Skip to Content

Actividades conxuntas

25N: Quero ser.../ Non quero ser...II

O venres 24 de novembro comenmoramos o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Todo o centro saiu ata a praza do concello para manifestar o noso rexeitamento da violencia contra as mulleres.

O alumnado de 4º da ESO bailou unha canción de "As fillas de Cassandra" chamada Lisístrata e despois fixeron bailar a todas as persoas alí presentes.

 Aquí deixamos unha pequena mostra da conmemoración

Álbum: Curso 23-24 -> 25N

25N: Quero ser.../ Non quero ser...

No CPI Aurelio Marcelino Rey García cremos que as nenas e as mulleres son aínda as dianas de condutas que a sociedade recoñece como violentas e mesmo doutras que aínda están aceptadas como “normais”.

“Queremos ser” integrantes dun pobo que semente actitudes nas que non se pase nin unha actuación violenta da índole que sexa –verbal, física, psicolóxica... – contra nenas e mulleres.

“Queremos medrar e vivir” en vilas, establecementos públicos e privados, na natureza... sen temor a sermos importunadas, atacadas ou mesmo asasinadas.

“Queremos ser” exixentes coas Administracións responsables de proporcionar os recursos legais e económicos necesarios para que isto poida suceder.

“Queremos ser” capaces de convivir tranquilas e en paz desenvolvendo ao máximo as nosas potencialidades sen ningún tipo de limitación ou ameaza!

Non hai escusa! “Queremos ser NÓS!”

Para conmemorar o 25N este ano decidimos facer un vídeo no que expresamos o que queremos ser e o que non queremos ser en relación coa violencia de xénero.

O lema elixido está relacionado co tema transversal deste ano.

O vídeo foi editado por alumnado do Club Feminista do centro.

Escola de familias

O próximo luns 27 novembro ás 18:30 levarase a cabo unha sesión da Escola de Familias do CPI Aurelio Marcelino Rey García na sala de usos múltiples do Centro. Unha das preocupacións comúns, de toda a comunidade educativa é o benestar emocional das crianzas. Para favorecelo, dende o centro educativo promovemos a realización dun Obradoiro de Xestión emocional positiva dende a familia co que as familias poderedes adquirir ferramentas e coñecementos para mellorar a capacidade de regulación emocional dos vosos fillos e fillas, logrando así un mellor benestar físico e emocional. A sesión será impartida por Belén Montesa Lou e Juan Carlos Permuy psicólogos xerais sanitarios especializados na Prevención das condutas aditivas e en Terapia Familiar Sistémica. Esta sesión está organizada polo CPI Aurelio Marcelino Rey García en colaboración co Proxecto de Prevención das Condutas Aditivas no eido local do Concello de Cuntis.

Camisola de 4º da ESO

O alumnado de 4º da ESO está a preparar a excursión de final de curso. Por este motivo realizaron este marabilloso deseño de camisola para vender.

 Aquelas familias que queiran colaborar co alumnado de 4º da ESO comprando unha camisola poderano facer por un prezo de 8 euros a camisola de neno e 10 euros a de adulto, reservándoa até o día 1 de decembro.

Día mundial da diabetes

O día 14 de novembro conmemoramos no cole o Día Mundial da Diabetes.

Desde o centro tiñamos previsto realizar unha andaina pola zona peonil de Cuntis, pero foi suspendida por mor do mal tempo. Subsituímos esta actividade por unha mostra de apoio e visibilización desta doenza no patio do centro.

Álbum: Curso 23-24 -> Día mundial da diabetes

Magosto e Samaín no CPI

O día 31 de outubro celebrouse no centro o Magosto e o Samaín de maneira conxunta.

Empezamos a mañá practicando xogos tradicionais. O alumnado da ESO exerceu de organizadores e monitores do alumnado de 1º a 5º de Educación Primaria. Por outra banda, o alumnado de 6º de EP exerceu de padriños e madriñas do alumnado de Infantil.

Na segunda parte da mañá o alumnado de EP participou en obradoiros de distintas temáticas: "Sinte o medo", "Canapés terroríficos", "Catrinas" e "Cabazas, pantasmas e esqueletos" ; o alumnado de Infantil dunha obra de teatro e o alumnado da ESO practicou os xogos tradicionais.

Por último, pasamos a degustación de castañas e demos por rematada a festa.

Álbum: Curso 23-24 -> Magosto e Samaín

Proposta de actividade para o 25N: Non quero ser maltratador Non quero ser vítima.

 

Estimadas familias:

Como este ano o tema do centro é Que quero ser, pensamos que para o 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero sería boa idea reflexionar sobre o que NON queremos ser.

