Lenda de Babushka

Contan que nun lugar da estepa rusa, había unha velliña que vivía soa nunha cabana, chamábanlle Babushka, que quere dicir avoíña.

Un día de Nadal saíu a recoller leña e, de volta a casa, logo de prender o lume, quedou adurmiñada. De súpeto escoitou petar na porta. Abriuna e viu tres homes vestidos coma os reis antigos. Eran máis vellos ca ela e tiñan as barbas e o pelo brancos coma a neve e levaban nas mans un cofre de ouro con pedras incrustadas.

Babushka preguntoulles quen eran e un dos vellos respondeu: somos tres sabios de Oriente que imos de camiño a Belén de xudea para ofrecerlle estes regalos ao Príncipe da Paz que acaba de nacer, e queremos que veñas con nós para levarlle o teu regalo ao príncipe da Paz.

Babushka pensou ben o que lle dixeran e contestoulles que era moi vella e que o camiño ata Belén era moi longo e igual morría nel, xa que o corpo non lle daba para chegar a Belén e ademais era moi pobre e cos poucos aforros que tiña non podía mercar nada digno dun príncipe.

Os tres Reis marcharon con tristura e Babushka quedou matinando no moito que lle gustaría ir ver o príncipe da Paz e no regalo que lle podería levar. Despois de cavilar decidiu que o día seguinte marcharía tamén para Belén.

Á mañá seguinte, Babushka saíu da súa casa cun queipo cheo de xoguetes, bolas de cores, papel de prata, pasteis e caramelos. Despois de moito camiñar decatouse de que non sabía cal era o camiño para Belén, nevaba moito na Estepa e non quedaban pegadas dos Reis Magos. Preguntou por onde se ía a Xudea e todos lle dicían: "Hai que ir máis lonxe, Babushka, hai que ir máis lonxe".

Babushka non chegou a Belén, e agora non se sabe moi ben por onde anda, pero unha noite ao ano volve co seu queipo cargado de bolas de cores, xoguetes, caramelos e pasteis e vai repartindo todo polas casas da Estepa. Espera que os nenos estean durmidos, entra nas casas e vai deixando os xoguetes ao pé das camas dos rapaces e rosma para ela: "Hai que ir máis lonxe, Babushka, hai que ir máis lonxe".