Skip to Content

A MINERÍA DO OURO EN GALICIA

Versión para impresoraVersión para impresora

O venres día 5 de abril levouse a cabo na Biblioteca do instituto una actividade de Educación Ambiental coa participación de todo o alumnado de 1ºBacharelato, 3º e 4º de diversificación e o alumnado de Ciencias da Terra de 2º Bacharelato.

Estes aproximadamente 90 alumnas e alumnos foron conducidos polo xornalista Emilio Varela para descubrir o pasado, presente e futuro da extracción de ouro no mundo, e en Galicia en particular, facendo fincapé nas graves consecuencias medioambIentais da contaminación e os efectos sobre a saúde humana e os seres vivos da contorna deste tipo de actividade, concretamente das Explotacións de OURO en MINAS A CEO ABERTO, coñecida mundialmente como “MEGAMINERÍA”.

      

Emilio Varela é un xornalista dedicado á divulgación e á conservación do medio natural, que en varias ocasións pasou polo noso instituto tratando diversos temas como o do vulcanismo o pasado ano.

Sempre se vale de extraordinarias imaxes tomadas por el  in situ e comentadas con moito entusiasmo e sentimento, tentando que o alumnado se concentre, entre no tema e se interese por el.

O ouro está de actualidade en Galicia por estar a piques de aprobarse un plan de explotación a ceo aberto deste mineral na chamada MINA DE CORCOESTO en CABANA DE BERGANTIÑOS, na Costa da Morte, e pola existencia de proxectos similares de explotación de ouro noutros puntos da nosa xeografía.

A actividade rematou cun coloquio onde se fixeron preguntas e comentarios diversos e conferenciante e asistentes deixaron as súas dúbidas sobre a mesa .

En definitiva, tratouse ao longo da mañá ( de 10h00 a 14h30) de comprender unha problemática concreta, a do ouro, de espertar a conciencia crítica do alumnado plasmada nun problema local galego e de facer unha sesión de educación ambiental que resultou moi intensa e interesante, incluso emotiva pois Emilio é de Cabana, por achegarnos non só o aspecto científico do tema, senón tamén o social e as repercusións nas localidades próximas á mina con mobilizacións de parte da poboación debido á preocupación creada.

Unha vez máis púxose sobre a mesa a diabólica dualidade economía-ecoloxía , elementos que poucas veces son compatibles pero que en todo caso debemos tentar equilibrar para que o desenvolvemento económico non sostible remate con boa parte do planeta e da súa calidade de vida, que en definitiva é a nosa propia.



story | by Dr. Radut