Que sabemos do virus do papiloma humano?

O alumnado de 3º e 4º de ESO ten participado esta semana nunha investigación epidemiolóxica sobre o Virus do Papiloma Humano (VPH) que está a desenvolver un equipo do SERGAS desde o Hospital Comarcal do Barco de Valdeorras. O obxectivo do traballo é comprobar o que os mozos e mozas de Galicia, de 12 a 16 anos, coñecen deste microorganismo e a patoloxía que desencadea, para logo comprobar o efecto que ten unha conferencia de 15 minutos nas ideas que teñen mudado e a súa opción por vacinarse.

O mércores 7 de febreiro de 2024, no salón de actos do CPI Cova Terreña de Baiona, o médico xefe de sección de Xinecoloxía e Obstetricia do Hospital de Valdeorras, Sergio González Palanca, realizou as enquisas e tamén respondeu a diferentes inquedanzas do alumnado, como as posibilidades de que unha nai contaxiada polo VPH transmita a viriase ao fillo ou filla, ou desde cando se sabe que este virus está detrás de determinados tipos de cancro.

Houbo tempo para que o alumnado e o xinecólogo intercambiasen opinións sobre a vacinación, se amosase a indiscutible evidencia científica da necesidade de vacinarse e que o dereito a protección da saúde dos adolescentes mediante a vacinación é persoal, e non debe ser impedido polas familias. As noticias falsas sobre a vacinación contra o papiloma tamén foi obxecto de análise polo doutor González Palanca.   

O estudo conta coa autorización do comité de ética da Consellería de Sanidade e pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, así como dos responsables do alumnado participante e a dirección do centro.  

Aparte da importancia de que o centro educativo estea a contribuír coa investigación dunha institución pública sanitaria, a actividade é sinérxica coa educación afectivo- sexual que o CPI Cova Terreña desenvolve, de acordo coa Lei Orgánica de Educación, e que se percibe como un elemento central na educación integral das persoas. O alumnado participa desde vai anos no Plan Proxecta “ Quérote +” en 3º de ESO co mesmo propósito, xunto ao desenvolvemento do currículo de materias como Bioloxía e Xeoloxía que teñen os contidos de sexualidade como parte da súa programación didáctica. 

AdxuntoTamaño
PapilomaHumano.jpg257.85 KB
Punto Laranxa contra o acoso escolar

Eventos

« Maio 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031