Ao encontro da(s) memoria(s)

O alumnado de 3º e 4º ESO que forma parte dos Clubs de Lectura reuniuse o martes 20 de decembro para poñer en común a primeira das lecturas do Club Memoria(s), que se achegará a través de diversos formatos e perspectivas (ficcionais ou biográficas) á recuperación da memoria entendida nun sentido amplo (a democrática-histórica; a dos movementos sociais; a dos pioneiros e pioneiras nos máis diversos  campos: ciencia, dereitos humanos, sexualidade, etc.).

Baixo a coordinación da profesora Rosario Blanco, e a colaboración dos profesores Román, Beatriz, Mónica Mato e Mónica Places, o grupo estreouse coa novela gráfica Jamás tendré 20 años, de Jaime Martín, unha historia real baseada na vida dos seus avós, que se coñeceron en 1936, antes da chegada da barbarie e a espiral de destrución da Guerra Civil e a represión franquista. Ao igual que nesta obra, na que unha historia de amor se ve intimamente ligada a historia colectiva, o alumnado e o profesorado participantes rescataron memorias familiares de persecución, morte, pobreza e penurias morais e físicas que, malia todo, non puideron apagar a alegría, a tenrura, a dignidade e o humor. Estas foron algunhas das temáticas e aspectos da lectura que fomos comentando co apoio das imaxes (presentación).

22-23 Clubs de Lectura Jamás tendré 20 años

AdxuntoTamaño
Jamás_tendré_20años_coloquio.pdf1.56 MB