Skip to Content

Música

SEMANA DO 18 AO 23 DE MAIO

OLA A TOD@S,  

Xa vai quedando menos, chic@s!!! Espero que todos e todas sigades ben (polo menos de saúde) e que teñades ánimos para afrontar unha semaniña máis (pensade que é en realidade: unha semaniña menos). 

Podedes consultar a reforma da programación de Música na anterior entrada do blogue. Aos que estades traballando dende o principio, non vos preocupedes, intentarei facer as medias da mellor maneira posible porque volo merecedes!!!! 

Vouvos explicar un pouco o que imos facer esta semana. Esta semana, igual que na semana pasada,  van tarefas de repaso para todos, algo sinxeliño, uns cuestionarios online de repaso e tarefas de ampliación de contidos, por se vos sobra algo de tempo e vos apetece facer algo a maiores do que xa demos este curso (estas tarefas son voluntarias pero serán tidas en conta para as notas finais)

Lembrade: o meu correo é pvsertal@gmail.com

 OLLO: OS CUESTIONARIOS PECHARANSE O SÁBADO ÁS 14:00

2º ESO:

A tarefa de repaso: a actividade para esta semana consiste en repasar o Tema 5. A tarefa é moi sinxeliña (igual que a semana pasada): ledes o tema atentamente e a continuación contestades o cuestionario online (antes do sábado) que vos colgo neste enlace: cuestionario 5 de 2º da ESO. Xa non me tendes que enviar correo porque xa o recibo no meu drive, salvo que queirades contarme/preguntarme algo, claro está. Lembrade que sigo aquí para o que precisedes.

tarefa de ampliación consiste en escoitar o vídeo que vos colgo a continuación: "O nacemento da música moderna". Os que fagades esta tarefa de ampliación, tendes que enviarme un correo contestándome as seguintes preguntas. Para esta tarefa tendes de prazo ata o domingo!!! 

  • Por que aparece a música moderna?
  • Que son as worksongs e o góspel ou espiritual negro?
  • Que significa "Ragtime" e que son as "notas a contratempo e as síncopas"?
  • Por que nace o Blues? 
  • Por que e cando nace o Jazz?
  • Que é un riff?

Ademais, xa adiantando a tarefa de ampliación da semana que vén,  tendes que elexir un estilo musical e un grupo (non ten por que aparecer no vídeo) e facer un pequeno traballo no formato que queirades (en word, na libreta, en Power Point, etc) sobre ese grupo: a que estilo pertence, cando nace o grupo, as súas cancións máis importantes, etc... Para este traballo tendes ata o 5 de xuño!!!!

 

3º ESO:

A tarefa de repaso. Esta semana continuamos repasando os conceptos de linguaxe musical do inicio de todo: alteracións, compases, figuras que modifican a duración dun son, as liñas divisorias e adicionais e os signos de repetición. Tendes que repasar estes conceptos que xa están copiados na libreta e contestar ao cuestionario online que vos colgo a continuación (antes do sábado): probiña nº 2 - repaso de linguaxe musical - 3º ESO. Xa non me tedes que enviar correo porque xa o recibo directamente no meu drive, salvo que queirades preguntarme/contarme/falar conmigo, por suposto. Lembrade que sigo aquí para o que precisedes.  

A tarefa de ampliación desta semana consiste en visualizar o vídeo do Barroco que vos colgo no seguinte enlace: "O Barroco". A actividade consiste en escoitar atentamente o vídeo e contestar ás seguintes preguntas nun correo: 

  • Que vos explico sobre as ornamentacións?
  • Que vos explico sobre as obras artísticas do inicio do vídeo?
  • Que significan os contrastes?
  • Que significa a ópera? 
  • Os castrati?
  • Como son os dous tipos de concerto do Barroco? 

Para a tarefa de ampliación tendes de prazo ata o domingo!!

UNHA APERTA A TOD@S!!!

4º ESO

Tarefa de repaso: esta semana seguimos repasando algo de linguaxe musical. Collede a libreta e botádelle un ollo aos seguintes conceptos: repasade: figuras que modifican a duración dos sons, intervalos, acordes e escalas. Unha vez leídos eses conceptos, contestades ao cuestionario online que vos colgo a continuación: Repaso de Linguaxe Musical 3 - 4º da ESO. Xa non é necesario que me escribades un correo porque xa recibo a resposta directamente, salvo que vos apeteza contarme ou preguntarme algo, que sabedes que para min é un pracer recibir noticias vosas.

