Skip to Content

Visita ao PARLAMENTO e MUPEGA

O CEIP Plurilingüe de Lousada realizamos hoxe unha saída cultural a Santiago de Compostela. A primeira parada do día foi o Parlamento Galego.

O alumnado de 4º, 5º e 6º estivo durante a semana pasada coñecendo máis sobre a organización social e política do noso país, polo que puideron expandir os seus coñecementos sobre esta institución e sobre o que implica o poder lexislativo e a representación política.

O alumnado de infantil e os primeiros cursos de educación primaria tamén participaron nesta xornada, e mediante a visualización dun video sobre o libro titulado “Os Bolechas van o parlamento”entenderon dunha maneira máis sinxela cal é a función desta institución. Preme na imaxe para acceder ao video e a contido sobre este tema.

Resultado de imaxes para os bolechas van o parlamento

 

Durante a visita viron como e onde se reunen as/os 75 deputadas/os que compoñen o parlamento galego, recoñeceron algunhas persoaxes políticas, descubriron as diferentes instancias das que consta o edificio e para que serve cada unha delas, cantos parlamentos hai en Europa e realizamos unha análise do papel da muller neste eido.

Analizamos a composición dos membros do Parlamento nas anteriores lexislaturas, e vimos que nos últimos anos se viu reforzada a participación da muller nesta institución en comparación as primeiras lexislaturas, nas que a porcentaxe de mulleres e homes era moito máis diferenciada a favor do xénero masculino, algo que xa tratáramos na aula e puidemos corroborar nesta visita.

O que máis nos gustou foi realizar un simulacro dun pleno no que cada unha e cada un deles tomaron o rol de deputadas e deputados, debatiron temas que consideraron de interese sobre a escola ou temas da súa vida cotiá, tendo que argumentar as súas ideas, rebatilas de ser o caso aportando opinións e outros puntos de vista e finalmente realizar unha votación para chegar a unha conclusión conxunta para aprobar a lei proposta ou non.

 

Logo de xantar, realizamos unha visita ao MUPEGA, museo pedagóxico galego, no que nós explicaron moitas curiosidades sobre as escolas as que ás nosas avoas e avos asistiron e no que nos divertimos moito vendo as diferenzas coa escola hoxe en día. O que máis chamou a atención era que non había tecnoloxía e informática, eran clases moi distintas con recursos máis sinxelos, os xogos eran moi diferentes dos xogos aos que estan acostumadas/os e moitos máis detalles! Se queredes realizar unha visita virtual 3D polo museo premede no seguinte enlace.

VISITA VIRTUAL 3D MUPEGA



blog | by Dr. Radut