Responder ó comentario

O día 15 de novembro o alumnado do CEIP Francisco López Estrada foi convidado a participar na exhibición que organizou a garda civil no colexio da Barqueira. As nenas e os nenos puideron disfrutar do trato directo cos profesionais que coidan e vixían da nosa seguridade, coñecendo deste xeito mellor a súa labor profesional e o equipamento do que dispoñen.

A primeira exhibición foi protagonizada por un pequeno amigo que entusiasmou a todos co seu bo facer e a súa simpatía. Un can perfectamente adestrado encargouse de localizar unha sustancia explosiva (simulada) escondida na pista. A pesar da presenza do alumnado e do ruído o noso amigo foi capaz de atopar o seu obxectivo deixando a todos sorprendidos e gañándose un gran aplauso. 

Ademais do aplauso e a aprobación do público tamén se gañou unhas boas caricias.

Un dos puntos con máis aceptación da exhibición foi a moto do SEPRONA. Todos querían subirse a ela e fixérono amosando o seu mellor sorriso. 

Outros dirixíronse aos vehículos de catros rodas. Neles puideron poñerse ao volante, facer soar o claxon, acender as luces, usar as sirenas e mesmo dar algunha que outra mensaxe polo megáfono. 

Ademais a garda civil tivo a amabilidade de deixarnos probar parte do seu equipo técnico. Os prismáticos de visión nocturna espertaron a curiosidade e admiración das nenas e dos nenos. Seguro que o material mostrado axudaríanos moito aos mestres con algún que outro patio de recreo. 

E como acto final recibimos a visita dun helicóptero da garda civil. O alumnado puido ver o vehículo e charlar co piloto, que atendeu as nosas dúbidas e preguntas. Foi unha xornada amena e interesante, que nos achegou a un sector profesional imprescindible para a nosa vida en sociedade e que moitas veces é un gran descoñecido. Desde aquí agradecémoslle á garda civil a súa disposición, paciencia e tempo compartido connosco. 

Podedes atopar as fotos da xornada na seguite ligazón:

Fotos da galería

Responder