A tarefa de ampliación (lembrade que é voluntaria) consiste na visualización do vídeo que vos colgo a continuación: As mulleres ao longo da historia da música: Clasicismo e Romanticismo.  Unha vez visto, deberedes escribirme un correo contestando as seguintes preguntas:

  • Nannerl Mozart: que características do Clasicismo nomeo no vídeo?
  • Fanny e Clara: que características do Romanticismo nomeo no vídeo?
  • Por que se di que Fanny Mendelssohn tiña uns dedos especiais para tocar as fugas de Bach?

 Para esta tarefa de ampliación tendes de prazo ata o domingo. Para a semana que vén, a tarefa de ampliación vai ser buscar información sobre Alma Mahler e realizar un pequeniño traballo sobre ela en calqueira formato (libreta, word, Power Point, etc) .... o prazo para este traballo de Alma Mahler será o 5 de xuño.

 UNHA APERTA A TOD@S!!! 

 MOITO ÁNIMO E MOITA PACIENCIA QUE XUÑO XA ESTÁ AÍ!!!! 

 ATA A SEMANA QUE VÉN!!

REVISIÓN DA PROGRAMACIÓN DIDÁCTICA POLAS CIRCUNSTANCIAS EXCEPCIONAIS (12/05/2020)

Conforme ás Instrucións de 27 de abril de 2020, da Dirección xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para o desenvolvemento do terceiro trimestre do curso académico 2019/2020, nos centros docentes da Comunidad Autónoma de Galicia, publícase para a súa consulta a Revisión da Porgramación do Departamento de Música.  Para acceder a cada un dos cursos e consultar ditas modificacións, así como os criterios de cualificación finais, premer no curso correspondente directamente: 

2º ESO

3º ESO

4º ESO

SEMANA DO 11 MAIO AO 16 MAIO

OLA A TOD@S,  

Aquí estamos, unha semana máis!!! Entrando xa na fase 1. Tende coidadiño e non vos volvades tol@s!!! Saímos coa pandemia, non está todo superado. Tomade as precaucións necesarias para que todo saia ben!! 

Vouvos explicar un pouco o que imos facer esta semana. Esta semana van tarefas de repaso para todos, algo sinxeliño, uns cuestionarios online de repaso (que parece que vos están resultando máis doados de facer que mandarme as fichas nos correos) e tarefas de ampliación de contidos, por se vos sobra algo de tempo e vos apetece facer algo a maiores do que xa demos este curso (estas tarefas son voluntarias pero serán tidas en conta para as notas finais)

Lembrade: o meu correo é pvsertal@gmail.com

 OLLO: OS CUESTIONARIOS PECHARANSE O SÁBADO ÁS 14:00

2º ESO:

A tarefa de repaso: a actividade para esta semana consiste en repasar o Tema 4. A tarefa é moi sinxeliña (igual que a semana pasada): ledes o tema atentamente e a continuación contestades o cuestionario online que vos colgo neste enlace: cuestionario 4 de 2º da ESO. Xa non me tendes que enviar correo porque xa o recibo no meu drive, salvo que queirades contarme/preguntarme algo, claro está. Lembrade que sigo aquí para o que precisedes.

A tarefa de ampliación consiste en visualizar o Power Point en formato pdf que vos colgo no adxunto desta entrada de blogue. En 2º da ESO quedaba un tema moi chulo por dar: "O nacemento da música moderna", dende o Jazz, blues etc ata a música dos nosos días. No Power Point podedes ler algunha característica de cada un dos estilos (a próxima semana colgareivos un vídeo explicando cada un deles, para que vos quede máis claro todo). Así que o que me gustaría que fixerades esta semana é visualizar o Power Point e escoitar as audicións que van nos enlaces, para que recoñezades que música pertence a cada estilo. Os que fagades esta tarefa de ampliación, tendes que enviarme un correo explicándome que estilo musical vos gustou máis e con que canción ou cancións de todas vos quedades. Para esta tarefa tendes de prazo ata o domingo!!! 

UNHA APERTA A TOD@S!!!

