Skip to Content

Artigos

Obradoiro de lectura dramatizada

01/10/2021 13:10
04/10/2021 11:10

Os días 1 e 4 de outubro terá lugar, durante o horario de lingua galega, un obradoiro de lectura dramatizada.

Será impartido por Ánxela Doval, profesora colaboradora que traballou durante moitos anos neste centro, e que é graduada en Artes Escénicas pola universidade de vigo.

 

Profesora encargada da actividade: Mª Xesús

"INTRUCIÓNS PARA TOMAR CAFÉ" CON NÚÑEZ SINGALA

05/11/2020

Onte, despois de ter que adiala polo confinamento, estivo co alumnado de 2º de Bacharelato Manuel Núñez Singala dentro do programa Encontros Literarios promovidos pola Dirección Xeral do Libro e o Fomento da Lectura do Ministerio de Educación. Podedes ler máis sobre a actividade no Blog da Biblioteca.

EXCURSIÓN DE 1º DE ESO A NEIXÓN E ÁS MÁMOAS DO BARBANZA

05/06/2019

O venres 31 de maio o alumnado de 1º de ESO, nunha saída de todo o día organizada polo departamento de Xeografía e Historia como complemento ao currículo deste nivel, visitou o Castro de Neixón e as mámoas da serra do Barbanza.

No Castro de Neixón o arqueólogo que dirixe o centro, Víctor Barbeito, impartiulles unha charla e moustrolles un vídeo sobre a prehistoria na serra do Barbanza; logo ensinoulles e comentoulles o castro de Neixón.

Despois de comer, o autobús deixounos no monte Iroite e fixemos unha ruta ata aldea de Balteiro, por onde puidemos ver varias mámoas da necrópole megalítica. Polo camiño, os rapaces situáronse no mapa e localizaron as súas parroquias e algúns outros lugares da península do Barbanza.

 

 

A LITTLE ENGLISH CHALLENGE

31/05/2019

Os días 24 e 25 de abril tivo lugar no noso centro a actividade titulada A Little English Challenge. Esta actividade estivo organizada polo profesor Héctor Agrafojo Blanco, do Departamento de Inglés, e estaba destinada aos grupos cos que traballa este curso: 4º da ESO A-B-C e 1º de Bacharelato A-B. Esta era unha actividade voluntaria para mellorar o nivel de inglés na que os alumnos debían facer un exercicio do seu libro de texto que consistía en dar os seguintes pasos: en primeiro lugar, os estudantes tiñan que buscar en internet e no seu tempo libre información sobre un tema que se lles propoñía. En 4º da ESO, o tema era unha película importante de próxima aparición; en 1º de Bacharelato, tratábase dun movemento que loite por unha boa causa. A continuación, os alumnos tiñan que expoñer oralmente no instituto un resumo da súa busca de información e entregarlle ao profesor unha copia da versión escrita do seu traballo. Neste traballo eran importantes aspectos como a corrección léxica e gramatical e a boa pronunciación.

 

 

Finalmente, os mellores alumnos recibiron, a semana pasada, como premio un libro en inglés, que lles regalou o centro. Os gañadores, xunto cos temas que abordaron e os libros que elixiron, foron os seguintes:

Laura Lojo Romero (4º ESO A)

  • Tema: Avatar 2
  • Libro: The Princess Bride, de William Goldman

Laura Pego Sampedro (4º ESO A)

  • Tema: Fast & Furious 10
  • Libro: Darkly Dreaming Dexter, de Jeff Lindsay

Clara Tomé Mariño (4º ESO B)

  • Tema: Avengers: Endgame
  • Libro: Hippie, de Paulo Coelho

Javier Dios Santos (1º de Bacharelato A)

  • Tema: The Spanish Association Against Cancer
  • Libro: Black Man in a White Coat: A Doctor’s Reflections on Race and Medicine, de Damon Tweedy

Jesús Luis Vázquez Pajares (1º de Bacharelato B)

  • Tema: The Palestinian cause
  • Libro: Animal Farm, de George Orwell

Desde o instituto felicitamos a estes alumnos polo seu bo traballo nesta actividade e polo seu bo rendemento e comportamento habituais na materia de Inglés. Esperamos, tamén, que no futuro o libro en inglés lles quede como un agradable recordo a estes estudantes do seu paso polo IESON. Grazas e parabéns!

EXCURSIÓN Á ILLA DE ONS DO ALUMNADO DE 2º DE ESO

15/05/2019

Tiñan que ir a semana pasada pero o temporal fixo que aprazásemos a saída. E foi bo! Tan bo que o luns e o martes o alumnado de 2º de ESO tivo uns días estupendos para visitar a illa de Ons! Cos científicos de Arenaria Coordinación, cos que levan facendo obradoiros no programa Con-Ciencia, tiveron o privilexio de coñecer este espazo protexido do Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Como quen di, tiveron a illa case para eles sós! Ata falaron con Chefa, unha das mulleres que leva máis tempo vivindo na illa. 

Unha vez máis: natureza, patrimonio e convivencia! Conciencia da necesidade de comprometerse coa Sostibilidade.

  

 

 

   

 

 

 

 

NATUREZA, SOSTIBILIDADE E DIVERSIÓN EN ALVARELLA!

