A Xunta comprométese a seguir impulsando a investigación científica universitaria cun apoio financeiro estable e reforzo das infraestruturas
O secretario xeral de Universidades subliña que a Consellería incrementou nun 31% ata case os 23,6M€ os orzamentos para os 13 centros de investigación punteiros
Estes axentes concentran preto de 2.000 investigadores, acadan preto de 190M€ captados en proxectos competitivos e suman 42 spin-offs activas nestes momentos
O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, reafirma o “compromiso absoluto” da Xunta no apoio aos centros de investigación universitaria punteiros en Galicia grazas a un apoio financeiro estable por parte da Consellería de Educación, Ciencia, FP e Universidades que o ano pasado incrementou nun 31% a partida para este fin ata acadar os preto de 23,6M€, ao que hai que engadir partidas complementarias para a mellora de infraestruturas e dotación de equipamento científico.
Segundo explicou ante a Comisión 4ª do Parlamento de Galicia, o representante da Consellería, as distintas partidas orzamentarias fan que o financiamento dos centros de investigación máis excelentes “acade neses momentos o seu máximo histórico” desde que en 2016 o Goberno galego decidira iniciar un programa específico de apoio a estes axentes científicos universitarios, e que está senso sucesivamente reforzado desde o punto de vista económico.
Así pois, ademais dos 23,6M€ dotados no programa en 2023, a Xunta de Galicia destina financiamento complementario a estes centros a través de distintas vías. Neste senso, todos eles reciben arredor de 33,6M€ mediante convenios de colaboración específicos, aos que hai que engadir outra inxección de 9M€ para equipamento científico que se formalizará proximamente.
José Alberto Díez cualificou de “moi positivo” o resultado do proceso de acreditación de centros levado a cabo o ano pasado, polo que agora xa son dez os que integran a Rede de Centros de Investigación de Excelencia do Sistema Universitario Galego, dous máis que o anterior período. Ademais, outros tres forman parte da nova categoría de Centros Colaborativos. En total, todos eles aglutinan preto de 2.000 investigadores, acadan os preto de 190M€ de recursos captados en proxectos competitivos no período 2020-23 e contan con 42 spin-offs activas nestes momentos.
O maior investimento da historia
Doutra banda, o representante da Consellería puxo en valor os fondos que destina a Xunta de Galicia para garantir a correcta financiación das universidades públicas galegas e que se materializa no Plan de financiamento universitario 2022-26, a folla de ruta consensuada cos reitores. A través do, as universidades galegas están a recibir o maior apoio da historia por parte da Xunta cunha partida que este ano supera por primeira vez os 500 M€.