3º ESO:

A tarefa de repaso. Esta semana imos repasar os conceptos de linguaxe musical do inicio de todo: pentagrama, claves, notas musicais, liñas adicionais e liñas divisorias, figuras e as calidades do son. Tendes que repasar estes conceptos que xa están copiados na libreta e contestar ao cuestionario online que vos colgo a continuación: probiña nº 1 - repaso de linguaxe musical - 3º ESO. Xa non me tedes que enviar correo porque xa o recibo directamente no meu drive, salvo que queirades preguntarme/contarme/falar conmigo, por suposto. Lembrade que sigo aquí para o que precisedes.  

A tarefa de ampliación desta semana consiste en visualizar o Power Point en formato pdf do Barroco que vos adxunto nesta entrada do blogue (tema que xa miramos ao inicio desta corentena). A actividade consiste en visualizar este Power Point e escoitar as audicións e os vídeos que están enlazados no mesmo, e despois enviarme un correo elexindo unha delas. Que obra musical ou estilo musical vos gustou máis? Que é o que máis vos chamou a atención? A vindeira semana colgareivos un vídeo explicando todo este movemento para que queden os contidos máis claros. Para a tarefa de ampliación tendes de prazo ata o domingo!!

UNHA APERTA A TOD@S!!!

4º ESO

Tarefa de repaso: esta semana seguimos repasando algo de linguaxe musical. Collede a libreta e botádelle un ollo ao segundo que demos; repasade: figuras que modifican a duración dos sons, as alteracións, os matices de intensidade e os de movemento e a clasificación instrumental. Unha vez leídos eses conceptos, contestades ao cuestionario online que vos colgo a continuación: Repaso de Linguaxe Musical 2 - 4º da ESO. Xa non é necesario que me escribades un correo porque xa recibo a resposta directamente, salvo que vos apeteza contarme ou preguntarme algo, que sabedes que para min é un pracer recibir noticias vosas.

A tarefa de ampliación (lembrade que é voluntaria) consiste na visualización do Power Point en formato pdf que vos adxunto nesta entrada de blogue, das catro mulleres seguintes. Hoxe toca o Clasicismo e o Romanticismo. Visualizade o Power Point e escoitade as audicións e os vídeos que veñen vinculados no Power Point. Unha vez visto, deberedes copiar as catro mulleres na libreta e enviarme un correo coas fotos. A próxima semana colgareivos un vídeo explicativo destas mulleres para que vos queden máis claros os conceptos sobre elas. Para esta tarefa de ampliación tendes de prazo ata o domingo.

 UNHA APERTA A TOD@S!!! 

 MOITO ÁNIMO E MOITA PACIENCIA QUE XUÑO XA ESTÁ AÍ!!!! 

 ATA A SEMANA QUE VÉN!!

SEMANA DO 4 - 9 MAIO

OLA A TOD@S,  

Aquí estamos, unha semana máis!!! Supoño que xa estaredes máis animad@s, non si?? Polo menos, xa podemos saír a dar un paseíño por aí, ou facer algo de deporte... Veña, rapaces, que xa non queda nada para que todo isto acabe!!!

Vouvos explicar un pouco o que imos facer esta semana. Como non está moi claro se podemos ou non avanzar na materia, esta semana van tarefas de repaso para todos. Algo sinxeliño, uns cuestionarios online de repaso (que parece que vos están resultando máis doados de facer que mandarme as fichas nos correos). Para a semana colgarei algunha tarefa de ampliación de contidos, por se vos sobra algo de tempo e vos apetece facer algo a maiores do que xa demos este curso. 

 OLLO: OS CUESTIONARIOS PECHARANSE O SÁBADO ÁS 14:00

2º ESO: a actividade para esta semana consiste en repasar o Tema 3. A tarefa é moi sinxeliña (igual que a semana pasada): ledes o tema atentamente e a continuación contestades o cuestionario online que vos colgo neste enlace: cuestionario 3 de 2º da ESO. Xa non me tendes que enviar correo porque xa o recibo no meu drive, salvo que queirades contarme/preguntarme algo, claro está. Lembrade que sigo aquí para o que precisedes. UNHA APERTA A TOD@S!!!

