O MECD abre a convocatoria para a realización de cursos de formación en rede

Lun, 03/03/2014 - 12:26
Intef - Formación en red
Intef - Formación en red

O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte convoca 9.485 prazas para a realización de cursos de formación en rede para o profesorado, distribuídas en dúas edicións cos seus correspondentes procesos de inscrición (febreiro e setembro de 2014) co obxecto de actualizar as competencias pedagóxicas e didácticas do profesorado en exercicio das distintas ensinanzas reguladas pola Lei Orgánica de Educación.

Características e destinatarios

Os cursos impartiranse integramente en liña no espazo de formación en rede do INTEF e terán unha estrutura modular organizada en bloques con contidos e actividades. Cada bloque terá unha data de apertura e peche. O alumnado realizará as actividades propostas en cada bloque necesariamente nese período.
Para atender ao alumnado durante o desenvolvemento dos cursos designaranse titores especializados, que atenderán a un máximo de 35 participantes en cada curso.
O plan de actividades de cada curso conducirá á realización dun traballo final con aplicación á súa práctica profesional. Estes traballos finais serán postos a disposición da comunidade educativa coa licenza de uso elixida por cada participante.

Os destinatarios destas actividades son Docentes, Asesores de Formación, Asesores Técnicos Docentes, membros do Departamento de Orientación e de Equipos de Orientación ou de Atención Temperá dos centros sostidos con fondos públicos que imparten as ensinanzas reguladas na Lei Orgánica 2/2006, de Educación.

Prazos e certificación

Hai dous prazos de presentación de solicitudes, un para cada edición dos cursos. O primeiro é de 15 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da Resolución no BOE (24 de febreiro de 2014). O segundo será tamén de 15 días naturais e comezará a contar o 8 de setembro de 2014. Concluído o prazo de presentación en cada unha das dúas edicións dos cursos, non se admitirá ningunha instancia de participación nin documentación acreditativa de méritos nin modificación ningunha ás peticións formuladas na solicitude.

Os candidatos que resulten seleccionados recibirán a oportuna comunicación por parte do INTEF, xunto coa correspondente información complementaria relativa ao acceso á plataforma de formación. A comunicación realizarase á conta de correo electrónico consignada polo candidato na súa solicitude.

Ao profesorado asistente a estes cursos expediráselle, unha vez rematados estes, un certificado polo número de horas de formación correspondentes a cada curso, de acordo coa Orde EDU/2886/2011 do 20 de outubro, pola que se regula a convocatoria, recoñecemento, certificación e rexistro das actividades de formación permanente do profesorado, sempre que reúnan os requisitos nela establecidos.