Regresa a festa do teatro escolar da Estrada

Un ano máis, regresa o teatro escolar á Estrada da man da Asociación Cultural Vagalumes, que organiza a VI Edición da Mostra de Teatro Escolar Olimpio Arca con motivo do aniversario do escritor e mestre. 

As representacións desenvolveranse durante os días 27 e 28 de novembro a partir das 18:30 no Teatro Principal, a entrada é libre e gratuíta e convidamos a asistir a todas as familias e á veciñanza.

Na Mostra participarán alumnos e alumnas de 8 centros escolares. Na primeira xornada será a quenda do CEIP do Foxo coa peza “Sobrevoando a Estrada”; do CEIP Villar Paramá con “O tupé non era tal”, baseada en el libro/cuento “A voda do galo Pinto”; do CEIP Pérez Viondi con “Dez vagalumes”, de Xoán Babarro; e do IES Antón Losada Diéguez coa obra “Eu tamén fixen ouigha co espírito de Castelao”, unha adaptación do relato homónimo de Séchu Sende.

Na xornada do martes poderemos asistir a "A propósito dos bicos", "Xuntos podemos" e "A viaxe de farrapos" dos colexios Figueroa, Cabada Vázquez e Oca, respectivamente. Tamén será o día no que subirán ao escenario os alumnos e alumnas do grupo de teatro do noso centro, que un curso máis son dirixidos pola nosa profesora de teatro, Cristina Andrade.