AXUDAS PARA ADQUISICIÓN DE LIBROS DE TEXTO, MATERIAL ESCOLAR, FONDO SOLIDARIO E BANCO DE LIBROS DA ANPA

No DOG de 20 de maio de 2024 publicouse a Orde pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en Educación Primaria, ESO e educación especial en centros sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2024/2025.

No curso 2024/2025 o Fondo solidario de libros de texto estará accesible para o alumnado matriculado en 3º e 4º de Primaria. O alumnado matriculado no curso 2024/25 en 5º e 6º de EP no noso centro, ao formar parte do Proxecto E-DIXGAL, está excluído da participación no fondo solidario de libros de texto e das axudas para adquirir libros de texto. Non obstante, poderán solicitar a axuda para adquirir material escolar cando reúnan os requisitos establecidos na orde.

En 1º e 2º de educación primaria haberá as axudas para a adquisición de libros de texto. No caso do material escolar, convócanse axudas para a súa compra destinadas ao alumnado matriculado en toda a Educación Primaria.

Os requisitos e termos da convocatoria poden consultarse no taboleiro de anuncios da entrada do colexio, na páxina web do centro e no portal da Consellería https://www.edu.xunta.gal/portal/fondolibros

O prazo para a presentación das solicitudes remata o 21 de xuño de 2024, inclusive.

Para presentar a solicitude presencialmente no centro recoméndase concertar cita previa (881880022 – ceip.sada@edu.xunta.gal). 

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica no formulario normalizado (ED330B-anexos I e II) dispoñible na aplicación «fondolibros» https://www.edu.xunta.es/fondolibros a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=ED330B. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes  presencialmente  no centro  ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. O formulario tamén está dispoñible no centro. 

No caso das axudas para a adquisición de libros de texto, os tramos de renda e as súas correspondentes axudas son as seguintes para 1º e 2º cursos de Educación Primaria:

  • Renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 euros: 240 euros.
  • Renda per cápita familiar superior a 6.000 ata 10.000euros: 160 euros 

A contía da axuda para adquirir material escolar destinado a alumnado matriculado en Educación Primaria será a seguinte:                                                                                                              

a) Renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 €: 75 €.                                                                 

b) Renda per cápita familiar superior a 6.000 € e igual ou inferior a 10.000 €: 60 €.

Para os efectos de renda terase en conta o exercicio fiscal do ano 2022 e para as circunstancias familiares a alegar serán a composición familiar a 31 de decembro de 2022, agás cando unha sentencia de separación ou divorcio posterior a esta data atribúa a custodia a un dos dous proxenitores e nos casos de violencia de xénero que se aplicará o disposto na súa lexislación específica.

Cando se presentase declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas no exercicio fiscal 2022, sumaranse a base impoñible xeral (recadro 435) e a base impoñible do aforro (recadro 460); cando non se presentase, teranse en conta os ingresos de acordo cos datos tributarios facilitados pola Axencia Estatal de Administración Tributaria.

Fondo público solidario. Será requisito fundamental para acceder ao fondo solidario, ou recibir as axudas para libros ou material escolar ter devolto os libros de texto. A asignación de libros de texto correspondente aos cursos de 3º e 4º de Primaria, de non alcanzar os libros dispoñibles no fondo solidario, o centro adquirirá os libros complementarios necesarios.

Banco de libros da Asociación de Nais e Pais. 

3º e 4º de EP: Para aquelas familias que non se lles concedan libros a través do Fondo solidario (por superar os límites de renda) hai libros da ANPA suficientes. 

 A ANPA comunicará máis adiante como acollerse ao Banco de libros (para facelo é preciso ser socio/a).

Orde da convocatoria

Documentación a presentar

Solicitude en galego

Solicitude en castelán

Fondo libros.

Sede electrónica.

Festival Letras Galegas

Hoxe celebramos o Festival das Letras Galegas, dedicado este ano a Luísa Villalta. Gozamos con todas as actuacións que deixaron constancia do gran traballo realizado polo alumnado e profesorado. Cancións, bailes, obras de teatro e sobre todo moito orgullo pola nosa lingua.

Tarabelo na Ondas Letras Galegas

Fai clic na imaxe para ver as fotos da xornada

 

Proximamente o vídeo do acto

Día Internacional Contra o Acoso Escolar

Ao longo deste  curso son moitas as actividades que realizamos para aprender a convivir e respostar activamente contra o Acoso Escolar. 

Hoxe é un día importante porque conmemórase o Día Internacional Contra o Acoso Escolar e recordaremos nas titorías a importancia de seguir a traballar todos e todas xuntos/as contra todo tipo de violencia.

Especial Tarabelo nas ondas sobre o acoso escolar.

 

CONVOCATORIA DE AXUDAS PARA ALUMNADO CON NECESIDADE ESPECÍFICA DE APOIO EDUCATIVO CURSO 2024-2025

O Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes vén de publicar no seu portal web as becas e axudas para alumnado con necesidade específica de apoio educativo (neae) para o curso 2024 2025. Acceso ao Extracto da Resolución.

Poderán solicitar as axudas o alumnado que presente necesidades educativas especiais derivadas de discapacidade, trastornos graves de conduta ou trastorno grave da comunicación e da linguaxe , incluído alumnado TDAH e TEA.