07/05/2019

A semana pasada, cun tempo estupendo, o alumnado de 1º de ESO visitou o Albergue de Ecoturismo de Alvarella. Foron dous días ben completiños. O xoves, cedo, recibíronnos Sofía, Xosé e Sira. E xa a camiñar ata o mosteiro de Caveiro. Muros, hórreos, muíños, capelas, pontes, fieitos milenarios, árbores da fraga...  Xogando con probas de sostibilidade na palleira e pola finca, cociñando magdalenas na cociña solar (e coa axuda do forno, porque non ía tanto sol. Ben ricas que estaban!), enredando no tempo libre (porque non levamos móbil!!!), ata axudando a limpar no comedor! Con todo o pasamos moi ben!

Os monitores, xenial; a comida das cociñeiras, como na casa, ou mellor!!! Para repetir!!!

 

 

  

 

 

 

 

EXCURSIÓN A PENA AVENTURA

06/05/2019

A semana pasada o alumnado de 3º de ESO viviu dous días de aventura no medio natural, actividade física e convivencia en Pena Aventura Park. Explorar a natureza, relaxarse e divertirse... e, ao tempo, practicar o portugués. A actividade foi organizada polo departamento de Educación Física. Non hai máis que ver esta foto para ver que ben o pasaron!!

 

 

 

INFORMACIÓN NTERCAMBIO A FRANCIA

REUNIÓN INFORMATIVA SOBRE O INTERCAMBIO A QUIMPER (BRETAÑA) CELEBRADA NO IES PORTO DO SON O MARTES 30 DE OUTUBRO DE 2018



  1. VIABILIDADE DO INTERCAMBIO

  2. CUSTO DA VIAXE

  3. OUTRAS ACTIVIDADES PROPOSTAS PARA 3 º ESO

  4. DATAS DA VIAXE

 

VIABILIDADE DO INTERCAMBIO

 

As profesoras do Departamento de Francés, estamos a valorar a posibilidade dun intercambio cos alumnos do LYCÉE AUGUSTE BRIZEUX, Quimper.

Son 25 alumnos franceses interesados en participar no intercambio, polo tanto teríamos que ceñirnos o número fixado polos docentes franceses.

 

    CUSTO DA VIAXE

 

Aínda non podemos definir unha cantidade, dependerá do custo dos billetes de avión para o desprazamento ata Bretaña.

No caso de levarse ao cabo, proporanse actividades para abaratar o custo da mesma.

 

    OUTRAS ACTIVIDADES DE VARIOS DÍAS

 

Recalcamos as diferentes opcións para o alumnado de 3 º da ESO, para que teñan coñecemento de tódalas actividades antes de tomar unha decisión definitiva.

Departamento de Francés: Intercambio a Quimper

Departamento de Educación Física: Pena Aventura

Departamento de Xeografía e Historia e Lingua : Proxecto Terra, Melgaço (abril/maio)

Alumnado bilingüe: Campamento de inmersión lingüística en Peares

 

    DATAS DO INTERCAMBIO

 

O intercambio tería lugar no ano 2019. Os alumnos franceses virían na primavera mentres o alumnado galego iría a Francia en setembro/outubro do 2019.

En principio, estamos valorando a posibilidade de quedar unha semana completa porque consideramos que na fin de semana a experiencia e a interacción coa familia é moi enriquecedora.

O alumnado galego iría a Quimper, Francia a principios do curso escolar 2019-2020.

XORNADA DE ACOLLIDA AO ALUMNADO DE 1º de ESO

20/10/2017 19:44

Esta mañá a chuvia non foi quen de estropear a xornada de acollida para os rapaces e rapazas de 1º de ESO que organizou o alumnado de Artes Escénicas de 4º de ESO, coordinado por Ánxela Doval, profesora do departamento de Filosofía. Estes preparáronlles xogos en diferentes espazos do centro. Trátase dunha actividade que forma parte do Plan de Acción Titorial que ten como obxectivo darlles a benvida ao centro e crear un sentimento de grupo que favoreza a convivencia ao longo do curso. Esta complementarase coa "Ruta da auga" que realizarán o luns que vén na que asentarán os primeiros chanzos para o traballo por proxectos. Este ano: COMUNICACIÓN  (convivencia, diálogo, respecto...).

É un pracer velos felices!!! Un ano máis, o esforzo dos mozos e mozas de Artes Escénicas fíxoo posible!!! Moitas grazas!!!!!!!

 

ENERXÍA CON CONCIENCIA. FUNDACIÓN REPSOL

21/02/2017 19:27

O alumnado de 4ESO está a participar no proxecto da Fundación Repsol Energía con conciencia, que ten como obxectivo sensibilizar os mozos e mozas no uso responsable da exerxía. Esta mañá participaron nunha simulación dunha auditoría enerxética ao noso centro. Os datos que  recolleron nos seus traballos foron analizados con voluntarios da Fundación. Nunha análise científica que parte da observación e da experimentación, desenvolven competencias que han de repercutir non só neles, senón tamén nos seus compañeiros. O obxectivo é formalos na conciencia do concepto de eficiencia enerxética e de coidado do medio ambiente. Por suposto, o centro aproveitará a súa aprendizaxe e o esforzo dos profesores e profesoras implicados!

 

 

 



by Dr. Radut