Skip to Content

Actividades conxuntas

Fai clic ao teu bocata

Os días 5 e 6 de xuño alumnado de todo o centro participou no obradoiro Fai clic ao teu bocata,ionde se busca facilitar o coñecemento e consumo de produtos en conserva. O seu obxectivo é transmitir a importancia dos produtos en conserva, do peixe e do marisco na dieta, en relación coas súas achegas nutritivas, fomentando o seu consumo, de forma saudable e atractiva.

Aquí vos deixamos unhas imaxes dos mesmos.

Álbum: Curso 22-23 -> Fai clic ao teu bocata

Correlingua 2023: Bota a lingua fóra

O pasado 31 de maio, o noso cole participou na festa final do Correlingua 2023 que sec elebrou na Estrada. O Correlingua é unha carreira en prol do idioma de carácter lúdico-educativo que pretende convidar a mocidade, a infancia e os centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva o seu uso, única forma de garantir o seu futuro.

A actividade estaba programada polo EDLG (Equipo de Dinamización da Lingua) do noso cole. O lema deste ano era: “Na casa, na escola, bota a lingua fóra”. E así foi como a rapazada e o profesorado de primaria e 1º e 2º da ESO de Cuntis botamos al ingua fóra toda a mañá. A encargada de presentar o acto foi a actriz galega Isabel Risco e a actuación final correu a cargo do grupo Mekánika Rolling Band, semifinalistas no concurso Got Talent Show de Telecinco.

Agasalláronnos cun lote de libros e un diploma e, antes de marchar de volta para casa, cada centro educativo soltou un globo xigante que voou polo ceo solleiro da vila.

Estas fotos son testemuño do noso paso pola festa do Correlingua.

Álbum: Curso 22-23 -> Correlingua

"CUNTIS NOMEADO": A NOSA TERRA XII

Achegamos os resultados da terceira ronda de revisión do Certame CUNTIS NOMEADO.

Neta ocasión temos achegas das parroquias de Estacas (13), Cequeril (3) e Santa María dos Baños (atención: 78!) . Andan nos lugares de Magán, Mesego e Zo a rexistrar con loucura (ben!)

Recapitulando: temos 4 parroquias que xa rexistraron nomes que antes non aparecían e temos 4 parroquias que aínda non se estrearon. Continúa a encabezar a clasificación Santa María de Cuntis, cun total de 85 lugares novos.

Seguen os días longos e de bo tempo, que dan para pasear polos nosos lugares e aproveitar para rexistrar topónimos.
Vai acabando o certame e cada vez queda menos tempo para que todas as parroquias fagamos algunha achega!!

"A Nosa Terra XII": 1º Serán das Letras:

O pasado 16 de maio gozamos no I Serán das Letras, unha festa aberta a toda a comunidade educativa para conmemorar o Día das Letras Galegas.

No serán, a veciñanza dun lugar xuntábase, habitualmente despois dun traballo colectivo, para merendar. Saían os instrumentos que houbese (pandeiretas, gaitas, cunchas, culleres…) e cantábase e bailábase.

Como estamos a acabar un curso no que adicamos tempo a traballar o mundo rural pareceunos boa idea recuperar esta maneira de compartir tempo de ocio e diversión.

Tamén nos veu á cabeza porque un dos primeiros libros do autor homenaxeado este ano,  Francisco Fernández del Riego, leva por título Danzas Populares Gallegas (Buenos Aires, 1950) e recolle información sobre todo tipo de intrumentos, músicas e bailes tradicionais galegos.

O alumnado de 3º EP, 4º EP e 6º EP preparou unhas danzas tradicionais para compartilas connosco.

Por outra banda, convidamos aos dous grupos de música tradicional que temos en Cuntis, dos que forma parte alumnado do centro. O grupo Hai que roelo ( https://www.facebook.com/people/Grupo-Folcl%C3%B3rico-Hai-que-Roelo/100063714213877/ ) trouxo a formación musical con gaitas tamboril e pandeireta e botou unhas pezas e aAgrupación municipal de Música e Baile Tradicional de Cuntis (https://www.facebook.com/AMMBTC/ ) preparou uns cantos con pandeireta e uns bailes.

Aos dous grupos agradecemos enormemente que aceptaran o convite.

