Skip to Content

Blogue de admin

Proxecto Miña casiña, meu lar

Durante este curso académico 2019-2020, o IES de Soutomaior desenvolverá o proxecto sobre valoración do patrimonio natural, artístico, cultural e inmaterial da contorna que leva por título Miña casiña, meu lar. O proxecto vén de ser incluído no programa Plan Proxecta da Consellería de Educación e conta coa colaboración do Concello a través da área de Xuventude e a OMIX e doutras asociacións, colectivos e persoas a título individual que se irán sumando ao longo dos vindeiros meses.
 
A idea do proxecto é dar a coñecer ao alumnado o patrimonio de Soutomaior, establecendo vínculos cos bens patrimoniais e promovendo procesos para a súa protección. Se ben os eixos do proxecto Miña casiña, meu lar son o Camiño de Santiago portugués ao seu paso polo concello e o Castelo de Soutomaior como símbolo da vila, o alumnado traballará tamén outros puntos de interese turístico e, sobre todo, a valoración, coidado e respecto polo entorno.
 
Así, os obxectivos xerais do proxecto son:
  • Levar a cabo un proxecto a nivel de centro cun enfoque colaborativo e práctico.
  • Favorecer actitudes de respecto e valoración do patrimonio natural, cultural, artístico e inmaterial a través do seu coñecemento.
  • Concienciar ao alumnado do valor do patrimonio lingüístico, histórico, artístico e cultural do Camiño de Santiago.
  • Difundir o valor do patrimonio cultural existente na contorna do centro.
  • Potenciar o traballo en equipo e fomentar o uso da lingua galega.
Estará implicado no proxecto todo o alumnado e profesorado do centro e se traballará por niveis a partir de eixos temáticos concretos:
  • 1º ESO: Contorna inmediata. O espazo do centro e o seu coidado.
  • 2º ESO: Patrimonio natural do Concello de Soutomaior.
  • 3º ESO: Patrimonio inmaterial do Concello de Soutomaior.
  • 4º ESO: O Camiño de Santiago.
  • 1º Bacharelato: O Castelo de Soutomaior e María Vinyals, pioneira do feminismo.

Miña casiña, meu lar xa deu comezo en 1º da ESO e 1º de Bacharelato e podedes seguir todas as novidades a través do blog do proxecto.

Arrincamos!

Presentación do Proxecto París 2020

Este martes 14 tivo lugar a reunión informativa do Proxecto París, unha proposta que, seguindo a metodoloxía de traballo por proxectos que xa iniciamos nos cursos pasados con motivo da excursión de 4º ESO (París 2018: Guía de viaxe e vídeo; e Roma 2019), procura dotar de contido didáctico á saída de fin de etapa traballando dentro e fóra das aulas sobre os monumentos, a historia, a arte, a literatura e o cine como forma de achegamento á realidade.

O Proxecto París 2020 arranca coa implicación de 23 alumnos e alumnas que participarán nestas actividades que se realizarán no calendario que, en horario de tarde e fóra da xornada lectiva, se describe neste tríptico.

O equipo de docentes está coordinado por Cristina Méndez (Lingua Castelá) e está formado por Beatriz González e María Sánchez (Xeografía e Historia), Marta Mosquera (Linguas Clásicas), Román Cerqueiro (Lingua Galega) e Sandra Silva, coordinadora do Equipo de Normalización Lingüística.

Lembrámoslle a todo o alumnado participante que deberá entregar asinada a autorización de asistencia ás xornadas fóra do horario lectivo.

  • Mércores 5 de febreiro, de 15:00 a 17:00.
  • Mércores 12 de febreiro, de 15:00 a 17:00.
  • Mércores 19 de febreiro, de 15:00 a 17:00.
  • Martes 3 de marzo, 15:00 a 16:15.
  • Mércores 4 de marzo, de 15:00 a 17:00.
  • Martes 10 de marzo, de 15:00 a 16:15.

París agarda por nós entre o 27 de marzo e o 1 de abril, mais o alumnado do proxecto comeza dende xa a súa viaxe. Imos aló!

Teatro interactivo en inglés

Para acceder ao álbum de fotos, premede aquí.

O alumnado do IES asistiu no propio centro a dúas representacións teatrais organizadas polo Departamento de Inglés. O pasado mércores 15 de xaneiro a compañía Interacting representou a obra A Fisherman’s Tale​ para o alumnado de 1º e 2º ESO, mentres que o luns 20 foi a quenda do alumnado do resto dos cursos e da peza Crime in Miami.

