Skip to Content
CEIP PLURILINGÜE DE OUTES

RECOMPILACIÓN DE REFRÁNS POPULARES GALEGOS PARA AS LETRAS GALEGAS 2020

  

Dado que a vindeira semana deberiamos celebrar as Letras Galegas, dende os equipos de DLG e ACE solicitamos a vosa colaboración para que gravedes un breve vídeo, no que se escoite aos vosos fillos/as recitando un refrán popular galego e, como fondo, se vexa unha composición artística relativa ao refrán. É dicir, se por exemplo falase de flores, poderías por a imaxen dunhas flores do voso xardín, das que teñades nun xarrón, etc, se tratase sobre a costura poderían aparecer de fondo teas, tesoiras, dedais, agullas…

Por suposto, nas composicións que decidades facer para que aparezan como fondo da voz do voso neno/a recitando o refrán galego que escolleras, poderedes empregar os materiais que queirades. Pero, lembrade que non deben verse persoas nos vídeos que nos enviedes. Logo, con eses vídeos editarase outroque agardemos recolla boa parte do refraneiro popular galego.

 

Data límite da recepción dos vídeos o vindeiro xoves, 14 de maio, no correo:actividades.ceip.outes@gmail.com

 

 ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR. AGARDAMOS OS VOSOS VÍDEOS !!!

 

ADMISIÓN E MATRICULA DE NOVO ALUMNADO

En virtude do disposto na RESOLUCIÓN do 5 de maio de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade a diversos acordos do Centro de Coordinación Operativa da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop), do 5 de maio de 2020,

Informamos do seguinte:

 

1. ADMISIÓN DE ALUMNADO

  •  Restablécese o prazo para a presentación das solicitudes de admisión de alumnado, dende o 11 ata o 18 de maio.
  • Para lembrar a documentación a presentar acceder aos arquivos adxuntos ao final desta información.
  • Publicación das listaxes provisionais do alumnado admitido e non admitido: antes do 9 de xuño de 2020
  • Poderanse formular reclamacións contra as listaxes provisionais no prazo de 3 días hábiles contados desde o seguinte ao da súa publicación.
  • Publicación das listaxes definitvas do alumnado admitido e non admitido: ata o 26 de xuño de 2020

 

EXCLUSIVAMENTE PARA A REALIZACIÓN DESTE TRÁMITE, o centro permanecerá aberto de luns a venres en horario de 10:00 a 13:30 h.

Prégase a toda persoa que se achegue ó Centro para a entrega de documentación cumpra coas medidas de seguirdade e protección contra o Covid-19 establecidas pola Consellería de Sanidade.

 

2. MATRÍCULA DE NOVO ALUMNADO

  • Formalización da matrícula en educación infantil e primaria: do 1 ao 10 de xullo de 2020

REPORTAXE FOTOGRÁFICA DO PAMPALLÍN, 30-04-20

Informámosvos de que para ver a reportaxe fotográfica, realizada coas fotografías recibidas do Pampallín, será preciso entrar no blogue de EF e, unha vez dentro, pinchar á dereita na páxina principal enriba de O Pampallín, dende os fogares de Outes, 30-04-20. Posto que, nesta páxina principal da web, ocuparía moito espazo.

Moitas grazas pola vosa colaboración !!!.

3º TRIMESTRE CURSO 2019-2020

A Consellería de Educación, a través da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, emite no día 28-04-2020 as instrucións sobre a continuidade do 3º trimestre do presente curso académico 2019/2020.

Premer no seguinte enlace para acceder as instrucións:

https://www.edu.xunta.gal/portal/node/30936

Co fin de facilitar a lectura das instrucións que a Consellería de Educación ven de publicar, ofrecémosvos este resumo coa información máis salientable:

CALENDARIO ESCOLAR

"Durante o terceiro trimestre os centros docentes continuarán coa atención educativa ao alumando, desenvolvendo actividades que lles permitan aos alumnos e alumnas manterse incorporados á aprendizaxe continua...".

"As actividades lectivas que se desenvolven durante o terceiro trimestre do curso 2019-2020, (...) non se estenderán máis alá das datas establecidas na Orde do 20 de xuño de 2019, pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2019/2020 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia...".

CURRÍCULO E PROGRAMACIÓNS DIDÁCTICAS

"Os centros e o profesorado revisarán os currículos e as programacións didácticas para centrar as actividades lectivas do derradeiro trimestre nas APRENDIZAXES E COMPETENCIAS IMPRESCINDIBLES que deberían desenvolver os alumnos e as alumnas, en función da súa etapa, curso, área ou materia, flexibilizando os seus plans de traballo e coidando de non penalizar ou afectar ao benestar do seu alumnado, nin sobrecargalo de tarefas excesivas."

"Durante o terceiro trimestre desenvolveranse actividades de recuperación, repaso, reforzo e, no seu caso, ampliación das aprendizaxes anteriores que resulten NECESARIAS PARA TODO OU PARTE DO SEU ALUMNADO."

"A AMPLIACIÓN das aprendizaxes tomará como referentes aqueles obxectivos e competencias clave máis necesarios para a adecuada progresión do alumnado e que PARA A SÚA ASIMILACIÓN REQUIRAN A MÍNIMA INTERVENCIÓN DOCENTE."

AVALIACIÓN

"Os centros e o profesorado adaptarán o sistema de avaliación do alumnado, co obxectivo prioritario de que os alumnos e as alumnas non perdan o curso e poidan continuar avanzando na súa formación, tendo en conta de maneira especial a situación dos estudantes máis vulnerables."