3º ESO: a semana pasada repasamos o Tema 2 "O Renacemento" e entregáchedes unha ficha redactada por vós. Esta semana tendes que contestar ao cuestionario online que vos colgo a continuación: cuestionario 2 de 3º da ESO. Xa non me tedes que enviar correo porque xa o recibo directamente no meu drive, salvo que queirades preguntarme/contarme/falar conmigo, por suposto. Lembrade que sigo aquí para o que precisedes.  UNHA APERTA A TOD@S!!!

4º ESO: esta semana temos que repasar algo de linguaxe musical. Nas instrucións recomendan que repasemos conceptos xa dados na primeira e na segunda avaliación, así que para non quedarme fóra do que recomenda a xunta, esta semana comezamos a repasar algo de linguaxe musical. Collede a libreta e botádelle un ollo ao primeiro que demos (alá polo mes de setembro e outubro).... repasade: pentagrama, claves, figuras musicais, calidades do son, compases simples e compostos, liñas divisorias e adicionais e as figuras que modifican a duración dos sons. Imos ir pouco a pouco e esta semana toca esa primeira parte. Unha vez leídos eses conceptos, contestades ao cuestionario online que vos colgo a continuación: Repaso de Linguaxe Musical 1 4º da ESO. Xa non é necesario que me escribades un correo porque xa recibo a resposta directamente, salvo que vos apeteza contarme ou preguntarme algo, que sabedes que para min é un pracer recibir noticias vosas. A próxima semana intentarei colgar algo sobre as mulleres que nos quedaban, pero xa será algo voluntario, como actividade de "ampliación de contidos" (dáme pena que nos queden sen dar)  UNHA APERTA A TOD@S!!! 

 MOITO ÁNIMO E MOITA PACIENCIA, QUE O ESTADES A FACER MOI BEN, RAPACES!!!! 

 ATA A SEMANA QUE VÉN!!! 

SEMANA DO 28 ABRIL AO 3 DE MAIO

OLA CHICOS/AS,  

Polo que vou sabendo polos voso correos, sei que estades todos ben.... Nós (eu e a miña familia seguimos atopándonos ben tamén)

OLLO: nos correos que me estades a enviar, moitos de vós, non os redactades ben (escribides todo no asunto do correo). Instrucións para enviar un correo:

ASUNTO: Ficha nº 1 (ou 2, 3, etc) + o voso nome + o voso curso

CORPO DO CORREO: saudádeme, contádeme como estades, como está a familia, preguntádeme as dúbidas que teñades, un "ata logo, profe" de despedida, etc. Estou intentando contestar os vosos correos o máis rápido que podo, pero sempre vos contesto!!  

2º ESO: a actividade para esta semana consiste en repasar o Tema 2. A tarefa é moi sinxeliña (igual que a semana pasada): ledes o tema atentamente e a continuación contestades o cuestionario online que vos colgo neste enlace: cuestionario 2 de 2º da ESO. Xa non me tendes que enviar correo porque xa o recibo no meu drive, salvo que queirades contarme/preguntarme algo, claro está. Lembrade que sigo aquí para o que precisedes. UNHA APERTA A TOD@S!!!

3º ESO: esta semana toca repasar o Tema 2 "O Renacemento". Cólgovos un vídeo explicativo neste enlace: vídeo de repaso do Renacemento, que vos levará directamente a visualizar e escoitar un vídeo sobre o Renacemento. A continuación, contestaredes as preguntas que van no cuestionario no documento adxunto desta entrada de blog. Podedes copialo na libreta e entregarme fotos, ou descargar o documento e facelo directamente no ordenador, como prefirades (no adxunto está colgado en dous formatos: en formato pdf para os que queirades copialo na libreta e en word para os que prefirades contestar xa directamente no documento). UNHA APERTA A TOD@S!!!

4º ESOa actividade desta semana é moi sinxela. Lede ben os apuntamentos das mulleres,e as actividades  que fixéchedes a semana pasada (e se queredes, repasade o vídeo da semana pasada tamén). A continuación, contestade o cuestionario que vos deixo no seguinte enlace: cuestionario mulleres 1. Unha vez que esté rematado, xa me queda enviado ao meu drive, polo que non teredes que enviarme ningún correo, salvo que queirades claro!!! Lembrade que sigo aquí para o que precisedes!!! UNHA APERTA A TOD@S!!! 

 MOITO ÁNIMO E MOITA PACIENCIA, QUE O ESTADES A FACER MOI BEN, RAPACES!!!! 

 ATA A SEMANA QUE VÉN!!! 

