Locura, un elogio a la diferencia

23-24 Club de Lectura Loucura (05-12-23)

O pasado martes 5 de decembro, o club de lectura de 3º e 4º ESO reuniuse para poñer en común de Locura, un elogio a la diferencia, un cómic guionizado por José Valenzuela e ilustrado por Alfredo Borés.

A obra trata a saúde mental a través dos testemuños de diversos pacientes que narran a súa historia dende unha visión metafórica, facendo uso de elementos oníricos, escenarios moi descritivos, monólogos, etc. Trátase dunha obra que axuda a entender non só aos que padecen os síntomas, senón aos familiares que os rodean, aos médicos que os tratan, e á sociedade en xeral.

Coordinadas por Lurdes, a orientadora do noso centro, as alumnas participantes no club de lectura fixeron a reflexión desta obra a través dunha actividade na que debían decidir sobre a vinculación de certos “síntomas” con algún trastorno mental. A súa opinión quedou reflectida na silueta dunha barca, elemento que o cómic utiliza de xeito metafórico. Foi esta unha tarefa nada sinxela, precisamente polos tópicos que existen acerca de certos diagnósticos e ao seu descoñecemento.

Con esta actividade conseguiron darse conta de que certas condutas ou síntomas forman parte dun trastorno cando se dan conxuntamente con outros indicadores durante un tempo determinado e causan un profundo sufrimento ás persoas que lles suceden, afectando á vida social, laboral, familiar, etc. 

Ademais desta actividade, as alumnas reflexionaron acerca de ideas extraídas directamente do cómic, dando a súa opinión e demostrando que a obra xera certa sensibilidade e achega ao lector adolescente un maior coñecemento do tema.