O alumnado gozou dunha experiencia teatral intensa e divertida, na que os personaxes interactuaron constantemente co alumnado para traballar as súas destrezas comunicativas, tanto a expresión como a comprensión oral.

Os perigos das novas tecnoloxías

Esta semana tivemos connosco a Leticia Costas e Sheila Fernández, da empresa KidCode, no marco da iniciativa Ti Decides!, un programa de intervención socioeducativa xuvenil posto en marcha un curso máis pola Concellería de Xuventude de Soutomaior coa finalidade previr condutas de risco en diferentes campos como as drogas, a sexualidade, etc. Desta volta, os obradoiros tiveron como destinatario o alumnado de 1º ESO e centráronse no uso responsable de Internet e as novas tecnoloxías e en como sermos bos cidadáns dixitais (decálogo).

   

Así o viron os alumnos e alumnas deste curso:

O luns 13 de xaneiro de 2020 tivemos unha charla sobre os perigos que presneta internet. Falamos sobre temas como que non debemos acceder a contidos non recomendados para a nosa idade ou que non dbeeriamos usar o noso nome real e non deberiamos dar os nosos datos e información a calquera na rede.Tamén nos ensinaron a crear contrasinais e ususrios difíciles de seren adiviñados pola xente.

Sara Leiro (1º ESO C)

Ao principio empezamos a falar sobre que é a ciberseguridade e de que hai que ter coidado coas videoconsolas, os móbiles... Por exemplo, cos permisso, coa compra de produtos, coa cámara dianteira, coa idade de acceso... Axudáronnos cos nosos contrasinais para facelos máis seguros poñendo números que se parezana letras, poñendo o nome da túa película, comida ou xogo favoritos. O máis divertido foi coñecer o Código César, que é unha forma de poñer unha frase con letras que parece que non ten sentido pero que, ao final, traducimos nunha oración a través dunhas claves. Foi unha charla entretida e, sobre todo, interesante.

Anxo Muíños (1º ESO C)

Nesta charla estivemos falando das aplicacións que hai nas redes sociais e do perigo que ten quedar con descoñecidos, dos que ti non vas saber nada pero que eles si poden saber de ti grazas aos datos que colgas nas redes sociais. Tamén conversamos dos perigos das aplicacións gratis de internet, de facer algo en nome doutra persoa, que pode ser delito, das persoas que che piden todos os teus datos e das persoas que poden activar a cámara ou o micrófono do móbil (incluso de Google, que pode activarche o micrófono do teléfono). Tamén coñecemos métodos para por contrasinais. A min pareceume unha boa charla sobre estes perigos.

Héctor Míguez (1º ESO C)

A charla tratou o ciberacoso. Faláronnos sobre a xente que acosa polas redes sociais ou fisicamente, tamén da xente que se fai pasar por outras persoas mostrando unhas actitudes que poden causarnos danos psíquicos e incluso poden darse danos físicos. Polo exposto, ñé recomendable non facilitar os datos ás persoas xa que canta máis información deamos máis ferramentas teñen para agredirnos de diferentes xeitos (roubos, malos tratos...). As redes sociais son boas sempre que teñamos precaucións á hora de empregalas e, ademais, como usuarios debemos mostrar respecto polos demais uduarios.

Rubén Rodríguez (1º ESO C)

O importante é participar

Esta mañá tivo lugar a entrega dun obsequio a todos os rapaces e rapazas que participaron no XVIII Certame de Postais e Felicitacións de Nadal do Concello de Soutomaior e que, por diversas razóns, non puideron asistir ao acto oficial que tivo lugar o pasado 21 de decembro no Multiúsos de Arcade.

Así, durante o recreo, a Concelleira de Educación, Fátima Vidal, entregou un modesto detalle a cada un dos participantes do noso centro, algo máis de medio cento nunha edición do concurso que alcanzou os 332 traballos presentados nas diferentes categorías. 

Con este obsequio, unha taza de almorzo sinxela mais moi xeitosa, quérese agradecer simbolicamente a participación do alumnado nun certame que trata de fomentar a creatividade artística e o uso da lingua galega, especialmente  entre os máis novos. Dende aquí queremos agradecer a implicación do Concello, o labor do profesorado de Educación Plástica (Ana Aguiar, Ana Fervenza e David Louzán) e o traballo, nada fácil, do xurado.

E, lembremos, máis alá de aparecer na nómina de traballos premiados, o importante é participar! Moitas grazas a todos e a todas!