 

SEMANA DO 20 - 27 ABRIL

Ola a tod@s outra vez

Antes de nada dicirvos que estou MOI ORGULLOSA dos/das que, a pesar de todo, seguides traballando día a día. Fágome cargo de que a situación non é sinxela e moitas veces non temos os medios nin os ánimos para organizarnos e seguir aí... pero aínda así, non vos desmotivades e tirades para adiante. 

Lémbrovos o meu correo: pvsertal@gmail.com

ÁNIMO A TOD@S, CHIC@S!!! 

XA FALTOU MÁIS!!!

2º ESO: esta semana propóñovos unha tarefa diferente... tendes que cubrir un cuestionario online que vos dará unha nota máxima de 20 puntos. É un cuestionario faciliño de repaso do Tema 1 e un par de cuestións de repaso tamén dos compases. Non tendes que enviarme nada porque se supón que xa mo reenvía a min directamente. Clicade neste enlace e xa vos leva directamente:https://forms.gle/cWBoziefVySVuPYy5 UNHA APERTA A TOD@S 

3º ESOesta semana propóñovos unha tarefa diferente... tendes que cubrir un cuestionario online que vos dará unha nota máxima de 20 puntos. É un cuestionario faciliño de repaso do Tema 1: A Idade Media. Non tendes que enviarme nada porque se supón que xa mo reenvía a min directamente. Clicade neste enlace e xa vos leva directamente: https://forms.gle/ci1puWXgd2EEk3Ub9 UNHA APERTA A TOD@S

4º ESO: esta semana tedes que contestar a unha serie de preguntas relacionadas co vídeo da semana anterior. Déixovos aquí o enlace ao vídeo, e as preguntas no adxunto desta entrada de blog. 

ATA A SEMANA QUE VÉN!!!!!

UN BICO ENORME E QUE SAIBADES QUE CONTINÚO BOTÁNDOVOS DE MENOS!!!

SEMANA DO 13 - 17 ABRIL

Ola a tod@s outra vez, 

Xa estamos á volta da Semana Santa e desexo que tod@s sigades ben... eu estou ben, botando moitísimo de menos estar con todos vós, pero, polo momento, non pode ser... 

Aquí vos deixo as tarefas para esta semana... lembrade que mas tedes que enviar ao meu correo de gmail: pvsertal@gmail.com 

2º ESO: esta semana imos repasar o TEMA 1 ... antes de comezar a facer a ficha, repasade o Tema 1, da primeira avaliación. Unha vez que esté repasado, descargade o adxunto que pon ACTIVIDADES 2º ESO II (podedes facelo na libreta e enviarme foto) 

3º ESO: esta semana repasaremos o TEMA 1 de historia da música. O tema 1 era a Idade Media (clicade no título anterior e xa vos leva ao vídeo de Youtube colgado co Power Point). Unha vez finalizado o vídeo tendes que contestar as preguntas que vos deixo no adxunto desta entrada co título ACTIVIDADES 3º ESO: IDADE MEDIA REPASO

4º ESO: esta semana comezamos coas "Mulleres ao longo da historia da Música" ... a semana pasada deixeivos un Power Point con todas elas e só vos mandei copiar a Hildegard, pero esta semana preferín facer un vídeo explicándoos pouco a pouco cada unha destas mulleres. Esta semana vouvos explicar as mulleres pertencentes á Idade Media, ao Renacemento e ao Barroco. Clicade neste enlace: Mulleres ao longo da historia da música e xa vos leva ao vídeo de Youtube que vos fixen. Copiade as diapositivas destas 4 mulleres na libreta e me enviades un email co texto copiado das 4 nas vosas libretas.  Escoitade tamén as audicións que vos propoño de cada unha delas no Power Point (déixovos o Power Point no adxunto, porque no vídeo non saen os enlaces dos que vos falo nas explicacións... jejeje)

UNHA FORTE APERTA A TOD@S!

ÁNIMO E COIDÁDEVOS MOITO!

FELIZ SEMANA SANTA A TOD@S

Ola chic@s... 

Antes de comezar outra vez coas tarefas, quero que liberedes tensión cunha canción que me fai saltar, bailar e me pón de bo humor!!! 

