PROMOCIÓN DE 2º DE BACHARELATO 2022-2023

   

Herminia Pernas, Titora de 2º Bacharelato B

Victoria Pérez, Orientadora do Centro

 

DISCURSO DE HERMINIA PERNAS COMO REPRESENTANTE DAS TITORAS

Moi boas tardes a todos e benvidos ao tan agardado acto de graduación de 2º de Bacharelato.

Atopámonos hoxe aquí, despois de oito longos e duros meses, nos que chegamos á conclusión de que a materia non se crea nin se destrúe senón que se acumula toda en 2º BAC.

2º BAC. Ese curso tan duro e temido polos estudantes, aínda que despois comprobamos que non era para tanto. Sempre se empeza de forma convulsa, con moitas incertidumes e crispacións pero non é como se empeza senón como se remata. E aquí estamos!!!

Hoxe é un día importante para todos vós, un día no que ides deixar atrás unha gran etapa das vosas vidas, para empezar outra que, sei que vos emociona e asusta por igual (porque a min tamén me pasou). Aínda que hoxe imos celebrar que conseguístedes librarvos do instituto, o que se vos vén encima non vai ser un camiño de rosas. Dunha ou doutra forma, o instituto procurou axudarvos na vosa formación académica, e tamén na vosa evolución como persoas.

Pero hoxe non só debemos evocar este curso, senón os anos de estudo, xogos, risas, amores e choros vividos entre as paredes no noso Centro, mudas testemuñas de secretos e anécdotas. Lonxe queda xa aquel primeiro día de clase na ESO onde en cada un de vós mesturábanse sentimentos semellantes aos que agora tendes: temores, esperanzas, satisfacción por unha etapa cumprida e grandes expectativas ante a nova que se iniciaba.

Entón non nos coñeciades; éramos só unha parte máis dun centro novo ao que ansiábades chegar para seguir medrando. Pouco a pouco, apareceron os motes, os apodos e a confianza. Camiñamos ao voso lado e, aínda que ás veces puidéstedes pensar que vos poñíamos zancadillas ou cortapisas, non fixemos tal. Só queríamos prepararvos para a vosa vida adulta.

Alguén me dixo hai anos que os profesores e mestres sufrimos o mal da adulescencia, unha extraña enfermidade propia de adultos docentes, que presentan –fora xa das aulas- síntomas propios da adolescencia. Bendito mal que se alimenta cada día do virus dos vosos poucos anos e que, especialmente en 2º BAC, fai que nos calcemos de novo os zapatos deste curso previo á universidade, e se nos poña esa mirada tenra, rebelde e ás veces odiosa que teñen os que asisten ao instituto.

Pola nosa parte, só nos queda desexarvos moita sorte e agradecervos o feito de ternos convidado para pasar con vós este momento tan especial, no que será a última vez que nos vexamos como profesores e alumnos e tamén como compañeiros de clase. Como amigos verémonos por aí e incluso en non moitos anos, poida que sexamos colegas de profesión.

Por iso, este momento non é o fin da viaxe, senón simplemente un trasbordo dun tren a outro, que vos vai levar a cada un nunha dirección distinta, e no que coñeceredes a outros pasaxeiros diferentes. Como acabo de dicir, probablemente nos cruzaremos no camiño xa que a vida da moitas voltas e as vías do tren non son infinitas.

Sexa como sexa, quérovos pedir un favor, que nos vosos triunfos profesionais que sen dúbida han ser moitos, nunca decepcionedes como persoas. Iso é o verdadeiramente importante.

 

MOITA SORTE A TODOS E A TODAS E ATA SEMPRE

 

ENLACE AO VIDEO DO EVENTO