As familias trouxeron merenda para compartir, Contamos cun recanto de xogos populares e estivemos até as oito da tarde xogando, bailando e comendo.

Pasámolo moi ben!!

Iso si, para o ano mesmo pode ser que teñamos que mudar o nome: un paxariño contounos que nesta zona non se lle di serán, senón foliada ou ruada. Que sabedes nas casas?

Álbum: Curso 22-23 -> Serán da lingua

" A nosa Terra X": Concurso Cuntis Nomeado (25 de abril)

Achegamos os resultados da segunda ronda de revisión do Certame CUNTIS NOMEADO.

Neta ocasión temos achegas das parroquias de Estacas (1) e Piñeiro (4). Recapitulando: temos 3 parroquias que xa recistraron nomes que antes non aparecían e temos 5 parroquias que aínda non se estrearon. Continúa a encabezar a clasificación Santa María de Cuntis, con 7 lugares novos.

Coa primavera chegan o bo tempo e os días longos, que dan para pasear polos nosos lugares e aproveitar para rexistrar topónimos.
A ver se na seguinte revisión xa todas as parroquias temos algunha achega!!

 

"A NOSA TERRA IX": FOTOGRAFÍA DO MES DE MARZO

Hai un século o calzado máis adecuado eran os zocos: madeira nas solas para illar da humidade, coiro que protexa do frío.

Como nos calzamos agora? Usades zocos? Botas? Tenis? Tedes un par? Milleiros?

Ruth Matilda Anderson: neno en Lalín a soster zocos.

Animámosvos ao resto do centro a participar na proposta de MARZO

Enviade a vosa fotografía a abibliodarosi@gmail.com

Podedes ver na galería as fotografías que recibimos inspiradas na tarefa de facer sobremesas de Entroido. Vese ben que nun século o rural mudou pero que continuamos a gozar das filloas.

 

Álbum: Curso 22-23 -> FOTOGRAFÍA DO MES DE FEBREIRO

" A nosa Terra VIII": Concurso Cuntis Nomeado (15 de marzo)

Estimadas familias,

Vai a primeira ronda de revisión do Certame CUNTIS NOMEADO.

Por agora só a parroquia de Santa María dos Baños de Cuntis fixo achegas: 7 lugares novos que antes non estaban rexistrados!!

O resto de parroquias temos que espabilar!

En quince días, nova revisión!

"CUNTIS NOMEADO": A NOSA TERRA VII

Dentro do noso Proxecto Anual de Centro presentámosvos o GRANDE CONCURSO ENTRE PARROQUIAS, CUNTIS NOMEADO. 
Que parroquia de Cuntis coñece mellor os nomes dos seus lugares?
Cal ten unha veciñanza máis activa e organizada? 
Que parroquia garda memoria de máis historias?
Cal ten un entorno máis rico e variado?


Na presentación tendes unha explicación sobre o que tedes que facer para gañar. 



O Concurso comeza o venres 3 de marzo e darémolo por finalizado o 10 de xuño. 

Participade!!

"A NOSA TERRA VI": ENTROIDO "RURAL"

O venres 17 de febreiro celebramos o entroido no CPI. A temática dos disfraces están relacionados co tema transversal deste: "A nosa terra: o abandono do rural".

Aquí vos deixamos un pequeno vídeo da xornada.

Álbum: Curso 22-23 -> ENTROIDO

"A NOSA TERRA V": FOTOGRAFÍA DO MES DE FEBREIRO

  Hai un século xa se preparaba o almoado para as filloas, como as nenas da fotografía.

Agora que chega o entroido: axudades vós a cociñar. Que sobremesa de Entroido facedes na casa?

Fotografía de Ruth Matilda Anderson: "A taberna do Ézaro"

Animámosvos ao resto do centro a participar na proposta de FEBREIRO

 Enviade as vosas fotografías ao correo da biblioteca: abibliodarosi@gmail.com

Podedes ver na galería as fotografías que recibimos do mes de novembro inspiradas no Xogo da chave. Vese ben que nun século  o rural mudou, e tanto!

Álbum: Curso 22-23 -> FOTOGRAFÍA DO MES DE DECEMBRO
Distribuir contido


by Dr. Radut