11F: Escoitamos ás científicas

Hoxe, 11 de febreiro de 2022, celebrouse o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia.

No noso centro estanse a desenvolver estes días distintas actividades encadradas nesta conmemoración. Entre elas, e en colaboración co Centro Oceanográfico de Vigo, o alumado de 4º ESO contou, o pasado luns 7 de febreiro coa presenza de Patricia Quintas, Doutora en Ciencias do Mar e actualmente dedicada á divulgación científica no Centro Oceanográfico de Vigo, pertencente o Instituto Español de Oceanografía.

A charla desta científica de primeiro nivel versou sobre:

“Plásticos no mar, non grazas!”

Patricia falounos da presenza da muller no ámbito da investigación científica, incluso maioritaria nas etapas de formación, pero minoritaria nos altos rangos desta.

Neste contexto xurdiu hai dous anos o Proxecto Oceánicas, que ten como obxectivo divulgar o traballo de científicas dedicadas ao estudo dos océanos (Ángeles Alvariño, entre elas), tratando de xerar vocacións científicas en nenas e nenos, fomentando así o trato igualitario fronte ás desigualdades de xénero desde idades temperás.

Sobre o lixo mariño:

Cada ano case 10 millóns de toneladas de lixo van dar o mar, e deste total de lixo que chega aos océanos, arredor dun 90% son plásticos. O plástico nos ten facilitado a vida, pero temos que reflexionar sobre o abuso que temos feito do envasado. 

O plástico flota, e por iso é arrastrado polas correntes chegando moi lonxe e impactando sobre zonas máis amplas. Os impactos dos plásticos no mar poden ir dende a inxestión directa polos animais (porque os  confunden coas súas presas e os inxiren) ata enredamentos neles, degradación dos hábitats ou a dispersión de especies invasoras que se adhiren á súa superficie.

Os macroplásticos degrádanse por abrasión ou polos raios do sol, converténdose en microplásticos, ou incluso en nanoplásticos (visibles tan só ao microscopio).

Que podemos facer? 1º reducir o seu uso, 2º reutilizalos e 3º reciclalos.

O alumnado participou nun xogo no que Patricia invitoulles a “limpar unha praia” cos ollos pechados e adiviñar de cal dos 10 plásticos de un só uso máis atopados nas praias de Europa se trataba: cabichas, tapóns, envases de comida, bastonciños, botellas, etc.

Tentamos tamén adiviñar canto tempo tardan en degradarse: ata os 1 000 anos os tapóns! Pero a verdade é que non demos unha!

Esta charla estivo encadrada dentro da “Iniciativa 11 de febrero”, unha iniciativa a nivel nacional que, con motivo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, promove actividades nos centros educativos que axuden a visibilizar o traballo das científicas, a crear roles femininos nos ámbitos da ciencia e a tecnoloxía, e que promovan prácticas que favorezan a igualdade de xénero no ámbito científico-tecnolóxico.

Punto Laranxa contra o acoso escolar

Eventos

« Maio 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031