Skip to Content

Actividades conxuntas

O sabor da aventura está no mar. Obradoiro.

O pasado xoves 26 de marzo viñéronnos visitar ao colexio uns amigos moi especiais: A Cuadrilla dos Arroases. Luís "O Pescador" e Mariña " A cociñeira", xunto cos seus axudantes, chegaron cargados de contos, historias e probas para os rapaces e rapazas de 6º de infantil, 1º, 3º e 5º de primaria que están a participar no programa do Plan Proxecta "Aliméntate Ben". Contáronnos cousas moi curiosas do mar, dos peixes, da Pesca Sostible, do Consumo de peixe do noso litoral e das cousas que todos e todas podemos facer para conservar o noso mar e os animaliños que nel viven; tamén houbo tempo para xogar e tentar superar as probas que nos propuxeron e poder así acadar o noso Título de Mariñeiro Pescador Sostible.

Se queredes ver canto aprendemos e o moito que nos divertimos visitade a nosa galería de fotos ou premede en calquera destas fotos.

ENTROIDO 2015

O pasado venres 13 de febreiro celebramos no colexio o xa tradicional desfile e concurso de disfraces, así como a degustación de todas as ricas sobremesas de entroido que tan amable e xenerosamente nos agasallan as familias dos nosos/as rapaces cada ano. Desta volta a temática dos disfraces foi a Educación Vial que levamos traballando dende fai tempo nas aulas cos raparigos e raparigas.

Se non tivestes oportunidade de participar do noso desfile en directo e comprobar o moito que traballaron os vosos fillos e fillas coa axuda dos seus mestres/as, non deixedes de visitar a nosa galería de fotos ou premede na foto seguinte.                                                      

                                                                     

VII CONCURSO de MICRORRELATOS e MICROPOEMAS "TERRAS do UMIA"

 A coordinadora comarcal de Equipos de Dinamización da Lingua Galega convoca o VII concurso de microtextos (curso 2014-2015). Poderán participar  todos os centros educativos que integren a Coordinadora Comarcal “Terras do Umia” dos concellos de Barro, Caldas de Reis, Cuntis, Moraña e Portas.

Bases do concurso:

-Sección de Microrrelatos: O texto presentado debe de ser en galego e non conter máis de 100 palabras.

-Sección de Micropoemas: O texto presentado debe constar dun mínimo de dous versos e un máximo de catro.

-Cada persoa só poderá enviar un texto para cada sección.

- A temática será libre, mais debe aparecer necesariamente a palabra “cincocentas”.

- Os traballos deberán entregarllos aos integrantes do EDLG do centro, previa selección de dous textos por grupo. No texto presentado debe constar o nome e apelidos do/a participante, o curso, o centro, así como a categoría á que pertence.

- O prazo límite para entregar os textos será o martes, 18 de febreiro e cada centro escollerá dous finalistas por categoría e presentará os textos “corrixidos”.

 

                                 Categorías:

                                 A: Infantil

                                 B. 1: 1º ciclo de primaria.

                                 B. 2: 2º ciclo de primaria.

                                 B. 3: 3º ciclo de primaria

                                 C: Secundaria

                                 D: Bacharelato.

                                 E: Profesorado, persoal non docente e familias.

 

Premios: Cada centro outorgará os premios que considere oportunos aos seus finalistas. Un xurado designado pola coordinadora dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos distintos centros concederá un premio comarcal por categoría . Valorarase a orixinalidade e creatividade, así como a calidade lingüística e literaria.

Os traballos premiados en todas as categorías, así como os finalistas dos distintos centros, serán expostos nas rúas dos Concellos participantes co nome do autor e do centro, dentro da programación cultural dos respectivos concellos. Tamén aparecerán nas páxinas webs ou blogs dos centros educativos participantes,  así como nas respectivas revistas escolares.

FESTIVAL DE NADAL 2014

O pasado venres 19 de decembro os nenos e nenas do noso colexio fixeron gala das múltiples cualidades artísticas que posúen. Moitas grazas a tódalas familias que nos acompañastes, e ás que non puidestes facelo, non perdades a oportunidade de compartir con nós unhas imaxes e vídeos que fixemos con moito cariño o profesorado dos vosos/as cativos/as. Podedes botarlle un ollo premendo no noso querido Apalpador ou visitando a nosa galería de fotos e vídeos.

                                                                                         VIDEOS E FOTOS

Distribuir contido


by Dr. Radut