Skip to Content

   Enlace Aula Virtual                       

Espazo Lectura

Para grandes lectores/as

Dispón de toda a información sobre as diferentes actividades e eventos organizados por esta Asociación para o Formento da Lectura facendo clic nesta imaxe.

NOVA DIRECTIVA DO ESPAZO LECTURA

Prezados socios e socias:

 

Onte, sábado 9 de marzo de 2024, Espazo Lectura celebrou unha Asamblea Xeral Extraordinaria de socios e socias na que a asociación renovou a Xunta Directiva e a Presidencia logo de máis de dezaseis anos de actividade. Iniciamos un novo período de catro anos cunha significativa renovación do seu equipo directivo, coa saída de catro dos seus membros, entre eles a súa ata agora presidenta Beatriz Núñez, despois de dúas lexislaturas que viñeron marcadas, entre outras cousas, por unha pandemia e a reforma e o impulso ás instalacións da Casa da Lectura en Donas (Gondomar). A nova presidenta, Yaiza Peixoto, secretaria estes últimos catro anos, dará continuidade a un proxecto que desenvolve toda a súa acción a prol da lectura e do libro en Lingua Galega redimensionando o espazo sociocultural de Gondomar e poñéndoo no mapa peninsular como un referente de fomento e dinamización cultural.

Con todo, ningunha das persoas que abandona a directiva se desvencella de Espazo Lectura, xa que permanecen formando parte do Consello Operativo (o órgano consultivo da asociación) ou na coordinación de actividades.

 

Espazo Lectura, desde aquel primeiro Contomar en 2006 -mesmo antes de fundarse a asociación-, ata agora, non perdeu, a pesar das dificultades, nada da súa ilusión inicial. A mostra é precisamente esa: unha nova directiva na que non queda ninguén daqueles e daquelas que iniciaron a andaina alá por 2008. Pero a asociación aí segue, dando pasos e convencida de que non hai mellor maneira de imaxinar unha sociedade mellor, máis crítica, solidaria e libre, que desde o colectivo e a cultura, desde a lectura e o libro. E iso, sen dúbida, é o máis gratificante de tanto esforzo e voluntarismo.

 

Nova Xunta Directiva de Espazo Lectura:

 

Presidenta: Yaiza Peixoto.

Vicepresidente: Marta Fernández.

Secretaria: Cristina Álvarez.

Tesoureira: Cristina Rocholl.

Vocais: Diego Atanes, Iago Leirós, Rita Fernández, Senén Costas, Silvia Camesella e Víctor Pérez.

 

 

Moitas grazas polo voso apoio.

 

Un saúdo,

O equipo de Espazo Lectura.

Convocatoria Asamblea

Prezados socios e socias:
 
Por encomenda da Presidenta de Espazo Lectura convócase unha Asemblea Xeral Ordinaria da asociación Espazo Lectura, adiada no mes de marzo pola situación sanitaria. Adxuntamos nesta mensaxe o documento no que se detalla a orde do día.
 
DATA: Sábado 25 de setembro de 2021
HORA11:00 horas, en primeira convocatoria, e 11:30 horas, en segunda convocatoria.
LUGARCentro Cultural de Vincios (Piñeiro, 22).
 
Un saúdo,
Yaiza Peixoto
Secretaria de Espazo Lectura.

Contomar

Prezados socios e socias: 
 
Achegámosvos o Cartel coas actividades que temos preparadas para a vindeira Semana do Libro e a Lectura, que tamén podedes consultar na páxina web de Espazo Lectura.
Queremos facer especial fincapé na que segue a continuación por estar destinada ao público infantil:
 
CONTOMAR
Aldara na montaña, espectáculo a cargo de Soraya Lema
Luns, 19 de abril ás 18:00h
Praza das escolas vellas (praza do antigo centro de saúde)
En caso de chuvia, no Auditorio
 
Agardamos que a programación sexa do voso interese e pregámosvos a difusión da mesma ás familias.
 
