Este 10 de marzo os usuarios do centro de día viñeron ao CPI para falar das diferenzas das súa mocidade e das súas vivencias, comparándoas coas vivencias do noso alumnado de 4º da ESO.
Para conmemorar o día Internacional da Muller, no corredor central preséntase diferentes propostas para traballar ese día e relacionalo co noso tema transversal que son os Dereitos Humanos.
As actividades que se poden realizar son actividades de relacionar mulleres activistas con frases célebres, consultar bibliografía sobre a conmemoración, asociar mulleres co dereito que defendeu, redactar biografías das activistas ou escribir unha reflexión sobre este día.
Aquí vos deixamos unha mostra de como quedou o corredor central.
O día 5 de marzo, o segundo ciclo de primaria (3º e 4º) asistimos ao Teatro A Fundación e ao Café Moderno, en Pontevedra.
No teatro vimos unha peza titulada "Nana para un soldado". Conta a historia de dous militares de bandos inimigos que querían facerse cunhas ruínas, pero resultaron ser a casa dunha pacifista muller embarazada. Conseguirán deixar as armas? Conseguirán sobrevivir aos bombardeos?
Despois visitamos o Café Moderno onde nos ensinaron estratexias para vivir máis de 100 anos e nós, a través dun obradoiro, inventamos trebellos para que os nosos maiores consigan cumprir un século.
O pasado 28 de febreiro o noso alumnado puido asistir a un programa de radio emitido en directo desde o noso centro onde se promocionaba a nosa festa do lacón con grelos. Tamén interviron contestando algunhas preguntas sobre Cuntis.
Nesta ligazón podedes escoitar as intervencións do noso alumnado.
O 11 de febreiro o alumnado de 2° , 3 ° e 4° de EP asistiron ao obradoiro " O sabor da aventura está no mar" , dentro do plan proxecta "Aliméntate ben", no que o noso centro leva participando varios anos.
Neste obradoiro faláronnos da importancia de peixes e mariscos na alimentación. Despois xogamos a oca da aventura está no mar, onde nos facían preguntas sobre o explicado na charla previa.
O alumnado de ESO do noso centro tivo a oportunidade de estudar as características e o comportamento da luz nos obradoiros de óptica organizados polo departamento de matemáticas do noso centro coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela.
O día 21 de febreiro celebramos o entroido no CPI Aurelio Marcelino.
Á primeira hora da mañá, o alumnado do centro desfilou pola rúas de Cuntis lucindo os seus disfraces. Este ano, seguindo o tema tranversal do centro "Somos diferentes, somos iguais", os disfraces tiñan que ver cos dereitos humanos. Convertémonos en heroes e heroínas dos dereitos.
Ao rematar o desfile o alumnado e profesorado do centro escenificaron unha coreografía ideada por alumnado de 6ºB (Antía, Sofía, Ayrton, Carme, Sabela, Celtia, Carla e Natalia), ao ritmo do tema: "Somos diferentes, somos iguais" da obra de teatro: "Carapuchiña vermella" de Educateatro producións.
Logo dirixírmosnos ao centro para degustar os doces típicos destas datas, cedidos polas familias.
Máis tarde o alumnado da ESO participou no concurso anual de bailes, que xa é típico destas datas no CPI. Podedes botar unha ollada aos mesmos nas ligazóns de abaixo.