Polo creativo

OUR FABULOUS RECIPES: TRABALLANDO CON RECEITAS EN 6º DE PRIMARIA

 

O alumnado de sexto de primaria elaboramos estes vídeos de receitas en inglés.

Houbo un traballo previo para aprender vocabulario e estruturas que nos permitiran ter as ferramentas lingüísticas para poder explicar as nosas receitas axeitadamente. Isto incluiu a lectura e visualización de vídeos de traballos similares. Así, aprendemos sobre a cultura india coa nosa auxiliar de conversa que nos contou como se prepara un "Carrot pudding", e non só iso senon que nolo trouxo a probar. Premendo aquí accedemos á receita, que podemos tamén escoitar. 

Nunha segunda fase, prepararmos o texto da nosa receita na libreta, que foi corrixido pola profesora. 

Nunha terceira fase, gravamos o vídeo na casa. As persoas que quixeron editárono un pouco para que quedara máis bonito aínda que non era preciso. Aquí mostramos os que expresamente quixemos que se ensinaran. A avaliación fíxose empregando unha rúbrica que nos explicou a mestra.

Na clase vimos os vídeos e comentámolos. A partir deles, confeccionouse unha lista cos erros gramaticais máis comúns para traballalos na clase así como das palabras e expresións que presentaban máis dificultades na súa pronuncia. Practicámolas na clase e leváronse para a casa cun acceso ao audio para perfeccionalas. 

Foi un traballo amplo e ás veces difícil, sobre todo porque a miudo tiñamos que repetir as tomas. Pero todos cremos que aprendemos moito facendo esta actividade.

Grazas a este pequeno proxecto entramos en contacto co mundo das especias, tan empregadas na India. Fixemos tamén varias actividades en torno a produtos exóticos para aprender a expresar opinións sobre sabores, gusto, etc. Está é a plantilla que empregamos e os produtos que utilizamos.

 

 

WHERE IS SPOT?

Esta vez, Alejandro Hugo, Isaac e Nerea agasalláronnos con este bonito conto. Para iso tiveron que practicalo na casa e perder uns minutos da sua clase de EF. Todos disfrutamos desta historia na que a nai busca ao seu cachorro por toda a casa e vai atopando inesperados hóspedes en lugares pouco convencionais. 

NOVO RECUNCHO DE DISFRACES NA AULA MAKER

Os disfraces espertan a imaxinación e axudan a mellorar a convivencia. A través da representación de personaxes e o intercambio dos tipos, fomentamos a colaboración, o xogo creativo e a cohesión do grupo.

CONTACONTOS EN INGLÉS: DEAR ZOO

Unha vez máis, alumnado voluntario de 6º de primaria acudiu á aula de Educación Infantil para contar un conto en inglés. Neste caso foi "Dear Zoo" de Rod Campbell. Hai que dar as grazas polo esforzo que supón para estas voluntarias traballar a pronuncia, entonación, interpretación, etc. É un traballo feito fóra do horario escolar e, aínda que poden consultar as dúbidas cando están co colexio, ten moito mérito participar nunha actividade coma esta que ó tempo que beneficia e motiva aos máis pequenos, contribúe enormemente á mellora da competencia lingüística do alumnado voluntario.

Distribuir contenido