Saúdos
 
O equipo de Espazo Lectura

Dar de ler coma quen dá de beber

Estimadas socias e socios:

Espazo Lectura está a preparar a décimo cuarta edición da actividade Dar de ler coma quen dá de beber, a sesión de lecturas en voz alta que celebramos anualmente con motivo da conmemoración do Día do Libro e que se enmarca na Semana do Libro e a Lectura.

Como sabedes, esta actividade consiste nunha lectura colectiva na que, as persoas que o desexen, escollen un texto moi breve dun libro que queiran compartir cos demais.

O acto terá lugar o venres, 23 de abril, o mesmo Día do Libro, cumprindo as medidas sanitarias vixentes, na Praza da Paradela (e no caso de mal tempo no Auditorio Lois Tobío), entre as 19:30 h e as 21:30 h aproximadamente, aínda que non é necesario estar presente durante todo o acto.

Como en ocasións anteriores, gustaríanos reunir arredor de 25 ou 30 persoas nun espazo público para ler. Espazo no que podemos escoitar, compartir e recomendar as lecturas que nos gustan e celebrar así o Día do Libro facendo da lectura un acto de socialización.  

A idade mínima para participar é de 14 anos.

 Que teño que facer se quero participar?

- Escolle un fragmento dun libro, preferiblemente en lingua galega, cuxa lectura non exceda os 3 minutos (é moi importante cinguirse ao tempo).

- Comunícanos que queres participar respondendo este correo electrónico ou chamando ao número 655 553 930 e indícanos o título e o nome do autor ou autora seleccionado.

- Para organizar máis facilmente o acto, dinos tamén se prefires ler entre as 19:30 h e as 20:30 h ou entre as 20:30 h e as 21:30 h. Tentaremos, na medida do posible, aternos a esa elección e evitar en todo caso que haxa cambios con respecto á orde fixada.

 

Agardamos poder contar coa túa participación e quedamos á espera das túas novas.

Unha aperta.

 

Coordinadores do XIV Dar de ler coma quen dá de beber

Retomamos a actividade

 
Prezados socios e socias:
 
Informámosvos da decisión de adiar a Asemblea Xeral Anual que estaba prevista para o mes de marzo. Isto é debido a que preferimos agardar algunhas semanas máis para poder celebrar a asemblea cunha maior seguridade sanitaria e poder así distanciala da anterior asemblea, que se realizou no mes de setembro. 
Enviarémosvos a orde de convocatoria con dúas semanas de antelación cando teñamos unha data pechada. 
 
Por outra banda retomamos as actividades infantís e o empréstito da Casa da Lectura, que comezará a realizarse mañá e continuará todos os mércores de 17:30h a 18:30h. 
 
Un saúdo,
 
O equipo de Espazo Lectura.

Reformas na Biblioteca de Gondomar

Prezados socios e socias:
 
Enviámosvos un enlace á web de Espazo Lectura na que explicamos os últimos acontecementos en relación á mellora da Biblioteca Pública Municipal de Gondomar e á Casa da Lectura de Donas. Podedes ler esta información premendo aquí
 
Saúdos
 
O equipo de Espazo Lectura

Nota informativa

Achegámosvos a nota informativa coas actividades do mes de novembro, que tamén podedes consultar no apartado Axenda de eventos da páxina web de Espazo Lectura.
 
Por mor da COVID-19 haberá que adaptar tanto espazos como algunhas actividades á nova situación sanitaria e adecuarse aos protocolos impostos polas autoridades sanitarias en materia de limitación de aforo e de distancias de seguridade, hixiene e ventilación. Loxicamente, a necesidade de manter o afastamento vai condicionar extraordinariamente o número de participantes nas diversas actividades. 
A Casa da Lectura, debido ao seu reducido tamaño, non poderá albergar as actividades infantís polo que moitas acividades celebraránse no Auditorio Municipal Lois Tobío, no Centro Neural de Gondomar e na carpa da Praza da Paradela.
 
Agardamos que a programación sexa do voso interese.
 
Saúdos
 
O equipo de Espazo Lectura


Distribuir contenido


by Dr. Radut