O martes, 30 os alumnos e alumnas de 1ESO A, que estiveron traballando co libro Os soños na gaiola de Manuel María, desprazáronse a Outeiro de Rei para visitar a casa natal do autor. No pequeno auditorio da Palleira da casa-museo realizaron un recitado de poemas seleccionados deste libro, do que se conmemoran os 50 anos da súa publicación. Visitaron a casa guiados por Antón, e foron levar flores, en sinal de respecto, ao cemiterio de Outeiro, onde repousan os restos de Manuel María, tal e como el quería.
A Terra Chá cantada polo poeta recibiunos nun precioso día de outono, e a climatoloxía, xenerosa, permitiulles pasear pola Carballeira de Santa Isabel e ver algunhas das aves que comezan a chegar á lagoa de Cospeito.