Así mesmo, poderán solicitar as axudas o alumnado  con necesidade específica de apoio educativo asociado a Altas Capacidades.

Os/As solicitantes deben cubrir o formulario por internet no seguinte ligazón. Unha vez cuberta, se non se conta co sistema de firma aceptado pola sede electrónica,  poderán  imprimir, asinar e entregalo no centro educativo no que o alumno/a estea matriculado no curso 24-25 xunto coa documentación complementaria requerida (certificado da  conta bancaria do alumno/a, diagnóstico médico do SERGAS, certificado de discapacidade, título de familia numerosa, de selo caso…).

Toda a información e as explicacións para realizar a solicitude dispoñibles aquí:

https://www.becaseducacion.gob.es/becas-y-ayudas/ayudas-apoyo-educativo/como-solicitarla.html

Prazo de presentación de solicitudes: desde o 30 de abril ata o 13 de setembro de 2024.

Día do Libro e SadaDona: Mercado solidario a favor de Médicos Sen Fronteiras

Para conmemorar o Día do Libro realizamos unhas lecturas compartidas entre todo o alumnado do centro. Ademais tivo lugar o mercado solidario de libros en favor de Médicos Sen Fronteiras, SadaDona. A cantidade de diñeiro recadado ascendeu a 382 euros. Grazas a todos e todas pola vosa participación!

Tarabelo nas ondas do mes de abril

Lecturas compartidas

SadaDona

 Proxecto colaborativo SadaDona

 

ADMISIÓN ALUMNADO PARA O CURSO 2024 2025: LISTAXES DEFINITIVAS

Están dispoñibles no taboleiro interior do centro as listaxes definitivas de admitidos e admitidas para o curso 2024 2025 (todas as solicitudes presentadas están admitidas).

As listaxes poden consultarse:

a) Presencial: Única e exclusivamente no taboleiro de anuncios situado no interior do edificio escolar. 

b) Por vía electrónica: exclusivamente través da aplicación informática admisionalumnado, sendo necesario para consultalas o certificado dixital ou Chave365.

Prazo de reclamacións: as persoas interesadas poderán interpor recurso de alzada ante a persoa titular da xefatura territorial, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.

Formalización de matrícula do 20 ao 30 de xuño.

Día da Educación Física na Rúa 2024

O día 17 de abril celebramos o Día da Educación Física na Rúa 2024, este ano co lema "Educación Física e saúde mental", con distintas actividades lúdico-recreativas que tiveron lugar no Paseo Marítimo de Sada. Na xornada participou alumnado de todos os centros educativos da nosa localidade:  CEIP O Mosteirón, CEIP Pedro Barrié de la Maza, I.E.S Isaac Díaz Pardo, I.E.S O Mosteirón e CEIP Sada y sus Contornos. 

A actividade contou coa colaboración do Concello de Sada na súa organización e a participación de distintos clubs deportivos: Club Taekwondo Sada, Club Atletismo Sada, Club Salvamento Sada,  Sadanza e Karts Manolo. Grazas a todos eles.

Fotos da actividade

Clica na imaxe para ver o vídeo da xornada 

ADMISIÓN ALUMNADO PARA O CURSO 2024 2025: SOLICITUDES ADMITIDAS

Infórmase ás familias que presentaron solicitudes de praza para o curso 2024 2025 que todas foron admitidas e non é preciso presentar ningunha documentación adicional.

O prazo para a formalización de matrícula é do 20 ao 30 de xuño.

Día de Rosalía

O 23 de febreiro conmemórase o Día de Rosalía, aquí tedes unha pequena selección de poemas da autora máis representativa da nosa lingua recitados polo alumnado de educación primaria.

Especial O Tarabelo nas Ondas Día de Rosalía

 1º de educación primaria

2º de educación primaria

3º de educación primaria

4º A de educación primaria

4º B de educación primaria

5º de educación primaria 

 

6º de educación primaria

8 de marzo, Día Internacional da Muller

O 8 de marzo conmemorase o Día Internacional da Muller, co obxectivo de acadar a consecución da plena igualdade en todas as súas formas e rexeitando calquera tipo de discriminación ou violencia contra as mulleres e as nenas. Hoxe tiveron lugar distintas charlas dirixidas ao alumnado de educación primaria e impartidas por mulleres que aportaron a súa perspectiva no desempeño do seu labor  profesional e a súa experiencia de vida persoal:

1º e 2º de educación primaria: Charla impartida por María Castro Andrade, condutora de autobús. Ten unha longa experiencia xa que leva 26 anos traballando como condutora no sector.

3º e 4º de educación primaria: Charla impartida por Ana Belén Monteagudo Diz,  doutora  en xenética pola Universidade de Santiago de Compostela.

5º e 6º de educación primaria: Charla impartida por Gabriela Barrero Mata. Voluntaria en Cruz Vermella. Licenciada en arquitectura, traballou en deseño en Venezuela, o se país de orixe.

En educación infantil realizaron actividades de robótica e programación cos Tale-Bot para coñecer as mulleres de Illa Fantasía.

Nos blogs dos distintos cursos estarán dispoñibles as fotos de cada actividade.

Distribuir contido