Skip to Content

                              

A esfolla do millo

(A continuación reflectimos o excelente traballo realizado por Luis Chapela Bermúdez)

OS TRABALLO DO MILLO

O millo é un cereal que procede de América e en Galicia cultívase, polo menos, dende o século XVII.

Ao igual que se facía para a plantación do trigo, os labregos, tiñan arado e terreo, facíanse os sucos nos que se sementaban os grans de millo, á man ou cunha sementadora. Moitas veces aproveitábase para sementar tamén fabas polo medio. Que logo trepaban polas canas do millo.

Unha vez sementado tapábanse os regos co canizo ou coa grade. O millo sementábase en abril e maio e sachábase en xuño para sacarlle as malas herbas e en xullo rareábase. No mes de agosto, cando a espiga estaba ben lograda, sacábanselle os curutos e as canas sen espiga. Partíanse coa man polo nó que hai enriba da espiga, acción que se chama escotelar.

Para que non o comese o porco teixo había quen queimaba trapos a carón do millo pois o cheiro, ao parecer, espantaba a este animal. Tamén puñan espantallos para os paxaros.

En setembro ou outubro recollíase e segábano polo pe cunha fouce. A espiga secábase e a cana dábaselle ao gando. Nas casas ricas a esfollada facíase coa axuda dos veciños ou ben xornaleiros, polo que non era raro que a esfolla rematase nunha foliada.

AS ESPIGAS AS GARDABAN NUN HORREO PARA TODO O ANO :

As espigas gardábanse nun pendello e logo sacábanlles as follas e gardábanas nun hórreo para todo o ano. Se había algunha espiga partida ou danada, esas aproveitábanse para as galiñas ou os porcos.

As follas do millo ou cosco eran para botar na corte dos animais pero tamén se empregaban para facer xergóns para as camas. Facían unhas fundas de tea e enchíanas con follas de millo secas.

Para facer un xergón precisábanse moitas follas. Dun ano para outro as follas gastábanse, de deitarse no xergón, e entón o que se facía, si se tiñan dous xergóns, era encher os dous nun, ou xuntar a folla vella coa nova.

Se o millo estaba algo húmido, púñano ao sol ou botaban as espigas a secar no forno, logo de ter cocido o pan, cando o forno xa non estaba moi quente e deixábano estar alí ata o outro día. A fariña do millo secado no forno aproveitábase máis porque non facía tanto salvado ó moerse mellor. Aínda que para facer as papas dicían que era mellor a fariña do millo máis verde. Logo debullábase, ou degrañábase á man, cun carozo doutra espiga xa debullada. Os carozos ben secos valen para acender o lume, ademais de facer boas brasas para asar as sardiñas no verán.

Había quen tiña algún mecanismo de ferro para debullar o millo, e nalgúns sitios, mallábano nun malladoiro, que viña a ser un caixón grande con táboas de castiñeiro polos lados e por baixo as táboas estaban separadas entre si un chisco para que puidesen caer os grans . Este caixón estaba enriba de catro pes e debaixo puñan outro caixón de madeira para que caese o millo. Para mallalo facíano cuns paos curvados feitos de madeira de carballo.

O millo unha vez debullado, levábase metido en sacos a moer ao muíño e con esa fariña facían pan de bola mesturándoo con algo de trigo, papas de millo, empanada de millo que tamén se mesturaba con algo de trigo, bolos de pote, etc.

O que non levaban a moer e logo de darlle a metade, se eran caseiros ao amo, gardábase en huchas ou arcas feitas en xeral de madeira de castiñeiro. Antes de metelo na hucha cribábase erguéndoo no aire onde correse o vento para sacarlle os lixos ou morriñada. O millo e o centeo foron durante moito tempo o pan dos pobres.

Este traballo está explicado en tempo pasado, pois os cultivos de hoxe realmente xa nada teñen que ver cos de entonces. Non obstante, aínda quedan algunhas familias que todos os anos sementan o millo nas leiras, mantendo viva esta tradición tan laboriosa.



book | by Dr. Radut