Continúa a formación das Brigadas ECOlóxicas

Para ver máis imaxes desta campaña preme aquí.

Un grupo de rapaces e rapazas de 1º ESO mantivéronse ben activos durante as vacacións de nadal e acudiron ao Multiúsos de Arcade os pasados 26 de decembro e 2 de xaneiro para continuar a súa formación das Brigadas ECOlóxicas, que comezou no instituto cun obradoiro o 13 de decembro grazas a esta iniciativa que impulsan as Concellería de Educación e a OMIX do Concello de Soutomaior en colaboración co Departamento de Bioloxía e Xeoloxía.

Nesta 2ª fase o alumnado deulle vida aos refugallos que son máis habituais nun centro educativo e confeccionaron traxes e disfraces coa finalidade de humanizar estes residuos e reforzar a reflexión sobre a orixe e o uso que lles damos a eses desperdicios.

A partir do luns 20 os brigadistas ecolóxicos comezarán a actuar no IES a través de campañas de concienciación, da repartición de bolsas de papel na cafetaría e doutras actividades, que axudarán a visualizar o impacto ambiental que os residuos teñen no noso centro educativo e á participación da comunidade educativa nas medidas que nos ensinarán a reducilos.

Así mesmo, o Concello instalará novas illas de reciclaxe no centro e dotará a campaña do material preciso para acompañar o labor dos nosos Brigadistas ECOlóxicos.

Recomendacións lectoras para o Nadal

O Equipo da Biblioteca aproveitou as novas adquisicións en temática de Igualdade, LGTBQ+ e STEM para recomendarvos algunhas lecturas para estas vacacións de nadal. Premede na imaxe para acceder ao tríptico:
 
 
Ademais, no blogue da Biblioteca dáse conta das últimas sesións dos clubes de lectura. Por unha banda, no clube Petiscos de Arte, o alumnado achegouse á figura de Yayoi Kusama a través da colección MOMA SM.
 
 
E, por outra banda, a novela Corredora, de María Reimóndez, centrou unha nova posta en común do Club de Lecturas pola igualdade, que preparar xa a lectura da obra Cabeza de Medusa, de Marilar Aleixandre.
 
Para rematar, o Equipo da Biblioteca deséxavos boas festas e mellores lecturas!

Taller de Eco-Percusión

Este mércores 18 de decembro celebrouse un Taller de Percusión na Aula de Usos Múltiples do IES de Soutomaior. O obradoiro consistiu en realizar unhas batucadas improvisadas, dirixidas por Didier, con material de refugallo. O alumnado gozou percutindo cubos, tixolas e bidóns de reciclaxe, ao mesmo tempo que sentiu o ritmo e alcanzou un bo nivel de coordinación.

Ti Decides! Obradoiros de prevención de condutas de risco no ámbito afectivo-sexual

Esta semana o alumnado de 2º ESO está asistindo aos primeiros obradoiros do Programa Ti decides!, que impulsa a Concellería de Xuventude do Concello de Soutomaior nos centros educativos do municipio. Neste caso, a temática abordada é a prevención de condutas de risco no ámbito afectivo – sexual e os contidos traballados son:

  • Presentación; sexualidade e reprodución; preferencias sexuais; identidade e orientación sexual; afectividade e sexualidade.
  • Métodos anticonceptivos; anticoncepción de emerxencia.
  • Facelo ou non facelo; a primeira vez; sexo e comunicación; comunicación asertiva.

Este obradoiro impártense nos tres grupos de 2º ESO durante os días 17,18 e 19 de decembro en tres sesións impartidas por Isabel Teijeira, membro de AMAINA, Asociación para a Promoción da Saúde, que actúa no ámbito da prevención e asesoramento a nenos/as e adolescentes para abordar esta temática resolvendo dúbidas e propoñendo temas de debate en torno á sexualidade.

O Programa Ti Decides! continuará nos próximos meses sempre co obxectivo xeral de crear espazos de reflexión acerca do papel que xogamos na sociedade como individuos e como membros dun grupo, analizar os motivos que levan ao consumo de drogas en base á propia identidade, analizar como en base a determinados valores e crenzas nos relacionamos afectivamente e sexualmente e cales son as nosas actitudes ante todos estes temas. Así mesmo, traballarase no uso das tecnoloxías da información e comunicación e os perigos que se poden derivar do seu uso abusivo e inadecuado reflexionado no como, porque e para que as usamos.

Distribuir contido


by Dr. Radut