio.

 

  Dende hoxe, o lavado de mans é un pouquiño máis...   galego.

Deixamos uns enlaces onde saiu publicada a nova sobre este proxecto. 

https://valminortv.com/2021/03/11/o-cpi-de-cova-terrena-acompana-a-hixiene-de-mans-con-poemas-en-galego/

https://telemarinas.com/el-proyecto-20-segundos-del-cova-terrena-anima-a-lavarse-las-manos-mientras-se-lee-un-poema/

 

Proxecto " 20 segundos "

O equipo de Dinamización da Lingua Galega do CPI de Cova Terreña, sensibilizado coa situación que estamos vivindo, deseñamos un proxecto chamado

                        “ 20 segundos ”.

 

Vinte segundos é o tempo estipulado para unha boa hixiene de mans.

Atendendo a esa medida sanitaria, alumnado do centro seleccionou poemas na nosa lingua que puideran ser recitados nese período de tempo. Con eles, e ilustrándoos, elaboraron CARTEIS para colocar nos sitios onde hixienizamos as mans.

Para a realización deste fermoso traballo contamos coa colaboración de importantes autores e autoras entre os que destacamos a María Canosa, a Clara López e a Antonio García Teijeiro pola súa implicación e agarimo. Versos de poemarios como  Vagalume de versos, Os Días lebre, Vento, ventiño, venteiro ou Poemar o Mar, xa forman parte dos carteis. 

Consideramos que este proxecto, que vincula a poesía na nosa lingua e as emocións que transmite, coa responsabilidade de cumprir coas normas sanitarias, poderiamolo compartir cos demais.

Decidimos enviar varios exemplares dos carteis elaborados a distintos sitios da vila: centro de saúde, concello, biblioteca, colexios da contorna, hostalaría ... para que máis persoas puidesen gozar do traballo realizado por alumnos e alumnas do noso centro.

 Os carteis tamén se poden descargar dende esta páxina. Subiremos máis exemplos en vindeiros días.

 

 Parabéns aos e ás artistas!

TODOS SOMOS ROSALÍA

AQUÍ TENDES A NOSA HOMENAXE A ROSALÍA DE CASTRO

 

FOTOS CONCURSO DE ENTROIDO 2021

Aquí tendes as fotos que nos enviástedes ao concurso de Entroido 2021.

Noraboa a tod@s.

EDLG

ACTIVIDADES DE ENTROIDO PARA TODA A COMUNIDADE EDUCATIVA

O Entroido, festa tradicional galega, está próximo e aínda que, nesta ocasión, estará marcado polas restricións impostas pola Covid-19, dende o equipo de dinamización da lingua galega (EDLG) queremos que toda a comunidade educativa participe en dúas actividades:


1. Caracterización de personaxes famosos.
Se vos animades a “ disfrazarvos” dalgún personaxe famoso/coñecido, podedes enviar dúas fotos: a do personaxe orixinal e a da vosa caracterización ao enderezo electrónico: covaengalego@gmail.com


Publicarémolas na páxina web do Centro e premiaremos a máis orixinal e creativa.


Data límite para envialas: 17/02/2021.


*O envío das fotografías significa que se acepta a publicación das mesmas na páxina web.


2. Receitario de Entroido.


Durante todo o mes de febreiro podedes enviarnos receitas típicas do Entroido, as que teñades por costume facer nesta festa. Se nos mandades a receita (ingredientes e preparación) escrita en galego, acompañada dunha fotografía do produto final, darémoslle publicidade na web para que todos e todas poidamos cociñala e degustala.


O enderezo electrónico é o mencionado anteriormente:
covaengalego@gmail.com

 

O APALPADOR

O APALPADOR

No interior de Lugo (Galicia), nas montañas do Courel e do Cebreiro, os nenos esperan en Nadal a chegada do Apalpador ou Apalpa-barrigas. Este costume foi herdado da era precristianae que sobreviviu ao longo dos séculos. Era un vello apracible, barbudo e grandote, que fumaba en pipa, levaba boina e vestía chaqueta coloridae pantalóns con remendos. Contan tamén que a noite do 25 ou 31 de decembro, este xigante bonachóne de oficio carboeiro, abandonaba as altas dehesasonde vivía e baixaba ás aldeas para entrar en silencio no cuarto dos máis pequenos. Despois de palparlles a barriga con sumo coidado e comprobar que estaban ben alimentados, desexáballes que o ano vindeiro non pasasen fame e como agasallo de Nadal deixáballes un bo puñado de castañas asadas, alimento fundamental nos duros invernos das montañas galegas nos séculos XIXe XX.

 Mensaxe do Apalpador:

https://www.youtube.com/watch?v=fwXeiKrxL-A

 

Web oficial do apalpador: https://www.apalpador.gal/

 

Premede nos debuxos:

  

 

 

 

 

Nos seguintes enlaces tendes cancións e panxoliñas:

https://www.youtube.com/watch?v=FjAA0ZTa8ww

https://www.youtube.com/watch?v=JmAfI4ucKJc

https://www.youtube.com/watch?v=DzvIZbNaTUE

ESTATUTO DE AUTONOMÍA

RECURSOS EDUCATIVOS

 

PREMA NAS IMAXES PARA ENTRAR NOS RECURSOS

 

RECURSOS PARA TRABALLAR O MAGOSTO 2020

Este ano temos que celebrar o magosto dun modo moi inusual debido á COVID-19.

