Cultura e Educación centra o Plan de Formación do Profesorado do vindeiro curso nas actividades que faciliten a implantación dos novos currículos de primaria e FP Básica da LOMCE

A Consellería promoverá as accións de reforzo da autonomía dos centros, das competencias clave e as dirixidas aos docentes da Formación Profesional

Para o 14/15 increméntase, inicialmente, nun 12,3% o número de prazas dispoñibles en accións formativas

O Plan multiplicou case por 6 o número de actividades no presente curso respecto das que se ofertaran ao inicio do mesmo

O 52,2% do total das realizadas no 13/14 enmarcáronse nos Plans de Formación en Centros, unha formación adecuada ás demandas e necesidades de cada realidade educativa

Ven, 13/06/2014 - 11:46
Xesús Vázquez Abad presentou o Plan Formación Profesorado
Xesús Vázquez Abad presentou o Plan Formación Profesorado

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vai centrar o seu Plan de Formación do Profesorado do curso 2014/2015 nas actividades que faciliten a implantación dos novos currículos de educación Primaria e de FP Básica da Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE). Así o explicou esta mañá o conselleiro, nun acto de presentación no que reafirmou o compromiso do seu departamento co apoio necesario para que o profesorado afronte o cambio metodolóxico que supón a nova lei “cara a un ensino integrado, facendo fincapé nas competencias clave e reforzando a autonomía dos centros”.

Xesús Vázquez Abad cualificou o Plan como un “organismo vivo, que se vai enriquecendo e multiplicando ao longo do curso escolar”. Como dato para ilustralo, explicou que, en total, o plan executado do 13/14 –respecto do plan base presentado antes do inicio de curso- multiplicouse case por 6 no número de actividades (ata 2.155), por 3’2 no número de prazas (ata as 55.428) e por 4’2 no número de horas de formación (ata as 63.066).

Plan base e actividades engadidas

No relativo ao plan base para o 14/15, salientou que xa nesta previsión inicial se incrementan nun 12,3% o número de prazas respecto das do presente curso. Así, a estrutura básica do Plan do curso que vén está conformada por 19.275 prazas, 359 actividades e 11.500 horas de formación.

Esta previsión inicial do Plan incrementarase fundamentalmente a través de 3 modalidades de formación: da convocatoria (xa publicada) de 500 meses de licenzas dirixidas a ata 423 docentes de carreira; dos Plans de Formación en Centros; e de todas as actividades formativas coas que a Consellería acompaña e apoia ao profesorado na implantación dos seus plans estratéxicos, como o Proxecta, o Plan LÍA de Bibliotecas Escolares, ou os Contratos-Programa, entre outros.

Plans de Formación en Centros

Entre os puntos fundamentais que se reforzarán para facilitar a implantación da LOMCE o conselleiro salientou as competencias clave e a autonomía dos centros, que se potenciarán a través dos Plans de Formación en Centros, que cada centro deseña en función das súas necesidades.

Neste sentido anunciou que a nova convocatoria - que se publicará o día 18- vai incorporar 2 novas liñas, ata sumar un total de 9. Así, aos plans ata agora existentes arredor da mellora da convivencia, da atención á diversidade, ou da educación dixital, engadirase unha liña de acompañamento curricular centrada na formación en competencias clave, e outra arredor das Bibliotecas Escolares e Programas Europeos, dando resposta ás demandas dos centros nestes eidos.

Vázquez Abad salientou esta iniciativa como “unha clara aposta pola autonomía dos centros que chega este ano á súa terceira convocatoria, e coa que podemos considerar que a Consellería se adiantou preparando ao profesorado nesa clara liña de futuro do ensino, e na que agora se dá un paso máis coas dúas horas de libre configuración das que os centros van dispoñer en Primaria”. “Estamos a ofrecer cada vez máis - dixo- unha formación ‘personalizada’, ‘ad hoc’, na que o centro, en base á súa autonomía, nos demanda determinadas actividades axustadas a aquelas áreas que queren reforzar ou nas que se queren especializar”.

Non en balde, cómpre salientar que no curso 2013/2014 realizáronse 1.126 actividades no marco dos Plans de Formación que funcionaron en 197 centros, o que supón que o 52,2% do total de todas as actividades de formación do profesorado realizadas no curso realizáronse no propio centro educativo dando resposta ás súas necesidades particulares, e ás propias demandas do profesorado.

FP Básica

O terceiro dos puntos fundamentais que a Consellería quere reforzar o curso que vén no marco da posta en marcha da LOMCE é a formación para o profesorado da FP, que se estrutura como unha parte específica do plan base. Co reforzo destas actuacións procúrase dar cobertura ás necesidades que se formulen a raíz da implantación da FP Básica, mellorar a orientación profesional do alumnado de formación profesional, fomentar a promoción do emprendemento e promover as estadías formativas nacionais e transnacionais de profesorado en empresas, en particular coas máis implicadas en sectores clave da economía galega e as relacionadas cos sectores emerxentes.

“O feito de que os ciclos formativos teñan como obrigatorio e avaliable un período de formación en centros de traballo - sinalou o conselleiro- fai necesario que o profesorado teña previamente un coñecemento directo dos procesos produtivos que se desenvolven nas empresas, que é a finalidade destas actuacións”.

A Rede de Formación máis valorada

Vázquez Abad agradeceu o traballo da Rede de Formación do Profesorado – conformada polo Centro Autonómico de Formación e Innovación e polos 7 Centros de Formación e Recursos- , “sen os que non sería posible hoxe presentar este plan”. Neste sentido, salientou que Galicia é unha das poucas Comunidades Autónomas que mantén unha forte e cohesionada Rede de Formación do Profesorado, “cuxo apoio é ademais o máis valorado de entre todas as CCAA polos directores dos centros, tal e como queda recollido no informe PISA da OCDE. De feito - engadiu- no CAFI son conscientes do prestixio da Rede, que notan no alto número de visitas que reciben de outras Comunidades Autónomas e mesmo de outros países, hai unhas semanas de Lituania, para coñecer o modelo de formación do profesorado de Galicia”.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia salientou igualmente o labor dos docentes, dos que valorou o seu “xeneroso esforzo por mellorar a súa competencia profesional”, e aos que asegurou que a Consellería continuará a apoiar a través “da mellor ferramenta nestes tempos de cambio no ensino, a formación permanente que lles permita continuar exercendo o labor docente coa máxima calidade e guiando ao alumnado, de acordo coas necesidades específicas de cada un, cara á excelencia”.