Presentación dos clubs de lectura

Un total de 29 alumnos e alumnas responderon á convocatoria dos clubs de lectura que realizou a Biblioteca do centro ao longo deste mes de outubro, que foi reforzada polo profesorado implicado nas aulas e tamén a través da cartelaría nos corredores e na cafetería. O martes 25 reunímonos para coñecérmonos mellor, intercambiar as nosas inquedanzas lectoras e as expectativas ante esta actividade, así como as primeiras impresións sobre os títulos escollidos para iniciar a nosa andaina no curso 2022-2023. 

 

Por unha banda, o club Diversxs tivo entre as súas mans un libro que aborda o acoso escolar, Subnormal, de Fernando Llor e Miguel Porto, banda deseñada publicada por Retranca en lingua galega. Este impactante título achéganos ao caso real de bullyng sufrido polo ex-xogador de baloncesto Iñaki Zubizarreta. Cómpre falar nas aulas deste tema, porque o acoso entre iguais é unha lacra social, porque, como di o propio protagonista "o acoso é un monstro con cara de neno, que estraga infancias, marca vidas e, nos casos máis extremos, chega a provocar que nenos de curta idade atenten contra si".

Ese mesmo día reuniuse o segundo club de 1º e 2º ESO, de Igualdade, que fixeron unha primeira toma de contacto sobre a identidade de xénero a partir dun primeiro petisco de 22 segundos, novela de Eva Mejuto.

Por último, a banda deseñada Jamás tendré 20 años, de Jaime Martín, foi distribuída entre os alumnos e alumnas do terceiro grupo de lectura, Memoria(s), de 3º e 4º ESO. O libro, fermosamente editado, xa deu que falar a partir da simboloxía e as cores da capa, que espertaron a curiosidade de comezar xa coa lectura.