O EDLG déixavos uns recursos e unhas Unidades Didácticas para poder traballar esta festa típica de Galicia co voso alumnado na aula.

EDLG

SAMAÍN 2020

Aquí tendes unha serie de actividades para traballar o samaín.

I CERTAME DE POESÍA BEATRIZ DA SERRA.

A nosa alumna Iria Ludeña, de 2ºESO-A, gañou o primeiro primeiro na súa modalidade no I Certame de Poesía Beatriz da Serra co micropoema "Unha gaiola de cincuenta paxaros" Este concurso estivo organizado polos Equipos de Dinaminación da Lingua Galega dos IES Escolas Proval de Nigrán e Terra de Turonio de Gondomar. 

Ademais de gañar o primeiro premio, o xurado tivo unha mención especial para os outros dous poemas que presentou Iria ao certame. Lede estas marabillas: 

 

UNHA GAIOLA DE CINCUENTA PAXAROS

Pasan, corren, voan

as piadosas horas,

pero dentro dunha gaiola

pesan máis do que voan.

 

Pasan, corren, voan…

Acaso esgótaselles o tempo?

Pero aquí dentro podo dicir:

 “As horas dormen, e non voan”.

 

Atentamente, eu.

Quixera eu dicirlle, señor mariñeiro,

que a triste mociña do porto será a súa perdición,

mais serán as súas mans delicadas e a súa pel de porcelana

a cura ás súas terribles correntes salgadas.

 

Quixera eu dicirlle, señor mariñeiro,

que gardarei con puño de ferro o seu acérrimo corazón,

ese que eu, a súa mociña triste do porto,

 gañou. Quixera vostede, ou quixera eu?

 

Abismo.

Nesa morea de cabelos,

negros como a prácida noite,

revoltos coma as escuras augas

dun río e as súas correntes....

 

Nesa morea de cabelos,

onde se enredan as estrelas,

desaparecen poderosos ventos.

 É alí onde se perde a miña mirada.

 

Tal e como recollen as bases, os organizadores van preparar unha edición impresa dos poemas e organizar un acto para a entrega dos premios do que seremos avisados en canto se concreten as medidas oportunas.

Nos documentos adxuntos podedes ler a resolución do xurado e os poemas gañadores nas diferentes modalidades. 

 

Moitas felicidades, Iria!! 

 

MAIS RECURSOS PARA TRABALLAR A RICARDO CARVALHO CALERO E O DÍA DAS LETRAS GALEGAS

https://www.lingua.gal/letras-galegas/contido 0058/2020-ricardo-carvalho-calero

 

 

RECURSOS SOBRE RICARDO CARVALHO CALERO

Aquí tendes algúns recursos sobre o autor ao que se lle adica este ano o Día das Letras Galegas 2020.

EDLG.

Día Internacional do libro Infantil e Xuvenil

Do día!

O Equipo de EDLG do CPI de Cova Terreña quere desexarvos un feliz " Día Internacional del Libro Infantil y Juvenil" compartindo con vós un agarimoso agasallo que nos fixo chegar o poeta Antonio García Teijeiro en forma de vídeo.

Este recoñecido poeta, que participou nas nosas II Xornadas Poéticas , gañou ( entre outros...) o Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil 2017 cun libro escrito en galego, o poemario " Poemar o mar", ilustrado por Xan López Domínguez e publicado pola Editorial Xerais en 2016.

No fermoso vídeo que nos envía, o autor le un deses poemas onde o mar é o gran protagonista. É un luxo poder escoitalo. Grazas Antonio!

A poesía é unha boa compañeira nestes momentos que nos toca vivir.

Clicade no enlace.

https://drive.google.com/open?id=1eo9f8y96HPxl_mzpvOFmcWlG8gT6HBUa

Coidádevos moito.

Equipo de EDLG

 

 

CONCURSO DE POEMAS NO VAL MIÑOR

Os Equipos de Dinamización da Lingua Galega do IES Escolas Proval e Terra de Turonio organizan un concurso de poemas dirixido aos rapaces e rapazas dos centros educativos do Val Miñor. Pídennos a nosa colaboración para que animemos o  alumnado a participar. A través deste certame queren conectar os centros de primaria e secundaria fomentando a continuidade nas actividades de normalización da nosa lingua e cultura. Propoñen pequenos textos, que faciliten aproximarse á creación poética seguindo formas coas que está familiarizado o noso alumnado e que permiten seguir diversos modelos, desde as coplas populares aos haikus orientais.

No arquivo adxunto tendes as bases para a vosa información

Moitas grazas pola vosa participación.

Saúde e ánimo!

O equipo de EDLG

Distribuir contido
Punto Laranxa contra o acoso escolar

Eventos

« Maio 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031