Así é como se presenta a novela Meigas, de Esteban Folgar Brea, que visitou o Club de Lectura do noso centro o pasado martes 5 de marzo. O alumnado e o autor charlaron sobre diferentes aspectos da historia coma estes e sobre moitos máis, xa que foi un encontro moi participativo no que os mozos e as mozas lectores tiñan moito que comentar e que preguntar, e no que releron diversas escenas da novela para aproveitar que tiñan diante a Esteban, tal foron as ansias de saber máis! Nunha segunda parte da xuntanza, e en pequenos grupos, os alumnos e as alumnas estiveron cavilando e escribindo unhas notas sobre o que lles gustaría que acontecese nunha nova entrega de Meigas, no caso de que houbese unha continuación. Aínda quedou pendente traballar sobre esa tradición oral popular que existe arredor das propiedades das herbas, das pedras... e os costumes, ritos e a fraseoloxía que perviven en relación ao mal de ollo, aos amores... esas supersticións e crenzas que son máis ben cousas de meigas..., ou non? O Club de Lectura está moi agradecido con Esteban, compañeiro do IES Losada Diéguez, por compartir este momento cos rapaces e as rapazas lectoras do noso centro. Para nós, foi unha experiencia moi enriquecedora poder conversar co autor da nosa última lectura.
|
||||