Queremos ofrecerlles ao noso alumnado modelos positivos de relacións afectivas, para que as teñan de referencia. E cremos que nada mellor para iso que encontren condutas positivas entre as persoas que coñecen, as máis achegadas: familia e veciñanza.

Por iso facemos esta proposta: gravarmos un vídeo colectivo en que as adultas da escola digamos dúas frases: non quero ser… e quero ser… na que recollamos actitudes negativas (non quero ser) e positivas (quero ser) perante unha relación amorosa, como neste exemplo:

 Non quero ser controlador/a vs. Quero ser respectuoso/a coas amizades da miña parella

O vídeo resultante de todas as gravacións será proxectado nas aulas do centro o día 24 de novembro, véspera da conmemoración.

O que vos pedimos é o que segue.

  • Dous vídeos, un coa frase negativa e outro coa positiva.

  • Formato horizontal

  • Se pode ser, un primeiro plano con fondo branco, para lle dar unidade á proposta (se non pode ser, non pode ser).

  • Que enviedes os vídeos ao mail abibliodarosi@gmail.com antes do 5 de novembro, incluíndo os nomes que queredes que aparezan na edición final.

 Para as que teñades dúbidas ou curiosidade, achegamos unhas notas que vos poden axudar a pensar as vosas frases: https://drive.google.com/file/d/1D_f570yCD4DiKkI4ak1v8RBJHl9hTTMT/view?usp=sharing.

 Agardamos que entre todas e todos deamos sacado adiante esta proposta. Pensamos que podería ser moi positiva para as nosas crianzas.

Xornada de Campo a través (Programa XOGADE)

O día 11 de Outubro, na contorna das piscinas municipais de A Estrada, a xornada de campo a través do programa XOGADE. Participou alumnado do cole desde 2º de Educación Primaria ata 3º da ESO. Competiron con alumnado de colexios e institutos de Moraña e A  Estrada.

 

Álbum: Curso 23-24 -> Campo a través zonal

Andainas de fin de curso

O último día de clase o alumnado de Educación Primaria e de Educación Secundaria practicaron o sendeirismo pola contorna de Cuntis.

O alumnado de Educación Primaria camiñou até As Campaíñas e A Fábrica da Luz e o de Secundaria foi pola beira do Río Gallo ata a desembocadura no río Umia.

As dúas andainas confluíron en Castrolandín, onde rematou a xornada merendando as viandas aportadas polas familias do centro.

Álbum: Curso 22-23 -> Andainas de Fin de Curso

A nosa terra XV: Xornada de Portas Abertas

O 15 de xuño organizamos para as familias unha Xornada de Portas Abertas, coa idea de que puideran coñecer os traballos realizados polo alumnado do centro ao longo do ano.

O tema que relacionou as nosas tarefas e proxectos foi A nosa terra: o abandono do rural. Para iso adicamos parte dos tempos de aprendizaxe a coñecer mellor as nosas parroquias e os modos de vida rurais.

Na entrada do centro, o público asistente era recibido polo grupo de guías turísticos de 1º Ciclo de EP, que daba a coñecer o máis interesante de cada parroquia. No corredor central, podía admirar os traballos de fotografía e teares de 3ºESO e Recreos Activos, as exposicións sobre Lendas de Cuntis, de 5ºEP, e Festas de Cuntis, de 3ºEP, as BD´s participantes no certame das Letras organizadas por EDL, os traballos sobre muros realizados por 2º ESO, os estudos estatísticos sobre a vida no rural feitos por 3º ESO ou o resumo de traballos de 4ºA EP.

No fondo do corredor, unha granxa xestionada por Educación Infantil nos permitía practicar as nosas dotes munxideiras ou fotografiarnos a bordo dun tractor.

No espazo STEAM o grupo de 6ºB EP organizou un xogo de coñecemento sobre Cuntis axudado dos robots da aula e na Biblioteca 4ºB EP e 6ºA EP convidáronos a coñecer mellor o mundo dos xogos tradicionais. Ademais aí tamén estaban expostas as creacións de 1ºESO para o Día de Rosalía.

Na Sala de Audiovisuais puidemos ver propostas elaboradas polo alumnado de LGL da ESO: desde o refraneiro mensual, até representacións teatrais.

Finalmente, na Sala de Conferencias, puidemos asistir á representación de Corre, corre, cabaciña, de 4ºA EP e escoitar ao alumnado de 4ºA EP e 1ºESO, 3ºESO de Proxecto Competencial expor as súas variadas investigacións en torno a temas relacionados coa vida rural.

Visto por xunto hai só unha conclusión: moito traballamos.

 

 

Álbum: Curso 22-23 -> Feira do Rural
Distribuir contido


by Dr. Radut