Skip to Content

O importante é participar

Esta mañá tivo lugar a entrega dun obsequio a todos os rapaces e rapazas que participaron no XVIII Certame de Postais e Felicitacións de Nadal do Concello de Soutomaior e que, por diversas razóns, non puideron asistir ao acto oficial que tivo lugar o pasado 21 de decembro no Multiúsos de Arcade.

Así, durante o recreo, a Concelleira de Educación, Fátima Vidal, entregou un modesto detalle a cada un dos participantes do noso centro, algo máis de medio cento nunha edición do concurso que alcanzou os 332 traballos presentados nas diferentes categorías. 

Con este obsequio, unha taza de almorzo sinxela mais moi xeitosa, quérese agradecer simbolicamente a participación do alumnado nun certame que trata de fomentar a creatividade artística e o uso da lingua galega, especialmente  entre os máis novos. Dende aquí queremos agradecer a implicación do Concello, o labor do profesorado de Educación Plástica (Ana Aguiar, Ana Fervenza e David Louzán) e o traballo, nada fácil, do xurado.

E, lembremos, máis alá de aparecer na nómina de traballos premiados, o importante é participar! Moitas grazas a todos e a todas!



blog | by Dr. Radut