Skip to Content

INTERCAMBIO CON FRANCIA 2017-18: BRETAÑA

Versión para impresoraVersión para impresora

Os nosos carrilexos de intercambio xa chegaron sans e salvos da súa extraordinaria viaxe a Francia. Foi unha aventura colectiva pero tamén moi persoal que quedará marcada na memoria dos e das participantes por moito tempo. O intercambio comezou o día 9 de marzo cando un grupo de 48 alumnos e alumnas do instituto do Carril, do IES Armando Cotarelo Valledor e do IES Fermín Bouza Brey. subiron no autobús. A acollida do collège La Roche aux Fées de Retiers foi magnífica e esperamos estar á altura cando nos toque a nós recibilos.

No programa da viaxe estaba como primeira etapa a visita da duna do Pyla, cerca de Burdeos, e a da cidade de Nantes. Posteriormente, visitaron diferentes lugares emblemáticos de Bretaña relacionados co tema central deste intercambio: o mar e a terra. Entre eles podemos citar o acuario de Le Croisic, unha panadaría e unha granxa ecolóxica, Fagots e froment, o bosque de Brocéliande, berce das lendas artúricas e das fadas Viviana e Morgana e do mago Merlín, unha granxa de ostras en Cancale ou unhas salinas en Guerande. Non podían faltar as visitas do Mont Saint- Michel e de Rennes, capital de Bretaña.

Pero o tempo non deu para máis e unha vez rematada a estadía en Bretaña o grupo viaxou ate París onde tivo a sorte de percorrer diferentes puntos da cidade que son xa símbolos universais. O último día en Francia estivo dedicado a Disney nunha xornada chea de ledicia para todo o grupo. A volta á casa foi vivida con emoción a pesares do cansancio. 

Esta experiencia completa de inmersión lingüística coñecerá a súa continuación no mes de setembro, esta vez en Galicia. 

Se queres ler os comentarios e as impresións do alumnado durante a viaxe podes entrar no blog de francés. Se só queres ver fotos da viaxe abre o album de fotos.

ALBUM DE FOTOS

Tamén podes ter a visión do outro lado visitando o sitio web do collège La Roche aux Fées.

Estes videos cruzados entre os rapaces galegos e bretóns ao día seguinte da despedida dan unha idea bastante boa do clima que se creou entre os participantes.

 



story | by Dr. Radut