As memorias urxentes d'O derradeiro libro de Emma Olsen

A semana pasada tivemos a sorte de coñecer de conversar con Berta Dávila, que se achegou ao noso centro para manter un encontro co alumnado de 3º ESO arredor, sobre todo, da novela Un elefante na sala de estar, lectura da materia de lingua galega. Xa entón puidemos coñecer de primeira man como se achega a autora á materia literaria e á vida e como, dende a  sensibilidade e o lirismo, desenvolve unha capacidade extraordinaria para envolvernos na historia dos seus personaxes.

Algo semellante nos aconteceu con O derradeiro libro de Emma Olsen, a novela de Berta Dávila que Pablo Prado adaptou e ilustrou como novela gráfica. Emma Olsen, a protagonista, é unha escritora premiada que aos 40 anos regresa á pequena vila natal de Faith, no medio oeste americano, para enfrontarse a un cancro terminal e para voltar a vista atrás na ollada da adolescente que foi. 

Este foi o punto de partida para a posta en común que fixemos no Club de Lectura de 3º e 4º ESO, que coordinaron desta volta as profesoras Beatriz e Gelines tras unha primeira xuntanza mantida o 24 de xaneiro para preparar a visita da autora. Ademais da historia, analizamos o debuxo, que nos pareceu moi bo, especialmente as pequenas viñetas que en forma de carrís de tren nos devolven á adolescencia ou ás predicións de futuro da protagonista. Grazas a Berta Dávila soubemos que Pablo Prado dispuxo de toda a liberdade creativa para achegarse á historia e coincidimos en que o resultado foi extraordinario. Non nos estrañou que esta BD recibise o premio ao Mellor Libro de Ficción de 2014 que outorga a Asociación Galega de Editoras.