Unha forte aperta a tod@s

Paula

SEMANA 30 - 3

OLA A TOD@S, 

Estas son as últimas actividades que vos vou colgar antes de Semana Santa (esa semana é para descansar, para ler, para disfrutar da familia, e para coller forzas de cara á terceira avaliación, que aínda non sabemos como vai ser). 

Polo que vou sabendo polos voso correos, sei que estades todos ben.... MOITO ÁNIMO E MOITA PACIENCIA, QUE O ESTADES A FACER MOI BEN, RAPACES!!!! 

OLLO: nos correos que me estades a enviar, moitos de vós, non os redactades ben (escribides todo no asunto do correo). Instrucións para enviar un correo:

ASUNTO: Ficha nº 1 (ou 2, 3, etc) + o voso nome + o voso curso

CORPO DO CORREO: saudádeme, contádeme como estades, como está a familia, preguntádeme as dúbidas que teñades, un "ata logo, profe" de despedida, etc. Estou intentando contestar os vosos correos o máis rápido que podo, pero sempre vos contesto!!  

Neste traballo que vos colgo esta semana, tedes de prazo ata o venres 3 de abril. Non quero que traballedes na miña materia en Semana Santa. 

2º ESO: No adxunto que tedes debaixo do blogue, está o TEMA 5 completo. Sei que nun 2º da ESO, xa o tiñamos rematado, pero por se é o caso, comprobade que o teñades completo na libreta (se non está completo, o completades) e enviádesme foto co tema ao meu correo: pvsertal@gmail.com

3º ESO: Visualizade o Power Point do TEMA 4: O CLASICISMO e contestade as preguntas que van na ficha adxunta e mo enviades todo ao meu correo: pvsertal@gmail.com

ESO: cólgovos o Power Point das "Mulleres ao longo da historia da música". Copiade na vosa libreta a primeira delas: Hildegard von Bingen e escoitade as audicións que van no Power Point. Enviádeme foto do que copiedes ao meu correo: pvsertal@gmail.com

E XA ME DESPIDO ATA DESPOIS DE SEMANA SANTA!!!

COIDÁDEVOS MOITO E MOITO ÁNIMO, QUE XA QUEDOU MÁIS!!

UNHA APERTA ENORME A TOD@S!!!

NOVAS SEMANA 23 - 30

Bo día rapaces,

Cómo vai o confinamento?? Desexo que esteades tod@s ben e que as vosas familias tamén estean ben.

Como aínda imos estar un tempo sen mirarnos, vouvos deixar aquí unhas fichas para entregar. Son doadas de facer, e tendes ata o 31 de marzo para entregalas, o meu correo é pvsertal@gmail.com Aproveitade o correo para contarme un pouco que tal o levades, se todo vai ben e se botades de menos ir ao IES, jejeje

2º ESO: a ficha que vos deixo é unha ficha de repaso da 1ª avaliación e da 2ª avaliación. Para facela tendes que repasar as equivalencias da primeira avaliación (puntillo, tresillo, ligadura), o esquema das equivalencias e os valores de cada figura, os compases, os intervalos, os compases, os acordes, a clasificación instrumental e as escalas para identificar os grados das escalas e a distancia que hai entre as notas. É doada de facer, non vos preocupedes. NON é un exame, aínda que vexades que cada pregunta ten unha puntuación (vouvos dar a hipotética nota que levariades de ser un exame feito con libreta!!!)

3º ESO: a ficha que vos deixo no adxunto son unhas preguntiñas sobre o TEMA 3, "O Barroco". Lede ben o tema, mirade o Power Point e escoitade as audicións que hai no Power Point. A próxima semana colgareivos unhas actividades sobre o seguinte tema. Entregade a ficha completa ao meu correo (puntuarase positivamente a entrega, aínda que teñades algún falliño)

4º ESO: chic@s, intentade enviarme a ficha da tonalidade que vos mandei a primeira semana, para repasar. Así podo correxir e solucionar as dúbidas que teñades. Como vai a búsqueda da "muller que admirades"? Contádeme algo no correo, de como estades levando esta suspensión das clases e da muller que seleccionastes para o mural.

UN SAÚDO A TOD@S!! E COIDÁDEVOS MOITO!!

NUNCA PENSEI QUE VOS BOTARÍA DE MENOS!!!

UNHA APERTA ENORME A TOD@S E ÁS VOSAS FAMILIAS!!!!

Distribuir contido


by Dr. Radut