"A avaliación das aprendizaxes desenvolvidas a partir da suspensión das actividades lectivas presenciais será continua e acentuará o seu carácter diagnóstico e formativo (...), para valorar os avances realizados e os atrasos que se puidesen producir, con obxecto de planificar as medidas de recuperación que sexan necesarias e programar o vindeiro curso. En todo caso, a avaliación das actividades realizadas na fase non presencial so poderá ter valor positivo para a cualificación do alumando."

"Os centros educativos e o profesorado emitirán un informe individual valorativo do traballo realizado polos seus alumnos e alumnas no curso, que inclúa os atrasos que puidesen terse producido e un plan de recuperación destes. Dito informe será tido en conta de cara a programación do curso 2020-2021."

 

ACTIVIDADE PAMPALLÍN 2020

Dende os equipos de DLG, ACE, así coma dende o PDC, queremos proporvos aos nenos/as a clebración do "PAMPALLIN" nos vosos fogares, grazas a que a partires do domingo 26 de abril xa poderedes saír acompañados dun adulto/a (e tomando as medidas pertinentes). Para iso, debemos contar coa colaboración das vosas familias, tanto á hora de ir recoller os pampillos (margaridas silvestres amarelas) polas hortas, leiras, arrós, cunetas no propio día, 30 de abril ou na véspera, coma logo á hora de elaborar as pulseiras, os colares, os aneis e/ou as coroas, coa axuda dunha agulla de coser grosa (a poder ser de plástico) e fío de lá ou ganchillo (preferiblemente).

Como moitos/as persoas adultas lembraredes, antano en Outes o Pampallín estaba moi presente. Viña ser un rito de orixe celta para darlle a benvida á primavera e pedir que houbese boas colleitas.

Solicitamos tamén a vosa colaboración enviándonos unha fotografía do neno/a facendo o seu colar, pulseira..., que logo subiremos á páxina web e/ou a algún blogue do centro en forma de reportaxe gráfica. Polo tanto se enviades as fotografías, entenderase que autorizades o seu uso na páxina web e/ou nos blogues do centro. A data límite de envío será o 1 de maio.

Rogamos que os/as nenos/as de Educ. Infantil e de 1º,2º e 3º e Educ. Primaria conten coa supervisión dun/ha adulto/a á hora de eleborar eses colares, pulseiras, etc dos que vimos falando.

Se alguén ten dúbidas de como elaborar os citados colares etc... pode ver o video titorial premendo no seguinte enlace:

https://www.youtube.com/watch?v=vnrmpSxukRQ

DÍA DO LIBRO 2020

Grazas á vosa colaboración temos o gusto de presentarvos este fermoso vídeo feito con motivo do Día do Libro.  Moitas grazas polas vosas recomendacións lectoras!

 

PARA ACCEDER AO VIDEO IDE AO ENLACE QUE APARECE DEBAIXO DA FOTO "1 adxunto" E ALÍ PICADE CO BOTÓN DEREITO DO RATO, OU PULSACIÓN LARGA NOS TELÉFONOS/TABLETS EN "dia_do_libro_2020_avi" E "DESCARGAR ARQUIVO ENLAZADO" (é necesario que o descarguedes como vídeo para poder visionalo)

 

Agardamos que vos guste tanto como a nós e que o desfrutedes moito en familia 

23 ABRIL, DIA DO LIBRO

ACHEGA MATERIAL ESCOLAR DO ALUMNADO

Estimadas familias:

 

Comunicámosvos que dende o CEIP de OUTES  e en colaboración co CONCELLO de OUTES, facilitarase o achegamento do material escolar do alumnado de Educación Primaria, e botas, mandilóns e viseras do alumnado de Educación Infantil para aquelas familias que así o desexen e o soliciten.

Para acceder a dito servizo deberán porse en contacto co CONCELLO a través do teléfono 981-85-00-03 facilitando nome, apelidos e curso do alumno/a, así como dirección de entrega e teléfono de contacto.

Temos esperanza de que antes de rematar o curso sexa posible que alumnado e/ou familias poidan achegarse ao centro a recollelo xunto cos traballos dos seus fillos/as, pero dado que polo de agora se descoñece en que momento, facilítase do xeito anteriormente detallado.

 

Un saúdo e esperamos que todos/as vos atopedes ben.

Moito ánimo!!

A DIRECCIÓN

 

BOTÁMOSVOS DE MENOS

Dende o Ceip de Outes queremos agradecer o esforzo que todo o alumnado e familias estades a facer. É tempo de momentos compartidos, ilusión, solidariedade, esperanza, xogos, agarimos e sorrisos en familia.

Estades nas nosas cabezas e corazóns. Botámosvos de menos!!

TODO SAIRÁ BEN!!

 

Pinchar no enlace para acceder ao video:

https://www.youtube.com/watch?v=8f6apGsF7cs

SERVIZO DE IMPRESIÓN DE MATERIAL ESCOLAR CONCELLO DE OUTES

 

O Concello de Outes vén de poñer en marcha un servizo de impresión de material escolar para aquelas familias que o precisen.

Para acceder a este servizo as familias interesadas deberán poñerse en contacto co Concello a través do mail tarefas.outes@gmail.com ou a través do teléfono 981-850-003 en horario de 09:00 a 14:00 h indicando as tarefas a imprimir, dirección de envío e un teléfono de contacto.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut