Fondo solidario libros de texto e axudas para libros e material

Hoxe publicouse a ORDE do 7 de maio de 2024 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan as axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2024/25 (códigos de procedemento ED330B, ED330G e ED330H).


DESTINATARIOS

Fondo solidario de libros de texto: alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de EP e en 1º, 2º, 3º e 4º da ESO. 

Axudas para adquirir libros de texto: alumnado matriculado en 1º e 2º de EP e en educación especial (EE); así como as axudas que pode recibir o alumnado incluído na disposición adicional primeira (discapacidade ≥ 65%) e na disposición adicional segunda (necesidades específicas de apoio educativo –NEAE-), circunstancia que fará constar o centro na solicitude.

Axudas para adquirir material escolar: alumnado matriculado en EP, ESO e EE.  

O alumnado matriculado nos centros e cursos incluídos no proxecto educación dixital (EDIXGAL) no curso 2024/25 está excluído da participación no fondo solidario de libros de texto e das axudas para adquirir libros de texto. Non obstante, poderá solicitar a axuda para adquirir material escolar.

  

SOLICITUDES

 Prazo: do 21/05/2024 ao 21/06/2024 (incluídos)

 Forma de presentación:

A solicitude será única para todos os fillos/as ou tutelados que estean admitidos no mesmo centro docente para o curso 2024/2025. Se estivesen admitidos en centros distintos deberán facer unha solicitude para cada un dos centros.

 Electrónica: utilice esta aplicación e presente solicitude na Sede Electrónica  

Presencial con asistencia da aplicación : cubra os datos nesta aplicación, imprima os Anexos I e II producidos e presenteos no centro educativo

Presencial manual: cubra os Anexo I e Anexo II  da Orde da convocatoria e presénteos no centro educativo.

                       - Impreso solicitude_castelán

                       - Impreso solicitude_galego

Noraboa!

Onte déronse a coñecer os galardoados na terceira edición do Premio Galego de Eduación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global.

Trátase de propostas que abordan a educación emocional con enfoque feminista, a sostibilidade e o consumo responsable e o impacto dos discursos de odio a través dos saberes do Sur Global.

Un dos galardoados foi o proxecto Sentindo en feminino, do CEIP López Ferreiro, de Santiago de Compostela levado a cabo polas nosas compañeiras de Educación Infantil Fátima Rodríguez e Rosa Suárez.

É un orgullo para o noso centro. A nosa máis sincera noraboa ao profesorado, alumnado e comunicade educativa implicada.

Máis información pinchando na seguinte imaxe:

Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento

Visita ao Servizo de Normalización Lingüística da USC

O alumnado de 5º e 6º de Primaria do noso centro foi recibido polas persoas responsables do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Máis de 50 nenos e nenas do CEIP López Ferreiro, desprazáronse ata o SNL, no Campus Sur.

Quixeron presentarlles a última fase da campaña fai un trato co galego! Aquí atendemos en galego. Tamén lles achegaron o adhesivo co que premiamos a quen se compromete co noso idioma.

Manuel N. Singala, Xusto Rodríguez e Manuel Bermúdez interesáronse polo traballo que levamos a cabo no centro, pola opinión que a nosa campaña lles merecía e a súa utilidade. Animaron a esta rapazada a seguir desenvolvéndose en galego. 

Agasalláronnos cunhas bolsas dunha iniciativa deste Servizo: Témoslle LEI.

Catálogo de xogos

Queremos presentarvos o Catálogo de Xogos que elaboramos este curso, no marco do Proxecto de innovación educativa en dinamización lingüística (Proxecta+) que estamos a desenvolver.  É unha guía dixital de enredos, un traballo no que participaron todos os ciclos do centro e que amosan que nesta escola se xoga en galego. Esta proposta realizouse grazas á colaboración do Equipo de Plan Dixital e recorreuse, maioritariamente, ao Libro da Memoria, elaborado polas aulas Maruxa e Coralia.

Animádevos a botar man deles, estes xogos forman parte da cultura que nos é propia! Premede na imaxe para acceder.

ABRIL FOI O MES DOS LIBROS NA BIBLIOTECA HELENA VILLAR

No mes no que se celebra o Día do libro, a biblioteca Helena Villar quixo renderlle  unha homenaxe con variadas formas de lectura (e de escritura).

Así, o 3 de abril compartimos con Marisa Irimia contos que viñan do Vietnam, do Chad e de Noruega. Presentounos mediante  a técnica do kamishibai, e foi todo un éxito do que gozaron as familias e a cativada para celebrar o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil.

En horario lectivo, o alumnado de 5º explorou con Charo Pita as Xeografías máxicas da Península Ibérica, coas que pronto se compoñerá un podcast no que se dará a coñecer as figuras míticas ligadas a determinados lugares ou accidentes xeográficos e as súas historias.

Tamén o alumnado de educación infantil participou da biblioteca creativa, mediante o obradoiro Borranchobot: descubrindo  a electricidade  a través da arte, co que aprenderon o funcionamento dos circuítos eléctricos elaborando unha creación artística en equipo ao tempo que exploraron as posibilidades dos circuítos.

E os Encontros lectores continuaron as súas xuntanzas, nas que, ademais, recibimos a visita de Alba Míguez e Damián Gómez, autores de Os vagalumes de Marí, un dos títulos seleccionados. As nenas e os nenos, así como as súas familias, intercambiaron impresións e mesmo levaron tatuaxes creados por Alba e Damián.

E o día 30, entregáronse os premios do concurso de poesía “Versos que flotan” e do “Concurso de portadas coas familias”. Emoción e nervios polo recoñecemento a un traballo que xoga coa beleza das palabras e coas emocións que as historias lidas nos transmiten.

En resumo, na época da alfabetización múltiple, diferentes formas de ler na biblioteca Helena Villar do CEIP López Ferreiro.

Todas estas actividades desenvolvéronse grazas á dotación económica do PLAMBE, así como aos programas de Lectura e familias, Club de lectura, Radio na biblio e Biblioteca creativa, nos que o centro tamén participa.

LA GRANDE LESSIVE – THE GREAT LAUNDRY – A GRAN BOGADA

O pasado 21 de marzo levamos a cabo unha actividade de concienciación sobre a importancia da auga para o planeta.

É unha actividade que se realiza en moitos colexios de distintos países, a longo do mapa. Participamos na actividade por invitación do colexio co que temos o intercambio en Lingua Inglesa, Petite École de Paris, de Brest, que nos visitará en breve.

Deixamos imaxes dos traballos realizados polo noso alumnado de 6º e imaxes dos traballos realizados por distintos cursos do colexio bretón.

O enlace á páxina onde podedes informarvos máis sobre o tema é https://www.lagrandelessive.net/avec-ou-sans-eau/

 

 

 

Campaña Fai un trato co galego!

Para o desenvolvemento do Proxecto de innovación educativa en dinamización lingüística, que estamos a levar a cabo, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega creou unha conta de Instagram:@edlglopezferreiro. Nesta conta estanse a subir os apoios das familias do alumnado do Equipo 21 e doutras persoas significativas que colaboran, desde os seus inicios, hai dous cursos, coa nosa campaña Fai un trato co galego!

Animámosvos a sumarvos a esta iniciativa remitíndonos os vosos vídeos ao correo electrónico do EDLG: edlglopezferreiro@gmail.com. No Concello, onde onte presentamos a nosa campaña, xa nos están a apoiar!

8th March - Women's Day

Como cada curso, desde Seccións Bilingües tentamos destacar este día dalgún xeito.
O alumnado traballou de forma colaborativa en dous carteis para os corredores do centro e repartiron mensaxes para as aulas. 
Pequenos xestos que esperamos consigan grandes cousas :)

8M con Caamaño e Ameixeiras

O López Ferreiro conmemorou o 8M, coa actuación do dúo galego de música folk tradicional galega Caamaño & Ameixeiras. Coa acordeonista Sabela e coa violista e vocalista Antía, celebramos o Día Internacional das Mulleres, unha xornada para reivindicar a igualdade e facer balance sobre a situación das mulleres na nosa sociedade.

Este concerto, organizado polo EDLG do noso centro, desenvolveuse grazas á iniciativa dos Contratos-programa Inclúe (CPInclúe), nos que estamos a participar, concretamente do IGUÁLA-T.

Novo blog FAI UN TRATO CO GALEGO!

O EDLG do CEIP López Ferreiro, quere convidarvos a acceder ao seu novo blog, Fai un trato co galego!

A través del poderedes seguir o proxecto de innovación educativa en dinamización lingüística, que estamos a desenvolver no centro.

Esta é unha proposta que está a realizar, sobre todo, o alumnado de 5º e 6º de Primaria. A través dela quérese convidar a todos e a todas a xogar, a relacionarse e a atender en galego!

Distribuir contido