Presentación da película "VILAMOR"

O venres 23 de marzo preséntase no IES Monte Castelo a película "Vilamor" da productora Vía Lactea films.Esta actividade está organizada polo departamento de Artes e terá lugar na sala de usos múltiples de 13:10 a 14:00 horas.

A esta promo-presentación asistirán alumnos de 2º BAC e de 1º BAC de Artes. Na mesma participarán o director da película Ignacio Vilar (o mesmo de "Pradolongo") e tres actores protagonistas do filme (Rubén Riós, Xoel Yáñez e Sabela Arán) que falarán sobre a historia de Vilamor, como se fai unha película e sobre a situación do mundo cinematográfico e audiovisual en Galicia.

Máis información en : http://vilamor.eu/texto/vilamor-la-pelicula

Sinopse

 

Mentres a nave Enterprise comeza a súa andadura espacial, as Nais de Maio marchan por primeira vez en Bos Aires e Star Wars enche os cines de todo o mundo, nun marabilloso e recóndito lugar do noroeste español -recén rematada a ditadura de Franco- o tempo detense. E comeza un soño.

Breixo, un mozo altruísta cheo de boas intencións, atópase cos habitantes dunha comuna aparecida nas inmediacións da súa aldea, ao outro lado do río. Malia a súa cercanía ás forzas vivas da vila, Breixo déixase seducir polo ideal dun estilo de vida alternativo, e axúdalles aos mozos comuneiros a recuperar a aldea perdida de Vilamor. Sen propiedade privada, traballando na terra e en total comuñón coa natureza, o soño comeza a facerse realidade, a pesar dos constantes ataques das autoridades locais. O horizonte dun mundo novo debúxase nas montañas perdidas de Galicia.

Pero todo se complica cando Breixo se namora perdidamente de Sonia, unha das habitantes da comuna. O amor libre non está feito para el. Nin as drogas, nin o ateísmo absoluto... Con gran tristura, abandona Vilamor. Non todo o mundo está destinado a vivir este soño.

Trinta e tres anos despois, convertido nun escritor de éxito e cos ideais enferruxados nalgún recanto da memoria, Breixo regresa ao lugar onde viviu os mellores anos da súa vida.

O guión de Vilamor está inspirado nunha historia real, a das comunas que se crearon nos anos 70 en Negueira de Muñiz, na montaña de Lugo. Moitas desas persoas seguen alí vivindo e o seu testemuño foi moi valioso para escribir a nosa historia de amor, liberdade e conexión íntima coa natureza.

O director e os actores da película Vilamor co noso paraugas.